Obradoiro/Santillana desembarca na literatura infantil e xuvenil co selo Oqueleo

Desde Cultura Galega:
“Un total de 22 títulos, dos cales 16 son de autores galegos, compoñen o importante desembarco co que se presenta o novo selo literario Oqueleo. A editorial Santillana, a través da súa filial galega Obradoiro está detrás desta proposta de literatura infantil e xuvenil, que conta con coleccións irmás en español (Loqueleo, nada en 2015), catalán (Jollibre) e, en breve, éuscaro (Begiko). Segundo explicou Ana Guerra, responsable de Obradoiro, a colección “era necesaria, xa que non contabamos cun proxecto literario forte” para estas idades, ao estar as editoras centradas no ámbito educativo. A colección conta con 5 liñas, a primeira delas orientada para lectores a partir de seis anos e última, xuvenil, pensada para os que teñen catorce ou máis.
A partir da primeira semana de abril estarán dispoñibles os primeiros quinte títulos, e na segunda quincena do mes, outros 7. Neses lanzamentos iniciais atópanse versións en galego de clásicos como Matilda de Roald Dahl, Momo e A historia interminable de Michael Ende ou tres volumes da serie O Nicosaliño de Sempé e Goscinny. Canda a eles, unha nutrida presenza de autores do país fai parte desta estrea, con nomes como Xabier P. DoCampo, Paula Carballeira, María Canosa, Jaureguizar, Xavier Estévez, Héctor Cajaraville ou Kike Gómez entre outros. Polo momento non está prevista a tradución das obras dos creadores do país a outras linguas da colección. (…)”

Gañadoras/es dos Premios Frei Martín Sarmiento 2016

DesdeFrei Martín Sarmiento a Xunta de Galicia:
Premio Frei Martín Sarmiento
Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o Premio Frei Martín Sarmiento recaeu este ano na escritora Paula Carballeira, pola súa obra A Burra Ramona; na categoría de 3º e 4º de primaria, o gañador foi Xavier Frías, por As aventuras de Enrico Müller; na de 5º e 6º de primaria, Xavier Estévez, por Todos os soños; Santiago Jaureguízar fíxose co galardón na categoría de 1º e 2º de ESO por O veleno da risa e Agustín Fernández Paz, con A neve interminable, obtivo o de 3º e 4º de ESO. Na categoría de bacharelato e adultos, gañou o premio Francisco Castro, con Tes ata as dez.”

Entrevista a Xavier Estévez

EntrevistaXavier Estévez de Xosé Duncan a Xavier Estévez en Lermos.gal:
“- Lermos.gal (L): Quen é Xavier Estévez?
– Xavier Estévez (XE): Nacín en Bruxelas no ano 1969, fillo de emigrantes. Alí pasei os meus primeiros anos ata finalmente regresar coa miña familia a España no ano 1977. Tras estudar EXB en Vigo, fixen BUP e COU no Instituto da Guía da mesma cidade. En 1987 comecei os meus estudos de Maxisterio en Pontevedra para acadar a diplomatura en 1990. Os seguintes doce anos paseinos dando clase en diferentes escolas públicas de Galicia, ata entrar no ano 2003 no Colexio Divino Salvador (Vigo), onde sigo traballando na actualidade dando clase de Primaria.
Dende moi novo sentín unha grande atracción pola lectura e pola escrita. Os meus primeiros contos datan de cando tiña nove anos e o meu primeiro relato foi publicado (Faro de Vigo) á idade de dezaseis. Precisamente ese mundo infantil-xuvenil, vivido por min, é o que aparece reflectido nas miñas obras. En 2008 publico o meu primeiro libro A lenda do Rei Lobo (Ed. Tambre) e no ano 2010 o segundo, A rapaza da fiestra, na mesma editorial. No ano 2015 publico O corazón da maxia (Ed. Xerais) e Todos os soños (Ed. Tambre). (…)
– L: Pensas que é para ti máis doado motivalos [ao alumnado] por ter contacto cos dous mundos, o da docencia e o da escrita?
– XE: Quizais o feito de publicar teña unha grande relación co feito de ser mestre. Escribir, escribo dende moi pequeno. Non lembro moitas etapas da miña vida sen algún libro nas mans, que ler, para min sempre foi un dos grandes praceres. E o paso seguinte, escribir os meus contos, foi pouco despois, (gardo un conto meu de cando tiña nove anos que, seguramente, sexa o primeiro). Pero nestes anos de profesor, con tantas conversas sobre libros cos nenos, un acaba por descubrir cales son as súas inquedanzas, os seus soños, as súas preferencias. Así que, non só escribo as historias que a min me terían gustado con once anos, tamén escribo para eles, para os meus alumnos. (…)”

Finalistas da duodécima edición do Premio Martín Sarmiento

Desde o blogue do Premio Martín Sarmiento:
“Finalistas da duodécima edición:
Educación Infantil
– As Maimiñas; Unha viaxe polo mundo; Ed. Galaxia.
1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
– As Maimiñas; Unha viaxe polo mundo; Ed. Galaxia.
– Paula Carballeira; A Burra Ramona; Ed. Baía.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
María Canosa; Rubicundo; Ed. Xerais.
Xavier Frías; As aventuras de Enrico Müller; Ed. Edebé-Rodeira.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
– Xavier Estévez; Todos os soños; Ed. Tambre.
Pere Tobaruela; Formig4s. Misión Nova York; Ed. Xerais.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Andrea Maceiras; Miña querida Sherezade; Ed. Baía.
– Santiago Jaureguizar; O veleno da risa; Ed. Xerais.
5ª categoría: 3º e 4º de ESO
Agustín Fernández Paz; A neve interminable; Ed. Xerais.
– Silvestre Gómez Xurxo; De cristal; Ed. Xerais.”

Salceda: presentación de O corazón da maxia, de Xavier Estévez

OXavier Estévez venres 17 de abril, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Salceda, terá lugar a presentación do libro O corazón da maxia, de Xavier Estévez, publicado en Xerais, nun acto coorganizado pola editora e o Concello de Salceda. Participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.