Quiosco: Grial 194

“Ante a proximidade dos 150 anos da publicación de Cantares gallegos, a revista Grial dedícalle o seu número 194 cun monográfico a Rosalía de Castro. Dolores Vilavedra e María do Cebreiro coordinan esta sección con colaboracións internacionais nas que se abordan cuestións como a aculturación en varios personaxes da autora ou a situación das mulleres escritoras nos séculos XVIII e XIX. Canda a isto, Víctor Freixanes asina un artigo de lembranza ao recentemente falecido Xaime Isla Couto, Ramón Villares reflexiona sobre a importancia de Galicia como tarefa de Valentín Paz Andrade. Unha entrevista co escritor Tom McCarthy, e as habituais seccións de crítica e creación son outras dos contidos desta entrega.” Vía Cultura Galega.

Santiago: homenaxe institucional a Xaime Isla Couto

“O xoves 5 de xullo, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia organiza unha homenaxe institucional a quen foi cofundador da Editorial Galaxia en 1950, o ilustre galeguista Xaime Isla Couto, falecido en Vigo o pasado 25 de abril. No acto intervirán, ademais do presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, o presidente de Editorial Galaxia, o rector da Universidade de Vigo (institución que concedeu a Isla Couto o doutorado honoris causa), o presidente da Real Academia Galega, un representante da Fundación Isla Couto e un representante da familia. (…)” Vía Galaxia.

Fina Xaime Isla Couto, o último da xeración Galaxia

“O economista e Presidente de Honra de Editorial Galaxia Xaime Isla Couto morreu este mércores 25 de abril en Vigo. Isla Couto foi un dos fundadores de Editorial Galaxia en 1950 e unha importante personalidade no ámbito da cultura galega e da galeguización da empresa e da banca en Vigo durante o século XX. (…)” Vía Cultura Galega.

Nomeamentos en Galaxia

Editorial Galaxia S.A., Merlín Comunicación S.L. e algunhas das Fundacións relacionadas coa editora están a proceder a un proceso de restruturación e actualización dos seus consellos. Unha das primeiras medidas foi o nomeamento de Xaime Isla Couto como Presidente de Honra das devanditas empresas e da Fundación que leva os apelidos da súa familia. Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol, asume asemade a Presidencia de Honra da Fundación Penzol.
Benxamín Casal, ata agora vicepresidente de Galaxia e de Merlín Comunicación, foi nomeado presidente de ambas as dúas empresas no último consello de administración das mesmas, e Alfonso Zulueta de Haz asume a presidencia executiva da Fundación Penzol, que dende o falecemento de Francisco Fernández del Riego dirixe Francisco Domínguez.
Ao mesmo tempo, Xavier Martínez Cobas, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo e vencellado dende hai anos a estas institucións, foi nomeado tamén novo Conselleiro Delegado de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, empresas que segue dirixindo Víctor Fdez. Freixanes.
O anterior Conselleiro Delegado, Manuel Meixide, foi nomado Vicepresidente Segundo destas empresas. O Vicepresidente Primeiro segue a ser Alfonso Zulueta de Haz, e o Secretario Xeral de todas elas, así como das Fundacións, Antón Vidal Andión.
Os actuais nomeamentos responden a un proceso de renovación e incorporación de novos conselleiros que se irá facendo pública segundo se vaian confirmando oficialmente. Tanto Xaime Isla Couto como Blanca Jiménez Alonso pasan a ser Presidentes de Honra por razóns de recoñecemento e saúde. A presidencia da Fundación Isla Couto asúmea Cristina Novoa, esposa de Xaime Isla Couto.