Mondoñedo: entrega dos Premios Díaz Jácome 2011

“O vigués Xurxo Martínez González recolleu en Mondoñedo o primeiro premio do certame de poesía para novos creadores Díaz Jácome, creado en homenaxe ó escritor mindoniense que fora cronista oficial da cidade. “Recibir este premio foi un recoñecemento a un traballo que non fago habitualmente, xa que o único que escribira ata o momento fora ensaio”, asegurou o gañador ó rematar o acto. O seu poema Nocturno de Mondoñedo, polo que levou 1.500 euros, praca e diploma, é, segundo el mesmo dixo, “un reflexo das lembranzas do pasado que aínda nos resultan incómodas cando as volvemos visualizar unido á sensación de soidade e tranquilidade que transmite Mondoñedo nunha tarde de outono”. Xunto a Martínez, tamén viaxou ata Mondoñedo o segundo gañador, Elías Portela Fernández, que coa súa obra titulada Lingua de lais nas chagas do vento obtivo 600 euros. “Foi toda unha sorpresa recibir este galardón, xa que os versos están baseados nunha lingua artificial: lwyma”, indicou o autor, que ós seus 30 anos xa ten publicados dous libros en galego e outro en islandés, que está sendo récord de vendas e que o próximo mes de xaneiro sairá á venda tamén en galego. A diferenza do gañador, Portela si que é un habitual escritor de poemas, sen embargo, nunca fixera pública ningunha obra nesta nova lingua que sae da mestura de conceptos e imaxes tratados “dunha maneira romántica, coma si se tratara dunha lenda ou dun romanc”. “A verdade é que non estaba moi seguro de presentar estes versos, pero ó final quedou algo interesante e decidinme”, explica. “Conseguir este premio anímame a seguir traballando con este proxecto”. O terceiro premio, dotado con 300 euros, foi para Toda a illa era un enorme penedo atlántico, de Xosé Daniel Costas Currás, que non puido estar presente onte na entrega. Estas tres obras foron os traballos máis destacados de entre a treintena de obras que se presentaron este ano, todas de moita calidade según deu a coñecer o xurado. (…)” Vía El Progreso.

Xurxo Martínez González gaña o Premio Díaz Jácome, con Nocturno en Mondoñedo

O escritor Xurxo Martínez González, gañou a XII edición do Premio de poesía Díaz Jácome convocado polo Concello de Mondoñedo, coa obra Nocturno de Mondoñedo. O acto de entrega deste premio, dotado con 1500 euros e un diploma, terá lugar o vindeiro 23 de decembro. Vía Galaxia e Cultura Galega. Elías Portela e Xosé Daniel Costas Currás obtiveron, respectivamente, o segundo e terceiro premios. Vía Armando Requeixo.

O primeiro libro de relatos de Letra en Obras supera as 1.000 descargas

“En Letra en Obras esta semana temos algo que celebrar. O libro homónimo, que recolle 17 relatos doutros tantos autores novos, superou xa o milleiro de descargas na rede. Os escritores Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga Rilo, Andrés Carrasco, Raquel Boo Anderson, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández Armesto, Brais Zas, Alberto Rodríguez Díaz, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda son os protagonistas desta obra que pode ser descargada na nosa páxina.” Vía Letra en Obras.

Acto conmemorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, o sábado 30 de xullo

O sábado 30 de xullo, ás 12:30 horas, no Cemiterio de Boisaca (diante da campa onde está soterrado o poeta) de Santiago de Compostela, terá lugar un acto conmeorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, organizado polo Centro PEN de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Consellería de Cultura e Turismo, co seguinte programa:
– Palabras de presentación a cargo de Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Galicia).
– Intervencións de:
* Luciano Rodríguez. O pó dos días de Aquilino.
* Xurxo Martínez González. Pervivencia da poesía de Iglesia Alvariño.
* Xosé Luís Méndez Ferrín (Presidente da Real Academia Galega).
– Recital de poemas a cargo de: Miro Villar, Bieito Iglesias e Salvador García-Bodaño.
– Palabras de agradecemento de Aquilino Iglesia Ferreirós (fillo do homenaxeado).
– Ofrenda floral e interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.

Crónica posterior en Galiciaé.

Nace Letra en Obras, unha web para promocionar autores novos

“O colectivo Letra en Obras pon a funcionar hoxe un proxecto web homónimo para promocionar os escritores novos. O primeiro proxecto é o libro 17 letras sen día (en formato pdf e epub e con licenza Creative Commons), con 17 relatos de autores novos, que se presentou o 17 de maio na Libraría Couceiro de Compostela. A autoría dos dezasete textos correspóndelles a Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga, Andrés Carrasco, Raquel Boo, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández, Brais Zas, Alberto Rodríguez, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda.” Vía Galicia Hoxe, Galicia Confidencial e Culturagalega.