Desde Sermos Galiza:
“Despois da presentación en Ferrol, Tempo Catro xirará con Rosalía de Castro: Os ollos que falan por distintos teatros do país, dando a coñecer un disco que ofrece os Cantares Gallegos de Rosalía en clave de folk, música clásica, jazz ou tangos, unha variedade de rexistros que ofrecen unha maneira distinta de cantar á poeta.
Quen interpreta e dá voz a Rosalía é Begoña Lorenzo, unha artista que se mostra feliz e agradecida aos compañeiros de Tempo Catro por ter contado con ela para este novo traballo. “Tratei de retomar o que ela sentiu e deixeime levar tamén pola música. Compaxinei a lectura dos Cantares co ritmo da música mais interpreto a Rosalía que sinto, forte e entusiasta”, di Begoña Lorenzo do seu novo traballo.
Canda ela, os músicos Andrés Pazos, Suso Iglesias -autores da música-, Javier Cedrón, Antonio Romero e Pablo Salgueiro de Tempo Catro, danlle a nova sonoridade aos versos da poeta en once cancións que teñen como base outros tantos poemas de Cantares Gallegos, no 150 aniversario da súa publicación.
“Pareceume un proxecto precioso, un reto e unha irresponsabilidade que asumín encantada. A maioría temos en mente os poemas de Rosalía na voz de Amancio Prada que fixo un traballo importantísimo, mais cumpría darlle un ton máis positivo, máis loitador fronte á imaxe morriñenta e triste que aínda perdura”, comenta Begoña Pazos do novo traballo. (…)
O resultado contribúe, segundo di, a construír outra imaxe de Rosalía xa que “ a música canaliza, vai guiando e o disco ofrece esa poeta combativa e enérxica que se quixo negar, de forma moi próxima e comprensíbel, como un nexo entre Rosalía e o público” (…)”.
Arquivos da etiqueta: Suso Iglesias
Tempo Catro presenta en Ferrol o disco Os ollos que falan con once cantares de Rosalía
Desde Sermos Galiza:
“Os ollos que falan é o título do disco que o sexteto Tempo Catro presenta o 20 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol, nun concerto organizado pola Asociación Cultural Medulio. O novo traballo de Tempo Catro, proposta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, musica once cantares de Rosalía de Castro. Suso Iglesias e Andrés Pazos, profesores do Conservatorio de Ferrol, forman parte de Tempo Catro canda Antonio Romero (contrabaixo) e Javi Cedrón (violín). Begoña Lorenzo pon a voz a este proxecto que busca difundir os cantares de Rosalía neste ano no que se fai o 150 aniversario da súa publicación. Andrés Pazos e Suso Iglesias son autores dunha música no que se senten ritmos de valse, fado, salsa, mazurca, xota ou pasodobre.”
Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro “resucitan” a revista Luzes
Desde Sermos Galiza:
“O escritor e xornalista Manuel Rivas non tardou na presentación do novo proxecto editorial na Feira do Libro da Coruña en evocar o espírito de Loia. Tendo a Xosé Manuel Pereiro á beira era fácil que a memoria persoal remitise a aquel momento inicial na que os dous, en Madrid, botaban a andar aquela revista literaria-cultural de poucos números e moito entusiasmo. Son outros tempos, pasaron anos, mais Rivas e Pereiro volven animar a saída dunha nova cabeceira, como cando eran estudantes, como cando o xornalismo non era só un desexo senón tamén un proxecto de futuro. “O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas e esa é explicación que xustifica idear un proxecto en papel, en galego e para ler de vagar en tempos nos que a crise convida ao pesimismo.
Loia na memoria, mais tamén, e de maneira especial, Luzes de Galicia, aquela revista dirixida por Rivas que tiña sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo e que estaba conducida polo seu mesmo espírito libertario e “conservador” -de conservar o bo, o patrimonio, o medioambiente, a lingua…-, como a revista defendera na súa liña editorial. Referencia de igual maneira á desaparecida sección cultural da edición galega de El País, con que compartía iluminador título.
Presentouse na Coruña o número 0 que definiron como un exemplar inicial particular que non queren considerar definitorio. Sen embargo, apunta maneiras. Tratarase dunha revista mensual, con xornalismo de calidade e demorado, non para facer e ler ás presas, sen os límites que fragmentan e reducen os textos. Se unha reportaxe ou unha entrevista merece oito páxinas, pois terá oito páxinas afirmaron os promotores. “Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou Xosé Manuel Pereiro para quen Luzes responde á “perda de autoestima e confianza do xornalismo” e buscará convencer a quen quere “que lle conten cousas distintas”.
“Non estamos pretendendo encher ningún grande baleiro. Queremos intervir no proceso fronte á fatalidade, ao pesimismo aportando os nosos depósitos de esperanza” dixo o autor de A corpo aberto, o seu libro de xornalismo “indie” que ten na edición en español unha capa ilustrada cunha foto de Manuel Vilariño da mesma serie que a portada do número 0 de Luzes. Nos dous casos, unha muller co torso núo mirando á fronte de maneira decidida e porta sobre a súa cabeza material de traballo, na maneira tradicional de trasladar pesos. Para o escritor, o xornalismo non está en crise e diso dará conta Luzes, unha aposta por “combater a suspensión das conciencias”, explicado en vocabulario propio de Rivas.
Se Rivas e Pereiro se presentan como directores da nova publicación, o coordinador é o xornalista Iago Martínez, director tamén do programa radiofónico cultural Disimulen. Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos. Será unha revista de información xeral cunha importante sección de cultura que responde ao título de República.
Contan que as subscricións, as vendas, o apoio publicitario e a colaboración dalgunhas empresas abonden para que a conta de resultados permita longa vida a Luzes. O que si quixeron deixar claro é que a eles tres, o proxecto lles “presta”, teñen “alegría” de botalo a andar e, cos tempos que corren, iso é, ao seu ver, un valor en alza.
Luzes nace cun consello de redacción no que se atopan, entre outros, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, María Yáñez, Juan Janeiro, Antón Lado ou Julio Gómez e un consello editorial con Antón Patiño -tamén “descendente” de Loia-, Xoán Antón Pérez-Lema, Fermín Bouza, Lino Braxe, Xavier Seoane, Jonathan Dunne, Martine Siber, Ramón Chao, Débora Campos ou Suso Iglesias.”