“Uxía Casal: concisión é fluidez”

Crónica de Erik Dobaño en EntreNós:
““Son moi curiosa e observadora”, di Uxía Casal na Livraria Suévia acompañada por Emma Pedreira e polo editor de Urco, David Cortizo. “A tenrura é para min o sentimento máis gratificante”, engade. “Quero dignificar, non amolar a lingua”. Uxía Casal vén de lonxe. “Son filóloga”, repite. E por iso discutiu, confesa, cada coma co seu editor. Por iso e porque a súa escrita lese, harmónica, en voz alta. E esixe precisión, atención en cada coma. O libro que trouxo de lonxe para presentar este xoves 1 de marzo na Suévia rodeada de chuvia e vento neste inverno intermitente é un libro de relatos sombrío, elegante e frío. Os adxectivos póñenos Pedreira e Cortizo que ponderan até as páxinas en branco, necesarias, coma a coma, para respirar entre tanta densidade desacougante. Hai morte e silencio e dor neses contos. “A literatura non está feita só de libros”, anota Pedreira. Uxía Casal vén de lonxe; e hoxe, de Ribeira, “onde o vento non ten máis para onde ir e dá a volta”. Uxía Casal publicou este mesmo volume (con un conto menos) hai vinte anos nunha colección que tomou o nome de Descubertas e sentiuse maltratada pola editorial e abandonada despois. “Penso que non entenderon o libro, empezando polo que me presentou en Ourense”. Agora Urco recuperou a obra e puxo coidado na edición. “Véxome viva mesmo na foto”, di Uxía. “O que dá de si unha vida… agora, cando escribo, son máis consciente do que estou facendo”.
Pedreira pregunta pola técnica, pola frialdade, a sobriedade e o machetazo que bota o lector fóra da vía contra o final de cada conto. E a autora asinte desculpándose. “Gústame ir directa, ao gran, aborrezo a verborrea e a pedanterías… esas machiruladas. Encántame a concisión, traballar nesa palabra que transmita todas esas sensacións que bulen aquí dento”, dentro da súa cabeza, curiosa e observadora.
Pero á autora tamén lle gusta a fluidez, que a prosa soe como a música e se lea en voz alta, tenra, gratificante… inda que fale das zonas escuras da vida, do inquietante que pode ser unha cama. “Non hai nada seguro”, advirte coma se estivera encetando un conto.”

Tabela dos libros. Febreiro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Uxía Casal: “Quen me dera a min ser a mestra do desacougo!”

EntrevistaUxía Casal de Carlos Loureiro a Uxía Casal en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Probaches literariamente co relato, tanto en literatura infantil e xuvenil coma para idades máis adultas… Un cambio moi salientábel á hora de escribir relatos dependendo da idade dos lectores, non?
– Uxía Casal (UC): Así é, pero non tanto. Explícome: cando se escribe para nenos unha é máis e menos libre; máis libre en canto que a fantasía pode incluso desbordarse -sempre que o relato sexa verosímil no xogo que propós- e menos en cuestións instrumentais; non se debe manexar unha sintaxe complexa, a variedade ou complicación léxica cómpre introducila con coidado e a acción ten que adecuarse ao público lector que, inevitablemente, descoñece moitas cousas. Escribir para adultos permíteche unha maior liberdade expresiva, non tes que parar a pensar se isto ou aquilo se comprenderá ben, porque dás por feito que os coñecementos dun adulto están por riba dos dun neno, así que tiras para adiante sen freo, aínda que logo corrixas e intentes mellorar o xa escrito. Á fin de contas non deixa de ser o mesmo: escribir. O mellor que saibas.
– NG: Sen embargo é moi posíbel que para unha escritora abondo identificada coa ficción escribir narrativa curta sexa máis gratificante ca narrativa longa…
– UC: Digamos que hai a mesma diferenza ca entre correr cen metros e tres mil. As dúas carreiras son gratificantes, mais os dispositivos e aptitudes son diferentes. Na narrativa curta necesítase unha precisión lingüística moito máis afinada que na narrativa longa; na primeira podes e debes ser máis impresionista, pois non veñen a conto descricións longas e detalladas; tes que crear un mundo ou un anaco de mundo sen entrar en moitas fonduras e para iso tes que escoller moi ben as palabras que empregas para que o resultado se comprenda e transmitas do mellor xeito posible o que pretendes. A narrativa longa pide descricións e diálogos nos que te podes espraiar, entras en detalles ás veces miúdos que adquiren unha importancia decisiva para entender mellor o personaxe e a acción e, sobre todo, leva moitísimo máis tempo… (…)
– NG: A voz feminina está moi presente na túa obra, así coma tamén a realidade social na que a muller se ve mergullada… isto non deixa de ser unha reivindicación feminista, non?
– UC: Pode verse así, aínda que non é algo consciente pola miña parte. Claro que resulta inevitable que semelle feminista se eu son feminista. Xa dixen antes que nestes relatos parto de realidades máis ou menos cotiás que agochan unha sorpresa e no mundo feminino, por sorte ou por desgraza, hai moitas sorpresas. Ademais, ao ser eu muller na época que vivimos e coa miña traxectoria, é imposible que non se reflictan parte dos meus pensamentos, do meu xeito de ver a vida… Non é algo buscado conscientemente, repito, pero sospeito que era inevitable.
– NG: E falando do anterior, pode unha autora, ou autor, permanecer allea, ou alleo, á hora de escribir ao seu pensamento, á súa realidade como persoa?
– UC: Non, é evidente. A escrita é unha faceta dun ser humano concreto e desde o momento en que escolles un tema, un personaxe, unha historia, xa estás amosando algo do teu pensamento e do teu xeito de ser e de estar no mundo, e iso ocorre incluso se pretendes plasmar algo por completo alleo a ti. A ficción non sae da nada, é o resultado de todo o que viviu, leu e procesou quen escribe; pretender ser unha escritora sen achegar nada de ti mesma paréceme imposible. (…)”

