Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Xosé Díaz Jácome naceu no mindoniense barrio dos Muíños ás doce do mediodía do 19 de abril de 1910. A súa casa natalicia estaba situada nos Muíños de Abaixo, no número 24, pé da Fonte dos Pelamios, onde hoxe se ergue unha estatua súa realizada polo artista Quique Guerra á que se chega camiñando polo paseo que leva o seu nome. Andando o tempo, a súa familia trasladaríase a unha nova vivenda, xa nos Muíños de Arriba, que había ser o lar referencial para o poeta, quen escribiu alí os primeiros textos e a plaquette coa que se estreou, Primeiras cantigas do amor (1936), epilogada polo seu amigo fraterno Álvaro Cunqueiro e impresa mercé ao mecenado do músico filántropo e tonsurador de barbas Manuel Ledo Bermúdez O Pallarego. (…)
O poeta, que de neno foi pícaro alegre e xogantín e a piques estivo de ser arrastrado polo río Valiñadares no muíño grande dos Pelamios que pasaba a carón da súa casa natal, nunca esqueceu o barrio de nacenza, a Venecia mindoniense navegada polas correntes do Río Vello ou Valiñadares ou Ares, que dos tres xeitos é coñecido na cunquiña deleitosa de Leiras. Tanto é así que un dos seus libros maiores leva no propio título a emblemática construción na que se desenvolvía a oficio histórico do barrio, ao que sumou aínda un adxectivo revelador da súa adhesión sentimental: Muíño fidel (1983). (…)
O 6 de setembro de 1998 deixábanos, na Coruña, Díaz Jácome. O seu corpo foi trasladado ao día seguinte e agora descansa preto do lugar no que viu a luz primeira, no Cemiterio Novo de Mondoñedo, ao norte da cidade, na saída cara ao Cantábrico no que deitan as augas do río que baña o barrio. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xosé Díaz Jácome
Manuscritos: Xosé Díaz Jácome
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nos fondos da Fundación Penzol consérvase este manuscrito que desde aquí se dá a coñecer. Trátase do poema “Éstase” de Xosé Díaz Jácome, autor que foi de tres libros de poemas: Primeiras cantigas de amor (1936), Pombal (1963) e Muíño Fidel (1983). Este que aquí se incorpora asínao o autor mindoniense, en papel timbrado do Faro de Vigo -xornal no que traballou durante moitos anos como xefe de redacción-, o 12 de decembro de 1953. A miña gratitude á Fundación Penzol pola cortesía.”
Os Reis con Otero Pedrayo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Nos comezos de xaneiro, pero de 1960, Ramón Otero Pedrayo remitía a Xosé Díaz Jácome unha carta de agradecemento en resposta a unha postal de nadal que o de Mondoñedo lle remitira días antes.
Nesta misiva inédita que aquí se exhuma, o señor de Trasalba, coa súa característica prosa, gabáballe a Díaz Jácome os versos da “Panxoliña de Noiteboa”, ao tempo que lle expresaba os mellores desexos para o ano entrante. Fágoos agora meus para transmitirvos o mellor neste día de Reis do ano que abrocha:
“¡Que teñan, acarón dos seus, un ano (…) ben inzado de ledos e fortes traballos e maxinativos folgares!”
Ars dedicandi: Xosé Díaz Jácome para Xosé María Díaz Castro
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Dou comezo hoxe a unha nova sección, ‘Ars dedicandi’, na que irei reproducindo periodicamente dedicatorias de escritores. Alternarei as sinaturas de autores doutrora coas dos actuais, tanto as que se cruzaron entre creadores coma outras nas que fun o dedicatario. Principio cunha que o mindoniense Xosé Díaz Jácome fixo en 1936 das Primeiras cantigas do amor ao seu amigo Xosé María Díaz Castro.”
Armando Requeixo reclama maior atención cara á obra de Díaz Jácome
Artigo de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“Armando Requeixo articulou o seu discurso de agradecemento do premio literario Ánxel Fole sobre a base dun reiterado convite a coñecer directamente a obra de Xosé Díaz Jácome, dado que el considera que o escritor e xornalista mindoniense quedou preterido de xeito inxusto. Requeixo recibiu o galardón de mans do presidente de Novacaixagalicia Mauro Varela e da presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, que representaban ás dúas entidades organizadoras. O gañador avanzou nunha breve intervención improvisada pola figura e a obra do homenaxeado deixando para o final a idea que quería deixar no ánimo de todos os presentes. “Díaz Jácome era un home bo, amigo dos seus amigos”, apuntou, para engadir que se viu prexudicado pola fortuna de que eses amigos fosen “primeiros espadas”, como Álvaro Cunqueiro. (…)”