Falece a relixiosa e escritora Engracia Vidal, unha pioneira e revolucionaria da Igrexa galega

Artigo de Yuri Carrazoni en Nós Diario:
“Din que ninguén morre se permanece vivo no recordo, e Engracia Vidal é unha desas persoas. Relixiosa, docente, escritora, teóloga, galeguista, feminista, revolucionaria… son moitos os adxectivos cos que se podería describir a esta cambadesa nada en 1930 e finada esta terza feira, 23 de xaneiro, aos 93 anos de idade. O seu legado perdura intacto na memoria de quen compartiron vivencias con esta muller de firmes conviccións.
Ingresou moi nova no Sagrado Corazón de Praceres, en Pontevedra —onde esta quinta feira será despedida polos seus achegados— e impartiu aulas en diferentes centros da congregación. Engracia Vidal cursou estudos de Historia e diplomouse en Teoloxía, pero a súa aportación á comunidade vai máis aló da escola, pois insistiu en defender a lingua e identidade da Galiza e en abrir a Igrexa católica ás mulleres, como atesoura o feito de ser a primeira autora en lingua galega dun ensaio relixioso —Por unha Igrexa tamén feminina (2000)—, a primeira en ser mestra no Seminario Menor de Belvís (Santiago), ou de participar activamente nos inicios da Marcha Mundial das Mulleres. Foi, ante todo, “unha pioneira”.
“A Igrexa galega é hoxe o que é, en boa parte, grazas a ela, que estivo sempre traballando desde abaixo, apoiando, animando e creando novas iniciativas”, afirma, en conversa con Nós Diario, Marisa Vidal, mestra, teóloga e membro da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Para ela, Engracia foi “unha muller moi activa” e de firmes conviccións.
O Concilio Vaticano II, destinado en esencia a abordar a relación da Igrexa co mundo moderno, marcouna profundamente. E xa nos estertores da ditadura franquista comezou a deixar unha forte pegada. “Nos anos 70, as monxas que se puñan ao carón do xente para escoitala, e exporse [como Engracia], estaban moi mal vistas”, apunta Vidal. Mais a ela non lle importaba, pois non había nada que a frease. (…)”

A Coruña: Nimbos. Simposio Díaz Castro

Simposio_D_az_Castro_11-12-_2014_

Sigüeiro (Oroso): presentación de Perspectivas sobre Bóveda

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Sigüeiro-Oroso (Rúa da Cultura, s/n.), preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, publicado pola A. C. Alexandre Bóveda, no que participaron os seguintes autores: Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Xusto Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. No acto intervirán Manuel Mirás Franqueira, Xosé Manuel Sanchez Rei, Presidente da Asociación e editor do libro; Uxío Breogán Diéguez-Cequiel e Valentín García Bóveda.

A Coruña: presentación de Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano

O xoves 26 de xaneiro, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Perspectivas sobre Bóveda: Ensaios e poemas polo seu 75º cabodano, no que participaron os seguintes autores: María Pilar García Negro, Xosé Antón Pena Beiroa, Victorino Pérez Prieto, Justo Beramendi, Engracia Vidal Estévez, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e David Otero. A obra foi publicada pola propia Asociación. O acto será presentado polo editor do libro, Xosé Manuel Sánchez Rei.