Cuestionario Proust: Uxía Casal

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Uxía Casal:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Curiosidade e tenrura.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humanidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Aceptación.
4.– A súa principal eiva?
– As arroutadas e a inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Aprender.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O actual: vivir sen maiores preocupacións.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sabereino cando chegue. Xa perdín o medo.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son, con mellor saúde.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera no que se me permita ser eu mesma e no que ninguén me diga que teño que facer ou pensar.
10.– A súa cor favorita?
– Depende: morado, laranxa, azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A gardenia.
12.– O paxaro que prefire?
– Se cadra o paporroibo, pero téñolle querenza á pega pola súa elegancia.
13.– A súa devoción na prosa?
Anxos Sumai, Antón Riveiro Coello, Proust, Ana María Matute, Carmen Martín Gaite. Por citar só uns cantos.
14.– E na poesía?
Víctor Campio Pereira.
15.– Un libro?
Memorias de África.
16.– Un heroe de ficción?
– Don Quijote de la Mancha.
17.– Unha heroína?
– Petra Delicado.
18.– A súa música favorita?
– O Sonoro Maxín, por amor. Os tangos.
19.– Na pintura?
– Georgia O’Keeffe, Van Gogh, os impresionistas en xeral.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Karen Blixen, Georgia O’Keeffe e tantas outras que loita(ro)n en liberdade polo que cren.
21.– O seu nome favorito?
– Carlos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía.
23.– O que máis odia?
-A mentira e a traizón.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos os déspotas sen importar a súa ideoloxía.
25.– Un feito militar que admire?
– A paz.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A creatividade artística.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz e sen público.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Inquieto.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aínda que tamén me rebenta, a sobreprotección.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”

Uxía Casal: “O momento máis eufórico da creación é posiblemente o inicio”

Entrevista a Uxía Casal en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Como é, para ti, o proceso de creación?
– Uxía Casal (UC): Resulta difícil contar de xeito racional como o fas. Tes unha idea do que queres escribir, e vas dando forma aos personaxes, teñen que crecer e evolucionar. Xenoveva tiña que viaxar, ver moito, bo e malo? Logo hai que comprimir, o relato esixe economía de medios, o reto é expresar o máis posible con menos. É coma un cadro impresionista, tes unha visión de conxunto, ves o cadro ao lonxe.
– LVG: Parece que o relato é fácil de ler, pero moitos esixen unha segunda lectura.
– UC: O relato para o público xeral, coma Vidas exemplares, ou Saturno tamén é deus, require un esforzo do lector, quen ten que completalo. Hai suspense, terror, e o final está sempre moi traballado.
– LVG: Fálame da novela.
– UC: Non me sinto cómoda escribindo novela negra. Escribín algunha de ficción e suspense, O faro de Arealonga, por exemplo, que tivo boa acollida. Ten acción, misterio, tamén reflexión. Trata da autonomía, do afán de superación, protagonizada por unha anana xornalista amiga dun fareiro científico. (…)”