A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo

A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura.

MANUEL LOURENZO é o dramaturgo máis prolífico da historia do teatro galego, con máis de trescentas pezas de diferentes formatos, xéneros e estilos. Todas as súas pezas poñen en valor, a partes iguais, o literario e o teatral. A dramaturxia de Lourenzo asenta na palabra, explorando todas as súas capacidades performativas (na súa capacidade para facer e actuar, para mover), plásticas (na súa rendibilidade para xerar imaxes), sonoras (na exploración da musicalidade e de todos os seus reflexos) e ideolóxicas (porque nos seus textos o pensamento e as ideas ferven).
A obra de Lourenzo é, en si mesma, unha institución teatral de grande robustez e flexibilidade para atravesar os tempos e as modas. Nela conviven os mitos coas pequenas grandes historias do presente. Nelas entra o máis terrible e o máis marabilloso da condición humana.
Grazas a Lourenzo, desde mediados dos anos 60 até a actualidade, a praza pública do teatro, esa asemblea que se pensa xogando nos escenarios, nunca estivo baleira nin ficou pobre ou encollida.
Por iso Manuel Lourenzo soborda a Letra E de escritor, que lle concedeu a AELG, como máxima homenaxe, coa letra D de dramaturgo, porque a súa escrita salta dos libros á praza pública, a través dos corpos, as voces e o xogo teatral. Galiza é máis Galiza e nós somos máis nós na dramaturxia de Lourenzo.

(Texto elaborado por Afonso Becerra de Becerreá, coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG)

***

A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura quere convidarvos á festa-agasallo para Manuel Lourenzo o día 19 de decembro de 2021, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía da Coruña, do mesmo xeito que vos anima a que estendades e acheguedes o convite a todas as persoas coas que vos relacionades, as que son as vosas amigas e, en definitiva, a espallar esta homenaxe por toda Galiza. Queremos un Rosalía cheo para Manuel.

A Coruña: A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo, o domingo 19 de decembro

Desde a AELG sumámonos a esta merecidísimo recoñecemento a Manuel Lourenzo, Socio de Honra da nosa Asociación desde 2007, cando recibiu a Homenaxe O Escritor na súa Terra na súa terra natal, O Valadouro.

“A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura quere convidarvos á festa-agasallo para Manuel Lourenzo o día 19 de decembro de 2021, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía da Coruña, do mesmo xeito que vos anima a que estendades e acheguedes o convite a todas as persoas coas que vos relacionades, as que son as vosas amigas e, en definitiva, a espallar esta homenaxe por toda Galiza. Queremos un Rosalía cheo para Manuel.

Para facilitar o convite achegamos a tarxeta e o cartaz para que vos sirvan de altofalantes. Que non quede ninguén sen o seu convite para ir ao Rosalía o 19 de decembro.”

A SCD do Condado demanda apoio social para o Festival da Poesía

Desde Sermos Galiza:
““Nom queremos renunciar às exposiçons, nim ao comboio de baixa velocidade, nim à música, nim à poesia, nim ao bar, nim a projectar as curtas do Festival de Cans, nim aos passa-ruas, nim à festa infantil” din desde a organización do máis antigo encontro poético do país para explicar que desta volta recorresen á plataforma verkami para acadar o seu financiamento.
Escollen a Desobediência como tema do Festival como un berro contra os recortes, contra os roubos que lle tiran ás persoas para sufragar os bancos, contra as decisións que abandonan a cultura de base para alimentar proxectos como a Cidade da Cultura.
A SCD do Condado chega neste 2013 ao seu corenta aniversario, entidade que, desde o 1981 leva organizando o Festival da Poesía, vinte e seis edicións dunha festa de poesía que é xa referencia pola súa longa historia. Desde sempre, o proxecto foi autofinanciado, botando man de cotas de socios, vendas ou algún pequeno subsidio, partidas que a crise mermou de maneira notábel, o que obriga agora a recorrer a que xente de fóra faga as súas aportacións para que o Festival continúe.
Para alén da música, o programa do Festival de Poesía inclúe actuacións de Mónica de Nut e Virxilio da Silva, O som da triga, Banda Hospitaleira do Minho, Sacha na Horta ou unha feira popular cultural e actividades infantís en dous días cheos de cultura. Persoas do mundo da cultura como Chus Pato, Brais González, Ramiro Ledo ou Samuel Solleiro apoian a través das redes o Festival de Poesía.