Rodrigo Osorio: “O libro é un ‘artefacto’ co que me pregunto que sería de Lugrís se non houbese a guerra”

Entrevista de Ana Triñáns a Rodrigo Osorio en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): En que consiste Orixe orzánica das sereas todas?
– Rodrigo Osorio (RO): É unha construción ou máis ben un artefacto que ten dúas partes, o discurso de Urbano Lugrís na RAG en 1953 e a contestación a ese discurso, e a segunda parte é un estudo da súa vida e da súa obra, que é o que asino eu como Rodrigo Osorio, mais todo é inventado.
Lugrís nunca ingresou na Academia e os dous discursos, o del e o de Leandro Carré Alvarellos, son ficticios, igual que o estudo, e a vida que se conta tamén é unha invención porque a premisa da que parte a historia, que non está claramente explícita no libro, é que non houbo golpe de Estado en 1936 e como afectou iso na vida concreta de Urbano Lugrís.
Tamén hai consecuencias accesorias, claro, unha república federal no Estado español, un presidente da Xunta xa en 1953, hai mulleres na RAG nesa altura, María Casares é a directora do Centro Dramático Nacional nos anos 70… Non habendo golpe franquista non houbo mortes nin exilio.
– ND: Como xorde a obra? Hai nela unha mensaxe ou só un xogo?
– RO: Xorde pola admiración por Lugrís, cuxa obra coñecín en 1998, nunha mostra comisariada por Antón Patiño. Tempo despois, vin vivir á Coruña e coincidín con Xurxo Souto nun obradoiro no que se fundou In nave civitas, que entre outras cousas organiza o Día Lugrís no cabodano do autor.
Unha das cousas que chama a atención é que agora a difusión da súa figura está centrada na súa faceta de pintor, pero previamente a iso tivo unha vida distinta, comeza a pintar tras o golpe de Estado e pregúntome que pasaría se non houbese guerra, se desenvolvería a súa carreira doutro modo… Máis que unha mensaxe quero transmitir un sentimento.
Cada vez que vexo como foi a nosa sociedade até 1936 sinto unha mágoa enorme porque non quixeron que seguise a ser así. Non sabemos o que tería pasado pero si que foi truncado de modo violento e brutal por non estar de acordo coa xente que actuaba con liberdade do lado da cultura e da xustiza. (…)
– ND: O discurso xira arredor das sereas e dos homes mariños, lembra a Xurxo Souto…
– RO: A influencia de Xurxo Souto é fundamental. Fago referencia a Xerónimo del Hoyo que dá fe da existencia no século XVII dos homes mariños… Iso vén directamente das historias de Xurxo. Pero o que fai Lugrís é inventar no seu discurso como é que as sereas deixan de ser o que eran en Grecia, mulleres con ás, e pasan a ter cola de peixe.
Vai buscando e inventando fontes e lendas, o mago Bren e Larma, a muller que acabou dirixindo as sereas… A ligazón dunha e doutra lenda unida á imaxinación de Lugrís que vai cobrando forma ao longo do discurso, porque tamén é escritor, de contos, de poemas… E foi fillo do seu tempo en canto á escrita, contemporáneo de Cunqueiro, de Nabokov, de Borges…
Aí está todo un xogo coa realidade e coa ficción, porque as cousas que inventamos son tan importantes como as vemos á hora de construír a realidade… Urbano Lugrís tiña iso integrado e esa foi unha das asas ás que me agarrei para armar a historia. Son, digamos, dúas historias inventadas, a que idea Lugrís e a que creo eu con Lugrís, unha dentro da outra.”

A Coruña: 10º Día Lugrís

Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do sábado 10 e domingo 11

O sábado 10 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizada polo Concello de Santiago, e que rematará o domingo 11 (con horario de 11:00 a 21:00 horas) cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:

Sábado 10
13:00 h. Presentación de Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, publicado por Urco.
17:30 h. Presentación de A virxe das areas, de Antonio M. Fraga, publicado por Embora.
18:00 h. Tradutoras ao vivo: María Reimóndez e Patricia Buxán.
19:00 h. Alfonso Blanco: Do Latín ao galego… tamén na literatura; ou, motivos para traducir ficción dende o latín.
20:00 h. Marcha cultural en defensa da obra compostelá do pintor e escritor Urbano Lugrís. Partirá cun manifesto da praza da Quintana (carpa da SELIC) e logo percorrerá varias rúas da cidade. Está organizada por Alvarellos Editora en colaboración co colectivo literario In Nave Civitas da Coruña.
20:30 h. Marga Tojo presenta Últimos bruídos, publicado por Positivas.

Domingo 11
17:30 h. Presentación – concerto do libro cd Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas, publicado por Galaxia.
20:30 h. Rosalía Fernández Rial presenta Aulas sen paredes, publicado por Positivas.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 3

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz mércores 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación e contacontos do libro A canción do sol, de Estefanía Padullés, publicado por Hércules de Edicións. A continuación, sinatura de libros na caseta da Secretaría.
19:00 h. Presentación de Marta e a píntega, de Eli Ríos, publicado por Galaxia. Ademais da autora intervirán Nuria González, mestra de Educación Infantil, e o editor Francisco Castro.
19:00 h. Presentación de O amor nos escuros días de Birkenau, de Alberto Canal, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
19:30 h. Sinatura de Ledicia Costas na Caseta de Secretaría.
19:45 h. Presentación de Cámbiache o conto!, de Pinto e Chinto, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.
20:00 h. María Canosa asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.
20:30 h. Recital poético-musical sobre Lugrís, organizado por Alvarellos Editora e In nave civitas. Previamente, ás 20:00 horas, manifestación atlántica e recital, con saída do Vecchio.
21:15 h. Presentación d´O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Con María Canosa, Mercedes Queixas e Manuel Bragado.

A Coruña: V Día Lugrís, o sábado 20 de decembro

O V Día Lugríssábado 20 de decembro terá lugar na Coruña o V Día Lugrís, organizado polo Colectivo literario In nave civitas, en colaboración coa A. C. O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este é o programa previsto:

17:00 h. A arribada do grafiti (Praza José Sellier).
Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá, seguido do tradicional Obradoiro de Paraugas Pintados (Praza José Sellier). Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas. (Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)

17:45 h. Manifestación atlántica e surreal (Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos).
Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.

18:30 h. Recreación do intre no que Antón Avilés de Taramancos coñeceu a Urbano Lugrís (Xardín de San Carlos).
Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.

18:45 h. Manifestación atlántica e surreal (continuación) (Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio)
Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.

20:30 h. A habitación do vello mariño (Monty Ambigú)
Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O’Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.

Todos os actos deste V Día Lugrís son abertos.
Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino.