Morre o escritor e xornalista Ramón Chao

Desde Sermos Galiza:
“Faleceu en Barcelona aos 82 anos. Era irmán de Xosé Chao Rego e pai do músico Manu Chao.
Apagouse a voz de Ramón Chao, escritor, xornalista e músico. Foi a música a que o levou a París, en 1955, após gañar ese mesmo ano no Estado español o Premio Nacional de Virtuosismo. Fixou a súa residencia na capital francesa. Alí foi onde comezou no xornalismo, en Radio Franza.
En 1968 fo nomeado xefe do servizo cultural de Radio Franza en español e portugués. Correspondente da publicación progresista Triunfo, dirixiu emisións en lingua galega desde a emisora francesa. A súa brillante carreira xornalística -e como autor de diversos ensaios- viuse coroada en 1991 cando foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno francés. (…)”

Meira: IV Festa da Afirmación e Dignidade

imm_irimia-2016

Xosé Chao, Xosé Alvilares e Xosé Neira. Tres grandes galegos que se nos foron, por Victorino Pérez Prieto

ArtigoVictorino Pérez Prieto de Victorino Pérez Prieto en Sermos Galiza:
“(…) Xosé Neira Vilas era xustamente moi coñecido dos galegos, e xa levaba moitos anos figurando nos libros da literatura e da historia de Galiza, como un dos nosos meirandes escritores; como é sabido, o seu Memorias dun neno labrego é o libro máis exitoso da literatura moderna galega. Aínda que a morte de Anisia, a súa dona, o deixara moi tocado nos derradeiros anos, seguiu ben activo até a fin, agarimado especialmente pola xente da súa Fundación. Tiveramos moitos bos encontros nos últimos anos; eu recoñecéralle o moito que disfrutara cos seus libros, e el manifestarame o seu agradecemento particular polo que dixera -e logo escribira- do seu Balbino, nun memorable curso da UNED nos seus cincuenta anos; alí reflexionara verbo da gran sensibilidade relixiosa, a vez que crítica, que manifestaban Memorias dun neno labrego e Aqueles anos do Moncho. El tamén me manifestara de palabra e por escrito (nun dos seus artigos da “Cancela aberta” en “El Correo Gallego”) o moito que lle gustara o meu libro Prisciliano na cultura galega (2010), e polo que lle estou moi agradecido. (…)
Xosé Chao Rego tamén disfrutou moito en vida de xusto recoñecemento dos galegos, como ensaísta e creador de valiosos proxectos, sobre todo no eido da Igrexa galega. Pepe era cristián e galeguista, empeñado na inculturación da fe cristiá nesta terra galega, para que a Igrexa galega fora un verdadeiro espazo e camiño de liberación. A nosa amizade foi máis longa e intensa, polo moito que compartimos xuntos; sobre todo na revista “Irimia”. Esta foi a neniña dos seus ollos, que alentou con ilusión desde antes de nacer; algúns dos seus primeiros números case os argallamos el mais eu sos na súa casa de Vilalba, cando eu vivía tamén en terras lucenses, nas parroquias de “Tras da Corda”, a comezos dos anos oitenta. Pepe Chao era un home creativo e xeneroso, como sabemos todos os que o tratamos. Era un “animal relixioso” -como el mesmo se definira- e un “galego renacido”; de aí os seus compromisos con Galiza e coa Igrexa galega, feitos sobre todo a través dos seus moitos escritos, pois era señor das palabras e un escritor de pluma áxil. (…) Pode que sexa moito dicir que as nosas foron “vidas paralelas”, e certamente fomos diferentes, pero o certo é que –ainda que el con máis de vinte anos máis ca min, e eu recoñeéndoo como mestre- as nosas vidas tiveron moito en común: ordenámonos de curas e logo casámonos xusto aos 25 anos de facelo (el xusto cando eu empezaba); como persoas que quixemos vivir intensamente a nosa fe relixiosa e cristiá, estudamos e afondamos na teoloxía e no pensamento e fixemos unha aposta clara por unha teoloxia renovadora e unha Igrexa comprometidamente galega; ambos tivemos a “funesta manía de escribir” –que dixo alguén- e escribimos e publicamos moito (el máis de corenta libros, eu levo máis de vinte, e ambos centos de artigos), sobre todo en galego e desde o claro compromiso con Galiza (el foi o que máis paxinas en galego publicou en toda a historia da literatura galega) (…)
Finalmente, Xosé Alvilares Moure, ainda que non resulta tan coñecido para o común dos galegos, foi outro home grande, clérigo crítico e galeguista como Chao, que tamén nos deu moitas e boas páxinas, e que me agasallou coa súa amizade xenerosa. Como Pepe Chao, a súa vida e obra enchen algunhas páxinas do meu Galegos e cristiáns. Alvilares era un home crítico, na Igrexa e na sociedad, rebelde, decidido defensor da renovación da Igrexa segundo os aires do Vaticano II; e tivo que pagar por iso un alto prezo que deixou reflectido no seu magnífico e longo ensaio Memorial de agravios (…)”

