Valentim Paz-Andrade, pioneiro do reintegracionismo e do Acordo Ortográfico

Artigo de Carlos Durão no Portal Galego da Língua:
“No percurso recente do reintegracionismo galego e do apoio ao Acordo Ortográfico, o vulto galego Valentim Paz-Andrade (1898-1987), homenageado este ano no Dia das Letras Galegas, foi pioneiro e encorajador, para além das outras facetas da sua personalidade realmente multifacetada: jornalista, empresário, ensaísta, poeta, narrador, economista, advogado, político republicano, exilado.
Algumas destas facetas são salientadas repetidamente em meios informativos e institucionais galegos, mas, via de regra, não o seu importante papel no reintegracionismo contemporâneo e o seu impulso ao Acordo Ortográfico, hoje vigorado nos países lusófonos. (…)”

Vigo: mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade

O martes 10 de abril, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, terá lugar unha mesa redonda sobre Valentín Paz Andrade, que, coa presentación e coordinación de Miguel Anxo Seixas Seoane, reunirá a Tucho Calvo, Xan Carballa e Charo Portela. Crónica posterior en Galaxia e no blogue de Ramón Nicolás.

Comezan as publicacións sobre Valentín Paz Andrade

A coincidir co Día das Letras que o homenaxea, comezan a ver a luz os lanzamentos editoriais arredor de Valentín Paz Andrade. Xan Carballa é o autor da biografía e mais da antoloxía do autor que acaba de tirar do prelo Galaxia. No caso da Antoloxía, Carballa seleccionou obras de ensaio, poesía e prosa do homenaxeado no Día das Letras deste ano, incluíndo o texto íntegro do seu poemario Pranto matricial. Galaxia adianta tamén a vindeira edición de Castelao na luz e na sombra, a biografía sobre o líder galeguista que publicou Paz Andrade.

Ourense: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O venres 24 de febreiro, ás 20:15 horas, na CEO de Ourense (Praza das Damas), preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, intervirá Pilar Rodríguez.

Publicado Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela

Desde Xerais:
Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, de Charo Portela, ilustrado por Jaime Asensi, é unha das novidades da colección Merlín do mes de febreiro. Este libro relata de forma amena e detallada a vida de Valentín Paz Andrade. As súas actividades como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista son presentadas por medio de documentos, fotografías e unha completa cronoloxía Unha aventura biográfica apaixonante dun home clave na historia do século XX, que concebiu Galicia como a súa tarefa. Completa o volume unha antoloxía de poemas e artigos do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012″.

A Coruña: exposición Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa

Entre o martes 7 de febreiro e o domingo 6 de maio, na Fundación Luís Seoane, poderase visitar a exposición Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa.
“Coincidindo coa homenaxe da que será obxecto o escritor e economista Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo 1987) o Día das Letras Galegas do presente ano, a Fundación Luís Seoane dedícalle á súa obra e á súa traxectoria vital unha exposición comisariada por Xosé Díaz Arias de Castro coa que pretende ofrecer unha visión ampla dun personaxe polifacético: poeta, ensaísta, activista político, empresario (…) Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa divídese en 25 seccións, ordenadas na súa maior parte cronoloxicamente, nas que o espectador atopará documentos orixinais, fotografías da época, mapas, debuxos, maquetas, diferentes obras de arte e documentos audiovisuais: un percorrido exhaustivo pola biografía, a creación, o compromiso e o inmenso esforzo de Valentín Paz-Andrade por reivindicar Galicia como nación, cultural e económica, e dotala dos medios e instrumentos necesarios para superar un atraso de séculos que impedía o seu desenvolvemento completo e o seu posicionamiento como enclave estratéxico dentro do espectro económico do século XX.”

Unha fita sobre Paz Andrade recollerá unha das últimas entrevistas de Díaz Pardo

Fragmento dunha das últimas entrevistas a Isaac Díaz Pardo desde Praza:
“(…) Deste xeito, a fita de Veloso incluirá unha das últimas entrevistas que concedeu o insigne galeguista. “A miña idea con Isaac era facerlle unha entrevista concreta sobre Valentín Paz Andrade, pero despois facerlle outra máis ampla sobre el mesmo. Ese día, o día que o entrevistamos, estaba xa tocado. Despois de media hora de conversa paramos, non nos queríamos exceder”, lembra o propio Veloso. Esa conversa con Isaac será unha das moitas voces que se recollen neste proxecto, no que anda a traballar o realizador dende o pasado verán. O seu testemuño estará acompañadas por outros como o do xornalista Tucho Calvo, o escritor Neira Vilas ou Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo. “O documental será un retrato coral, un puzle xeral sobre Valentín. Pero a min paréceme tan importante neste proxecto o autor que se trata como as persoas que van falar. As voces son tan importantes, quizais máis, que o propio Valentín. O documental é realmente deles. Sobre todo no caso de Díaz Pardo, que xa non está”, explica o director.
Nesa entrevista, Díaz Pardo ofreceulle a Veloso moitas lembranzas sobre Paz Andrade. Contoulle, con voz pausada e a memoria lúcida, unha serie de anécdotas que retrataban a súa relación con Valentín e o momento histórico no que se moveron. Díaz Pardo rememorou como chegara as súas mans a obra máis lembrada do impulsor da revista Industrias Pesqueras. “Galicia como tarea, o primeiro que a leu fun eu. Luís Seoane recibiu os folios. El tiña moito que facer e entregoumos a min. Eu corrixín os folios”, explica Isaac, que tamén lembrou como a versión inicial axustábase ao momento histórico e aos límites da censura. “Corrixino eu. E claro, a obra tiña que ir co estilo do franquismo… El Ferrol del Caudillo, esas cousas… Saquei esas cousas. Luís Estaba totalmente de acordo”, sinala. Noutro dos fragmentos da entrevista, que Veloso cedeu a Praza, Isaac Díaz Pardo eloxiaba o esforzo de Paz Andrade pola cidade na que viviu case toda a súa vida. “Vigo débelle todo a Valentín Paz Andrade, aínda que haxa quen queira quitarlle o posto”, sentencia. (…)”.

Rianxo: presentación de Vivir, unha aventura irrepetíbel, de Mercedes Queixas

O sábado 28 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase a biografía de María do Carme Kruckenberg Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas, publicada en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participarán, xunto á autora, Francisco Castro e Milagros Torrado. A seguir, terá lugar un recital poético no que participarán Esther F. Carrodeguas, Milagros Torrado e María Xesús Blanco, cunha intervención plástica do pintor Salvador Fernández Laíño. No mesmo emprazamento, ás 20:00 horas, terá lugar unha conferencia de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao á luz de Paz Andrade.