Quiosco: Murguía, Revista Galega de Historia, 33

Desde Cultura Galega:
“O documento que recolle a expulsión de Xosé Velo do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) é o contido que leva á súa capa o número 33 de Murguía, Revista Galega de Historia, que xa está á venda. Canda a isto, o volume achega artigos destacados como un texto inédito de 1936 que amosa o apoio da Dereita Galeguista ao Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza dese mesmo ano. A “intentona republicana” de Crecente do 1905, a partir da figura de Marcelino Gómez Arias ou o Antón Alonso Ríos agrarista son algúns dos contidos da nova entrega. Canda a isto, o investigador Prudencio Viveiro analiza a prensa e a edición de libros entre a colectividade galega emigrada na Arxentina, mentres Xosé Estévez rememora as súas viaxes e a relación co poeta Manuel María, homenaxeado no último Día das Letras Galegas. Unha entrevista con Manuel Gago, director de Culturagalega.gal e comisario da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura Galega ou as habituais recensións de lanzamentos editoriais completan a entrega.”

O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás

DesdeManuel María Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”

A Fundación Penzol recibe dous poemas autografados de Xosé Velo Mosquera

Desde Galaxia:
“A Fundación Penzol recibiu de Hixinio Araúxo Feijóo a doazón de dous poemas autógrafos de Xosé Velo Mosquera. Tratase da «Canzón dá Carceleiriña» e «Confirmación de fe».
Xosé Velo Mosquera foi un dos galeguistas encargados de organizar as Mocidades Galeguistas en Celanova durante a II República e, durante a ditadura de Franco, participou no histórico secuestro do transatlántico portugués Santa María (Santa Liberdade) xunto con Henrique Galvao.
Xosé Velo estivo agochado na casa da nai de Hixinio Araúxo Feijóo, quen fai a doazón, nos anos 45/46 do século pasado, perseguido pola policía franquista. María Rosa Feijóo, Maruxiña (’A Carceleiriña’ dun dos documentos), quen ou acolleu na súa casa, era filla de Roberto Feijóo, a quen Xosé Velo dedica un dous poemas, alcalde de Celanova asasinado polos fascistas non 1936. Á familia non se lle permitiu enterralo no camposanto de San Amaro de Celanova, e tivo que facelo, como foi tan frecuente naquela época escura, nunha tomba extramuros.”

xose-velo-mosquera