O luns 7 de maio, ás 20:30 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título Cultura e historia no antigo concello de Oza, a cargo de Xosé Manuel Sánchez Rei e Pepe Temprano.
Arquivos da etiqueta: Xosé Manuel Sánchez Rei
Arteixo: presentación de Perspectivas sobre Bóveda
O venres 27 de abril, ás 20:30 horas, no Centro Cívico Cultural de Arteixo, preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, onde participan Xurxo Couto e o editor do libro, Xosé Manuel Sánchez Rei.
Conxo: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei
A cuarta feira 14 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións (Rúa Manuel Beiras) de Cornes, Conxo, terá lugar a presentación do libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Ramón Freixeiro Mato e Néstor Rego.
A Coruña: presentación de Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano
O xoves 26 de xaneiro, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, no que participaron os seguintes autores: María Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Justo Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. A obra foi publicada pola propia Asociación. O acto será presentado polo editor do libro, Xosé Manuel Sánchez Rei.
Á procura dunha lingua de ‘calidade’
Artigo en El País (Galicia):
‘As únicas linguas que non mudan son as mortas. A variación é característica esencial de calquera idioma. A uniformidade do rexistro estándar é resultado dun proceso complexo que non remata cunha variedade dialectal, que non é unha eiva, senón unha riqueza. E o galego non é excepción. Se algo o ameaza son as interferencias do castelán. O profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei reforza con argumentos coma estes a réplica a preconceptos sobre o galego no ensaio Lingua galega e variación dialectal, que acaba de publicar Laiovento. (…)
“É grave a deficiente colocación do pronome persoal átono, mesmo por eliminar as distintas opcións existentes e confluír co español, a introdución de tempos compostos, de maneira directa ou disimulada [a partir, por exemplo, da tradución de ‘haber’ a ‘ter’] e, en xeral, na ruptura da sintaxe do galego que mesmo galegofalantes poden non recoñecer ou traducen sistematicamente ao modelo español”, subliña Goretti Sanmartín. O problema está intrinsecamente relacionado coa percepción social do estándar. “Dun xeito inconsciente, moita xente asume que o galego é a lingua B e a o castelán a lingua A”, cre o profesor Freixeiro Mato. (…)”.
A Coruña: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei
O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto estará acompañado por Francisco Pillado e Xosé Ramón Freixeiro.
A Coruña: presentación de O complemento preposicional en galego, de Xosé Manuel Sánchez Rei
O xoves 19 de maio, ás 20:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei O complemento preposicional en galego. Análise desde a gramática de valencias. Acompañará ao autor Xosé Ramón Freixeiro Mato.
A Coruña: presentación do libro de Goretti Sanmartín
Hoxe luns 30 de marzo ás 20:30 no local da Asociación Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, 16-18, 1º, A Coruña) preséntase o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín. O acto contará coa participación da autora, de Xosé Manuel Sánchez Rei e do editor, Manuel Bragado. A entrada é libre.
Santiago: presentación do novo libro de Goretti Sanmartín
Mañá xoves 12 de febreiro preséntase na Libraría Pedreira (Rúa Home Santo, 55, Santiago de Compostela) o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín, editado por Xerais. No acto participarán Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure, Manuel Bragado e a autora do libro. Será a partir das 20:30, con entrada libre.
“Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente”.
Presentación n’ A Coruña d’ A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, de Xosé Manuel Sánchez Rei
O xoves 13 de decembro terá lugar a presentación do libro A lingua galega no cancioneiro de Pérez Ballesteros, a cargo do autor Xosé Manuel Sánchez Rei, Francisco Pillado Maior (director de Laiovento) e Xosé Ramón Freixeiro Mato (profesor titular da Área de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade da Coruña). Será ás 20:30 horas no salón de actos da Asociación. (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)