O belén de Begonte xa ten gañadores do seu concurso de poesía 2023

Desde Terrachá Xá:
“O xurado do XLVIII Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, convocado polo centro cultural José Domínguez Guizán de Begonte, formado por Xavier Rodríguez Barrio, escritor; Sara Blanco Díaz e María Jesús Blanco Díaz, da Comisión de Cultura do centro convocante, e Xulio Xiz Ramil, presidente do Centro, fixo público o seu fallo.
Lidos os traballos presentados, acordaron premiar co primeiro premio, dotado con 600 euros e figura de Sargadelos a María Soledad García Riveiro, de Nigrán (Pontevedra), polo poema titulado Bethléem.
O segundo premio, dotado con 300 euros e figura foi para Xosé Otero Canto polo poema presentado co lema Luces sacrae, titulado Ao neno levade lelías de música e poesía.
Pola calidade dos traballos concedéronse dúas mencións de honra, dotadas con figura de Sargadelos. Foron para David Corral Díaz, begontés residente en Ferrol, polo poema presentado co lema Alecrín, titulado Un neno, noso veciño. O outro foi para Manuel Laespada Vizcaíno, de Albacete, polo poema Postales del Belén.
Os premios serán entregados o próximo 27 de xaneiro, no decurso do acto de clausura do Nadal de Begonte.”

Acta do XLIII Certame de poesía sobre o Nadal

Desde O Belén de Begonte:
“Reunido o xurado do XLIII Certame de poesía sobre o Nadal, convocado polo Centro cultural José Domínguez Guizán, formado por: Jesús Domínguez Guizán, Presidente do Centro cultural convocante; Xavier Rodríguez Barrio, escritor e Xulio Xiz Ramil, xornalista, acorda emitir o seguinte fallo:
Conceder o Premio Begonte de poesía, dotado con 600€ e estatuíña de Sargadelos ao poema “Lenda do Boedo e do non nado”, presentado co lema “Incognitus”, por Xosé Otero Canto, de Lugo.
O segundo premio, dotado con 300€ e estatuíña de Sargadelos concedeuse ao poema “Pavana de Nadal”, presentado co lema “Clara Campoamor”, por Laura López Esteban, de Lugo.
Pola calidade do poema, concédese unha mención de honra dotada con estatuíña de Sargadelos a “Un belén que nunca pecha”, presentado co lema “Gaiferos de Mormaltán”, por Carlos López Fernández, residente en Vilalba.
Os premios serán entregados o próximo 26 de xaneiro, ás 5 da tarde, no salón de actos do Belén de Begonte.”

Lugo: presentación de Terra fría, de Miguel Mato

O Miguel Matoxoves 29 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de Santo Domingo, 4), preséntase Terra fría, de Miguel Mato, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto ao autor, participan Eloi Caldeiro e Xavier Rodríguez Barrio.

Radiocrítica do 17-11-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 17 de novembro en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo (I, 0:30); Fulguración e silencio, de Xavier Rodríguez Barrio (4:22), Álvaro Cunqueiro o los disfraces de la melancolía, de Anxo Tarrío (9:04) e Os amigos de Santi, de Araceli Gonda e Xosé Tomás (13:02).

Vilares de Parga, Guitiriz: Díaz Castro na memoria, homenaxe a Xosé María Díaz Castro

OXosé María Díaz Castro 2 martes 14 de outubro, ás 18:00 horas, na casa natal de Xosé María Díaz Castro, do Vilariño nos Vilares de Parga, en Guitiriz, terá lugar o acto Díaz Castro na memoria, durante o cal a Deputación de Lugo inaugurará unha escultura de Ramón Villar dedicada ao autor. Participan na homenaxe os poetas Luís González Tosar e Xavier Rodríguez Barrio, xunto a varias autoridades.

Miguel Anxo Fernán-Vello gaña o Premio Cidade de Ourense con Habitación do asombro

“Con Habitación do asombro, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello fíxose coa XXVIII edición do Premio Cidade de Ourense de Poesía, un galardón que foi adxudicado por un xurado formado por Fernando de Castro Blanco, Teresa Devesa, Francisco Xosé Fernández Naval e Xavier Rodríguez Barrio, gañador da anterior edición do premio.
O xurado destacou da obra de Fernán Vello unha grande “unidade temática e estilística, con imaxes reveladoras e brillantes de grande perfección lírica”. Afondou tamén na consistencia duns poemas que calificaron de “longo alento”, xa que, ao seu ver “manteñen a tensión de principio a fin, sen decaer en ningún momento”. (…)” Vía Sermos Galiza.

