“Por unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG”

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística:

“A galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é só o 4,6% da progamación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana.
A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español poden desfrutar dos mellores contidos televisivos na súa lingua agás as galegas.
Resulta alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego.
En canto á conveniencia de actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, desprézanse os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva. É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados ou na propria TVG.
Sr. Sánchez Izquierdo, Director Xeral da Corporación de Radio Televisión de Galiza
Sr. Román Rodríguez Rodríguez , Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.
Reclamamos unha canle Xabarín Club na TVG que emita continuadamente en galego e coa súa App, todos os días do ano, contidos actuais, anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega.

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o venres 29 de novembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, comeza este venres 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h.. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:

Venres, 29 de novembro
– 11:15 h. Rinocerontes e Quimeras, obradoiro de creación literaria con Marcos Calveiro, para rapazas e rapaces maiores de 11 anos, concertado con centros educativos.
– 12:15 h. Presentación de As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, con centros de ensino.
– 13:15 h. Encontro co escritor Marcos Calveiro, ao redor do libro Todos somos (Xerais).
– 13:30 h. Encontro con Manuel Lourenzo González, ao redor do libro Flor de area, editado por Xerais.
– 16:30 h. Presentación do documental Uxío Novoneyra: poeta alén.
– 17:00 h. Presentación do poemario Medrar nas mans, de Asun Estévez (Ir Indo).
– 18:00 h. Revista Oink! A revista do Xabarín Club.
– 19:00 h. Conversa con Luís Rei Núñez ao redor do libro Días que non foron (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 19:30 h. Conversa con Rosa Aneiros ao redor do libro Ámote Leo A. Destino Xalundes (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:00 h. Conversa co escritor Francisco Castro ao redor do libro O corazón da Branca de Neve (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:30 h. Conversa coa escritora Anxos Sumai ao redor do libro A lúa da colleita (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.