Desde Galaxia:
“A Editorial Galaxia publicará a obra Khôra, de José Luis Baños de Cos, gañadora do I Premio Castelao de Textos Teatrais e ambientada na cidade de Vigo. Este novidoso certame, impulsado pola Deputación de Pontevedra para poñer en valor a figura do intelectual galego e seguir impulsando a cultura e lingua galegas, foi un completo éxito de participación cun total de 43 obras presentadas.
O xurado, presidido por Luis López Diéguez, presidente da Deputación e integrado por Ana Carreira Varela, actriz, dramaturga e narradora oral; María Cristina Domínguez Dapena, docente e directora teatral; Vanesa Martínez Sotelo, actriz e dramaturga galega; Francisco Javier Núñez Alonso, director do Centro Dramático Galego; e Antonio Pena Abal, docente e escritor, escolleu por unanimidade a obra Khôra como merecedora deste primeiro premio Castelao, dotado con 12.000 euros. “A temática social, que amosa problemas do noso tempo; a calidade na escrita reflectida a través dos diálogos e da caracterización das personaxes; e a axilidade da súa estrutura” foron os argumentos esgrimidos polo xurado para elixir a peza do dramaturgo José Luis Baños de Cos.
En palabras do propio autor da obra: “Khôra trata sobre un grupo de amigos que se reúne cada venres para poñerse ao día sobre o acontecido durante a semana. A través destes encontros, a obra amosa a realidade social na que viven: os problemas da vivenda, o significado do fogar, os cambios ideolóxicos, a transformación das cidades en lugares menos habitables e como a procura de utopías rematan en distopías xustificadas en nome do progreso. En definitiva, Khôra é unha reflexión sobre o ser humano contemporáneo e sobre como cambiaron as súas relacións persoais e o seu vínculo co espazo que habita.””
Arquivos da etiqueta: Vanesa Martínez Sotelo
Literatura e filosofía centrarán as residencias do Pazo Mariñán, da Deputación da Coruña
Desde Nós Diario:
“A actividade da área de Cultura da Deputación da Coruña anunciou as oito autoras e autores que participarán nas residencias que terán lugar durante catorce días os meses de xullo e decembro.
Vanesa Martínez, María Esther Fernández Carrodeguas, Andrés Sanjurjo, María Soraya Lema, Paula Domínguez, Judith Ruso, Xosé Xerardo Pereiro e Abraham Pérez, son as oito autoras e autores que participarán na primeira edición das Residencias Artísticas Mariñán dedicadas a Literatura e Pensamento.
O xurado desta selección estaba formado polo videocreador Rafa Xaneiro, pola poeta Alba Cid e pola filósofa e ensaísta Rebeca Baceiredo.
Tamén participaron o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de sección de Cultura e Deportes, Manuela Muñiz, como secretaria. Na xuntanza tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.
Tras a encontro do xurado, Xurxo Couto explicou que “o obxectivo fundamental desta iniciativa é ir máis aló dos resultados finalistas, apoiando os procesos de creación e atendendo a unha demanda histórica das creadoras e creadores do país”.
O deputado de Cultura tamén salientou a “diversidade de propostas que concorreron a esta primeira convocatoria das Residencias que, ao igual que ocorrera nas de música, confirma a pluralidade de temas e intereses que hai actualmente nas investigacións e na literatura de noso”.
Quendas en xullo e en decembro
No mes de xullo desenvolverán a súa estadía en Maríñán Andrés Sanjurjo e Vanesa M. Sotelo, na modalidade de Literatura, e Paula Domínguez e Judith Ruso, na de Pensamento. Mentres, en decembro será a quenda de Esther F. Carrodeguas e Soraya Lema Carballo en Literatura, e de Xerardo Pereiro Pérez e Abraham Pérez Fernández na de Pensamento. Cada estadía terá unha duración de 14 días.”
IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico para Vanesa Martínez Sotelo
O xurado do IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgarlle o galardón desta edición á obra Indoor, de Vanesa Martínez Sotelo. O premio da audiencia foi para O vento da illa, de Begoña García Ferreira.
O xurado estivo composto por Ánxeles Cuña, directora de teatro e dramaturga; Ana Romaní, directora do “Diario Cultural” da Radio Galega; Ruben Ruibal, dramaturgo e co-autor da obra gañadora na anterior edición; María Paredes, coordinadora de programación da AGADIC e Camilo Franco, crítico teatral. O xurado subliñou “a escrita contemporánea da obra gañadora, Indoor, así como a orixinalidade do texto cun ritmo medido e marcado para o tempo esixido e a súa linguaxe expresiva e poética na que destaca tamén o manexo da síntese”.