Ourense: presentación de Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio, na Feira do Libro

Dentro da XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, o martes 5 de xuño preséntase, ás 21:00 horas, o libro gañador do XXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense, Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio, publicado por Edicións Espiral Maior. Participarán no acto, xunto ao autor, Isabel Pérez González e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Xavier Rodríguez Barrio: “Hai que quitarlle todos os matices políticos á lingua”

Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Xornal de Galicia:
“(…) – Xornal (X): Esta obra [Calado testamento] conseguiu un premio. Case todos os seus libros gañaron algún galardón. A única forma de poder publicar poesía é gañando algún certame?
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Non é a única forma, pero para a xente nova que comeza si que pode ser o único camiño. Cando eu publiquei o meu primeiro libro en 1973, non había premios que puidesen apoiar un libro. Había algúns como o Xosé María Chao en Vilalba ou o Castelao, pero pouco máis. Moitos deles non levaban nas bases a publicación do libro. Hoxe por hoxe e tal como está o mundo editorial, resulta complicado. Pero non só a nivel galego, senón a nivel estatal. Galaxia atende a poesía a través da colección Dombate, pero non o fai co ritmo que sería recomendable. Xerais publica moi pouca poesía. Hoxe por hoxe, está Espiral Maior. É insólito que chegue a 200 títulos de poesía publicados. É un esforzo incondicional que fai Espiral Maior a prol da poesía galega.
– X: Está a literatura galega un pouco limitada de galardóns poéticos?
– XRB: O Esquío morreu, por exemplo. E morreron outros. O Celso Emilio, comezara nos oitenta e era un premio que estaba consolidado a nivel de autores e contía económica. E desapareceu poucos anos despois de se crear, creo que a finais dos oitenta. Eses e outros acabaron desaparecendo.
– X: Como definiría Calado testamento?
– XRB: Neste libro tratei de facer unha fondísima e serena meditación sobre a experiencia do tempo. Un pouco, o título é contraditorio como a linguaxe que quixen empregar. É un pouco un balance, nestas alturas da vida na que teño cincuenta e algúns ano, do vivido, do pasado e do perdido. Falo da perda da inocencia, pero tamén fago unha lectura do amor e unha lectura da contorna familiar. Recollo un testamento calado, todo o que tes calado que vai formando parte dun suposto testamento, un suposto testamento que implica parte de silencio, parte de reflexión e parte de meditación.
– X: Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
– XRB: Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema Penélope: Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.
– X: Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
– XRB: Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.”

Xavier Rodríguez Barrio: ‘Os recitais son a forma máis directa de facer chegar a poesía ao receptor’

Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Galiciaé:
“- Galiciaé (G): Fálenos deses outros proxectos…
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Aparte de estar traballando na elaboración doutro poemario, que comecei dunha forma case paralela a este, e de desempeñar o cargo de coordinador de normalización lingüística na Deputación de Lugo; adiqueime á paixón que teño polo recitado, unha actividade que desempeñei xunto a Luciano Pérez. Xuntos fixemos unha montaxe musical moi moderna. Percorremos vilas e cidades de Galicia, Portugal; Madrid e Barcelona. Mesturábamos instrumentos como a zanfona recitando poesía moderna e contemporánea. Imaxínate o poema de Ferrín Magnolias recitado con instrumentación medieval. Tamén recitabamos outros autores como Manuel Cuña Novás, Tovar ou Manuel María, e mesmo os trovadores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas de 1998. Durante os anos 96, 97, e 98 recitamos unhas montaxes musicais cos clásicos e moitos dos contemporáneos; desde os precursores Curros, Rosalía… ata García-Bodaño e Manuel María. Son un grande amante dos recitais, é unha forma directa de facer chegar a mensaxe ao receptor. Prefiro que a xente escoite os meus poemas a que os lean. Baixo a miña opinión é a mellor maneira de divulgar a poesía, ademais cando publiquei o meu primeiro libro tiven a sorte coincidir dous grandes mestres nisto de recitar: Uxío Novoneyra e Carlos Oroza. (…)
– G: Como lingüísta, ¿como ve a saúde do galego na actualidade?
– XRB: A saúde do galego é boa comparandoa a cando eu comecei a escribir. Daquelas non había máis gramática que a de Ricardo Carvalho Calero e estaba en castelán: Gramática elemental del gallego común. E o único diccionario que había era o de Xose Luís Franco Grande, un tocho vermello publicado por Galaxia. Desde logo o avance é abismal a nivel de implantacion e saúde, o avance é infinitamente grandioso. Outra cousa e que a estas alturas, uns 30 anos despois da normalización lingüística debería haber un tipo de implantación máis avanzada da que hai. E desde logo o que o idioma estea baixo un constante sometemento aos vaivéns das lexislaturas dunha ou outra cor, facendo que unhas veces suba, outras baixe, outras oscile, outras quédase aí… É como o poema de Xosé María Díaz Castro, Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Eu creo que o idioma ten que ser respeitado politicamente con independencia da cor que teña. É un apoio indispensable para a saúde perfecta, ideal e plena do idioma.”