VIII Xornada da Sección de Literatura Dramática. VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal. A descentralización das artes escénicas


A VIII Xornada da Sección de Literatura Dramática. VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal. A descentralización das artes escénicas é unha actividade da AELG, que conta co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e do Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Terá lugar o 18 de novembro de 2023 no Forum Metropolitano da Coruña (Rúa Río Monelos, 1), con entrada libre e gratuíta para calquera persoa que queira acudir como público.

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Co paso do tempo, démonos conta de que o impulso necesario debía poñerse no apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater. Así naceu, no seo das xornadas, o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.
En todas as edicións deste evento sempre puxemos especial atención en dedicar un espazo para traer algunha personalidade relevante do mundo das artes escénicas que nos brinde o seu coñecemento sobre algún aspecto candente ou de actualidade. Ademais, esa personalidade tamén é convidada a ver e, se así o considera, intervir nas conversas de análise sobre cada un dos proxectos escénicos seleccionados, participando, incluso, no Xurado que vai valorar a posibilidade de premiar cunha estrea nun teatro un dos proxectos presentados no Festival.
Por tanto, dentro do programa incluímos unha Masterclass sobre un tema relevante. Para esta edición de 2023 propoñemos o tema “A descentralización na programación de artes escénicas en Portugal, o caso do Teatro Diogo Bernardes”. Sempre se considerou que as artes escénicas son un fenómeno metropolitano, para cidades grandes. A oferta maior sempre está nas capitais, incluso no que atinxe aos teatros públicos que non moven as súas producións. Isto xera unha periferia marxinada no que se refire ao acceso ás artes escénicas. Queremos convidar a unha directora ou director artístico de algún teatro portugués que estea a traballar neste ámbito para que nos conte os retos. A persoa que a vai impartir é Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima (Portugal).

VI FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2023
Estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta sexta edición do festival propoñémonos acoller 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo, e o director convidado para a Masterclass, Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán un proxecto coa posibilidade da súa estrea. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.

PROGRAMA
No Forum Metropolitano da Coruña (con entrada libre).

10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.

VI Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).
– 10:30 h. Primeira proposta escénica. A voar, de Andrea Dunia.
– 11:15 h. Segunda proposta escénica. Porvir dun centennial, por Laura López Esteban, Martín Espantoso e Marcos Grandal.
– 12:00 h. Terceira proposta escénica. Derma, de Sonsoles Cordón.

– 12:45 h. Aula maxistral sobre a descentralización das artes escénicas, a cargo de Luís Miguel Franco da Silva. Director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima (Portugal).

VI Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).
– 16:30 h. Cuarta proposta escénica. Uma Espécie Em Viagem, de Renata Flaiban & Grupo de Teatro Comunitário do Campo.
– 17:15 h. Quinta proposta escénica. Vida útil da porcelana, de Samuel Merino e Silvia Penas.
– 18:00 h. Sexta proposta escénica. A Busca, de Fabiano Assis da Silva.
– 18:45 h. Sétima proposta escénica. Neste Momento, de Alexandre Sá.

– 19:30 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, e Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo, contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados.

Cangas: representación de Despois das ondas, baseada nun texto de Ernesto Is

O sábado 7 de marzo, ás 21:00 horas, todas as persoas que  decidan achegarse ao Auditorio Municipal de Cangas poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza Despois das ondas, con texto de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, sobre unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Na véspera do #8M, Belén Constenla interpreta á diva do teatro e o cinema francés na súa volta a España trala morte de Franco. Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.