Xosé Chao Rego: o máis prolífico teólogo e antropólogo que deu Galiza

ReportaxeXosé Chao Rego en Sermos Galiza:
Na mañá do sábado, falecía Xosé Chao Rego. Sermos Galiza recolle reaccións á súa morte de recoñecidas persoas que o trataron. Todas elas destacan a inmensidade da súa obra e o seu amor polo país. (…)
Pilar García Negro: “Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”
“Era ou é, porque continúa vivo en toda a súa obra, un dos escritores galegos máis recoñecidos e mais admirados por min. Moitas das súas obras, agarimosamente dedicadas por el, foron moi lidas e moi aproveitadas. Coido que é o ensaísta de obra máis abundante das letras galegas de hoxe. Cualitativamente, tamén dunha obra onde se alía o gran rigor, a erudición e o coñecemento dun verdadeiro sabio. E estou a falar de disciplinas ou fontes de coñecemento como a Filosofía, a Teoloxía, o Biblismo e a Historia. Tamén a moitos saberes relacionados coa lingua galega. Alíase todo isto cunha excelencia literaria e mesmo cunha amenidade na exposición e na divulgación que fan da súa obra un auténtico manancial de saber, coñecemento e agrado, con atractivo literario. Foi absolutamente pioneiro no tratamento dalgúns temas, como a homosexualidade ou figuras históricas da nosa tradición, como Prisciliano (por citar só dous exemplos dunha obra tan rica e tan ampla). Ten que continuar vivo non só na memoria, senón na lectura de todos e todas nós”.
Marica Campo: “Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno”
“No comezo da súa escrita en galego escribiu máis do que escribiron autores e autoras que o facían desde o principio en galego. Foi realmente moi prolífico e conseguía tratar cuestións moi fondas cun estilo moi fresco, próximo e agradábel de ler, moi ameno. Foi toda a vida un gran crente, de verdade. A súa paixón, xustamente, era achegarlle á xente a historia do pobo de Xesús de Nazaret. Para min, era un grande amigo. Gardo con moito cariño unha Biblia que me agasallou”. (…)”

Un novo golpe á cultura galega: morre Xosé Chao Rego

DesdeXosé Chao Rego Sermos Galiza:
Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932) morreu este sábado 28 de novembro ás 9:30 h., tan só un día após o falecemento de Xosé Neira Vilas. O teólogo e escritor, entrou no seminario de Mondoñedo con dez anos. Posteriormente, licenciouse en Filosofía en Salamanca e Madrid. Tamén pasou por Roma, de onde voltou a Mondoñedo con 24 anos licenciado en Teoloxía.
Durante 17 anos, Chao Rego exerceu de párroco en Santa Mariña do Vilar, Ferrol, e en 1976 retirouse á casa natal de Vilalba para se dedicar ao estudo cultural e relixioso. Tamén profesor de instituto en Vilalba e en Compostela.
Promotor da revista Irimia e Encrucillada, Chao Rego recibiu o Premio de Ensaio da Crítica en 1983, foi finalista do Premio Nacional de Literatura polo seu ensaio Eu renazo galego e no ano 2002 dedicóuselle o Día das Letras Chairegas. Desde ese ano, é socio de honra da AELG.
Entre a súa prolífica obra destacan Prisciliano, profeta contra o poder; Para comprendermos Galicia; Eu renazo galego; Camiño verde: ecoloxismo e creación; A condición homosexual; ¿Por que nos sentimos culpables?; Na fronteira do misterio: credo para xente non crédula; O demo meridiano, lembranzas dun transgresor; Biblia Popular Galega; O sexo, a muller e o crego ou Itinerario da conciencia galega.
O corpo de Chao Rego estará no tanatorio de Boisaca para ser velado e o funeral será este domingo en Boisaca.”

Presentación de dous novos libros de Xosé Chao Rego

As obras Iglesia y franquismo. 40 años de nacional-catolicismo (1936-1976) e Iglesia y posfranquismo. 17 años de transición (1976-1992), de Xosé Chao Rego, serán presentadas na Galería Sargadelos de Compostela (Rúa Nova, 16). Intervirán no acto Bernardo García Cendán (profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago), X. Amancio Liñares Giraut e Antonio Puentes Chao (directores editoriais de 3C3) e o propio autor.