Arquivos da etiqueta: Xoán Carlos Domínguez Alberte
Xoán Carlos Domínguez Alberte: “Queriamos reivindicar un espazo cultural singular como é a área histórica arredor de Celanova”
Entrevista de Laura Veiga a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Como xurdiu o obradoiro de poesía en Celanova?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Arredor da primavera ou do verán do ano pasado chamáronme da AELG, da que eu formo parte como membro do Consello Directivo, coa intención de que fixese un obradoiro de creación literaria no ámbito de Ourense. Despois de meditalo, fixen a proposta de levalo a cabo en Celanova e centralo na poesía. Para nada tiñamos a idea de publicar, mais o que ocorreu foi que a medida que se foron desenvolvendo as sesións de traballo pensei en facerlles un agasallo cos textos que fóramos creando.
Fun madurando a idea e conseguimos a colaboración de empresas locais como foi a imprenta Celanova e o propio Concello e así naceu esta edición limitada que quedará para a historia cultural. Ademais, o libro foi enriquecido coas colaboracións gráficas de Baldo Ramos.
– ND: Como foi o proceso de escrita entre autoras e autores tan diversos?
– XCDA: As idades do alumnado do obradoiro están entre os 16 e os 60 anos aproximadamente. Son homes e mulleres con perfís e expectativas moi diversas, entón o fío condutor do obradoiro ten moito que ver cos obxectivos principais que eu concibín. Por unha parte, reivindicar un espazo cultural singular como é o territorio situado historicamente arredor da área de Celanova, dando a coñecer e profundando nalgunha vertente a obra creativa de autores significativos desta área, e por outra, fomentar a creatividade literaria e poética a partir dos modelos propostos.
O que facía era ofrecer uns textos ao comezo de cada sesión, que están detallados no libro, para analizalos e, a partir de aí, facer nós ese tipo de texto. Por exemplo, inspirándonos na poesía narrativa de Curros ou na poesía épica de Ferrín.
– ND: Neses textos empregados, todos os autores son homes. Cal foi o criterio para escollelos?
– XCDA: En primeiro lugar, procurei que houbese complementariedade nas temáticas e nos enfoques, que no obradoiro houbese pluralidade de voces, procurando sempre dar a coñecer unha faceta máis ou menos coñecida dos autores máis representativos ou máis significativos. O feito de que todos sexan homes é así por imperativo. A realidade non a podemos ocultar e a maior parte da produción poética deste territorio, até o de agora, estaba feita por homes, que como digo afortunadamente xa non é o caso.
No obradoiro si que había mulleres, como se pode ver na relación de poemas producidos nese marco. Por outra parte, hai un novo libro que está a piques de saír editado no que incorporo e reivindico a poesía de moitas mulleres. Este libro chámase Aires de poesía. Escolma de poetas da bisbarra de Celanova e recolle tanto homes como mulleres que se quixeron vincular porque teñen algo da súa obra relacionada co noso territorio ou porque, pola súa orixe ou por outras diversas razóns, están relacionadas con el.
Desta maneira, se houbese outros obradoiros en sucesivos anos, poderíamos xogar cun campo máis grande por esta descuberta de voces en feminino, moitas das cales están producindo agora mesmo.
– ND: Que diría que lle achega ás persoas acudir a este tipo de obradoiros?
– XCDA: Iso igual é algo que debería contestar cada persoa, mais polo que fun vendo no meu alumnado, o primeiro, evidentemente, é a oportunidade de mergullarse de cheo e estar en contacto con textos literarios diversos. Por outra parte, diría que tamén lles achega certa confianza, seguridade e ganas. De feito, algunha destas persoas agora está traballando en proxectos que tiña pausados e está avanzando neste traballo editorial. E sobre todo, contrastar perspectivas, que para quen somos creadores é algo que nos vai moi ben, ver outros puntos de vista.”
Celanova: presentación de A árbore que dá as lágrimas de Shiva, de Cesáreo Sánchez Iglesias
Celanova: presentación do libro Facer poesía en Celanova
Obradoiro de creación literaria Facer poesía en Celanova, con Xoán Carlos Domínguez Alberte
O Obradoiro de creación literaria Facer poesía en Celanova é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración da Fundación Curros Enríquez e o patrocinio da Xunta de Galicia, a cargo de Xoán Carlos Domínguez Alberte e cunha sesión especial de Baldo Ramos.
Creación poética chea de tradición
Espirais milenarias de pedra que moldean os vendavais da historia.
Ecos senlleiros de voces descifrando os latexos do auténtico.
O trazado da letra ou a música de cicelarmos as palabras intensas.
O brillo do cristal refulxe na emoción pura do poema.
Achégate á escrita en Celanova da man de grandes poetas
– Terá lugar na Casa dos Poetas de Celanova (Rúa Curros Enríquez, 37).
– 20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. A inscrición, gratuíta, pode realizarse no correo electrónico oficina@aelg.org
Calendario e horarios
– Sábados 1, 8, 15, 22 e 29 de outubro; e 5 de novembro de 2022, de 10:00 a 13:00 h.
– Sábado 12 de novembro de 2022, de 10:00 a 12:00 h.
Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.