Xosé Neira Vilas: “Os galegos ignoran aínda o moito que lle deben á emigración”

Entrevista a Xosé Neira Vilas no Xornal:
“Xornal (X): Imaxinou algunha vez que Memorias dun neno labrego sería tan popular?
Xosé Neira Vilas (XNV): Nunca. Eu só tiña a necesidade de contar como era a vida dun rapaz galego dos anos corenta, como un recordo persoal. Xa levaba dez anos emigrado daquela. Nin sequera pensei que fose ir máis alá de Bos Aires, pero Fernández del Riego, que era daquela o xerente de Galaxia, pediume que lle mandase 300 exemplares. Dos 2.000 que se fixeron, 300 viñeron para Galicia. Con todo, aquí tardaron sete anos en reeditalo. Publicouno en 1968 Ediciós do Castro, aínda que o ía sacar Arturo Reguera en Rúa Nova. (…)
X: Que a Galicia actual se construíse fóra explica tamén a escasa autoestima?
XNV: Non se pode amar o que non se coñece, por iso na emigración dos anos 50 tomamos conciencia de Galicia, e por iso a amabamos. Estudabamos Sempre en Galiza nun centro galego capítulo a capítulo. Tiñamos o privilexio de ter clases e conferencias de economía, arte, xeografía, literatura e lingua galega. E os profesores chamábanse Blanco Amor, Dieste, Valenzuela, Baltar… Se coñeces o país e tomas conciencia de como foi burlado, escamoteado e desprezado, esfórzaste máis en defendelo e prestixialo, sobre todo se estás fóra. Armabamos escándalo á porta dos cines cando se estreaba unha película que denigraba a muller galega. Conseguimos que Alberto Vaccarezza cambiase un personaxe dunha obra de teatro porque ridiculizaba os galegos. Había un actor nos anos cincuenta que se chamaba Pepe Iglesias El Zorro que facía varios personaxes. Un deles era un paisano galego que falaba de forma grotesca, torpe e zafia. Fomos protestar á porta da radio até que o eliminaron. E non só iso, senón que conseguimos que os ultramarinos de galegos que había en Bos Aires deixasen de vender espontaneamente o aceite que se anunciaba naquel programa. O tal Pepe liscou de alí e veu para Madrid a facer o mesmo programa co mesmo personaxe grotesco. Aquí non protestou nin dios.”

Vilalba: concesión do premio Chairego de honra a Felipe Senén López

O sábado 30 de outubro, a partir das 12:00 h., no Muíño do Rañego, en Vilalba, celébrase unha mesa redonda sobre a figura de Felipe Senén, distinguido este ano como Chairego de honra, coa participación de Felipe Arias, Xoán Naveiro López, Xosé Neira Vilas, Francisco Pillado e David Otero. Organizado pola Irmandade Manuel María.

Xosé Neira Vilas: “Ao final, un ten que quedar no lugar onde lle tocou nacer”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en La Opinión:
“La Opinión (LO): Residiu en Cuba dende 1961 ata 1992. Pódese dicir que o libro (Presenza galega en Cuba) é un traballo de toda unha vida?
Xosé Neira Vilas (XNV): O libro é resultado dunha acumulación de moitos artigos sobre músicos, pintores, políticos, pescadores, naturalistas, libreiros, etc., que chegaron a Cuba dende a terra galega. Pasei 27 anos investigando a emigración na illa, en como os homes galegos refacían a súa vida e formaban unha familia. Ademais, fun un divulgador da cultura de Galicia en Cuba e publiquei moitos traballos na prensa sobre a miña terra nai.
LO: Como foi a vida do emigrante galego en Cuba?
XNV: Para todo emigrante, a vida nun país estranxeiro é dura ao principio. Fóronse facendo un oco como taxistas, camareiros e sobre todo, pescadores. Algúns, pero os poucos, fixéronse ricos co tabaco e outros convertéronse en filántropos. Máis de 120 galegos formaron parte do exército cubano na Guerra de Independencia. Todos se cubanizaron moi rapidamente.”

A Coruña: programa do mércores 4 de agosto na Feira do Libro

18.30 h. O escritor Xosé Neira Vilas asinará exemplares do seu último libro, Presenza galega en Cuba e do resto da súa obra.
19.00 h. Presentación do libro Xenaro e a hucha do indiano, da escritora Mar Guerra, publicado por Edicións Xerais. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado.
20.00 h. Pablo Díaz, autor do texto e a música e Marc Taeger, autor das ilustracións, asinarán exemplares do seu libro–disco Tic–Tac, publicado por Kalandraka.
20.00 h. Presentación do libro Presenza galega en Cuba do escritor e académico Xosé Neira Vilas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.
20.30 h. O escritor Vicente Bellón asinará exemplares do seu libro El trueno y sus gigantes, editado por Publicaciones Arenas.
21.00 h. Presentación do número 186 da revista Grial: Homenaxe a Luís Seoane. Participarán no acto Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo e Víctor F. Freixanes.