A Coruña: presentación de Museo Provincial de Lugo: orixe e consolidación (1832-1982), de Aurelia Balseiro García

En tinta negra vencedora do Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual 2020

Desde Nós Diario:
“Na mañá do domingo 22 de novembro, o xurado do Certame de Microrrelatos reuniuse de maneira telemática para escoller a obra gañadora entre as 101 presentadas e as nove que chegaron até a final.
A peza En tinta negra, de Alma Alonso Costas (alias Moanne), de Gondomar, foi a vencedora, cun premio de 250 euros e mais a publicación do relato; seguida por Xaora, unha obra de Sabela D. Núñez (co pseudónimo Ollomao), de Muimenta, que percibirá 150 euros, e tamén verá editado o seu relato.
O xurado do certame organizado por Nós Diario, en colaboración coas asociacións Arelas, Sete Outeiros, Avante LGTBI+ Lugo e a Rede Museística Provincial de Lugo, quixo destacar “o nivel dos relatos presentados sendo, máis difícil o labor da escolla das obras premiadas”.
Así, os textos presentados analizáronse desde varios puntos de vista, tendo en conta a vertente lingüística, a construción do microrrelato, o seus ritmo e profundidade e, por suposto, a mensaxe de diversidade sexual, motivación do certame.
Sobre En tinta negra, de Alma Alonso, o xurado explicou que nela “a palabra ten un poder fascinante”. “Durante séculos as persoas con identidades sexuais diferentes á norma víronse na necesidade de interpretar as palabras para tentar ver a vida nelas”, di o xurado.
En tinta negra logra capturar o poder liberador de atopármonos nesa palabra impresa, na que se mostra un golpe emocional capaz de sentírmonos libres, sentírmonos acompañadas, sentírmonos válidas”, recalcan.
Da obra tamén destacan que se desenvolve “cunha prosa limpa e áxil que promete un camiño despexado no que os actos cotiáns e mecánicos van ligados directamente ao poder da liberdade”.
“Enmarcar a acción no sistema educativo fai que a lección sexa máis profunda aínda e deixa un regueiro de aprendizaxe para os presentes futuros” comentan, para engadir que “a tinta que tantas veces se ten usado para marcar as diferenzas é un antagonismo propio do relato, a mellor metáfora da disfunción coa que, acotío, nos presentamos neste mundo real e inxusto”.
Arredor de Xaora, de Sabela Núñez, o xurado destacou o “magnetismo” do microrrelato e mais “a súa sinxeleza e a perspectiva que nos dá do tempo”.
Segundo a persoas que analizaron e premiaron Xaora, a diversidade sexual non se mostra como algo novidoso ou patente neste mundo contemporáneo se non que os nosos devanceiros, perdidos na historia oculta, xa practicaban sen ningún tipo de traba até o nacemento do mundo moderno.
E de aí o interese da obra, que “lembra a existencia destas hoxe chamadas “distopías” a través de tres xeracións dunha familia e a importancia que ten este código xeracional á hora da educación do futuro”.
O concurso estivo aberto entre o 23 de setembro e o 23 de outubro de 2020, e nel participaron un total de 101 obras, das que nove chegaron á final, entre elas, ademais das gañadoras, contáronse os títulos: Os vagalumes do Misurina, Metamorfose das bolboretas, O jardín dos iguais, O lique dos bicos, Solange, Bolboretas de liberdade e Disidentes.
O xurado estivo composto pola escritora e tradutora, Ánxela Gracián; Cathaysa Veiras, en representación do Colectivo LGBT + Lugo; Cristina Palacios, da Asociación Arelas; Montserrat González, da área de Cultura da Deputación de Lugo; Xácia Ceive, de Sete Outeiros; o escritor Alberte Momán; e a redactora de Nós Diario, Belén Bouzas. Con voz pero sen voto, actuou Lino García, tamén de Nós Diario, secretario do xurado.”

Bases do I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual

Desde Nós Diario:
“Con motivo da celebración do Orgullo da Diversidade Sexual, Lugo Diversx 2020, NÓS DIARIO en colaboración coa Asociación ARELAS, coa Asociación AVANTE LGTBI+ LUGO, coa Asociación SETE OUTEIROS e a REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL DE LUGO, convocan o Primeiro Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual que se rexerá baixo as seguintes bases:
1. Poderán concursar todas as persoas maiores de idade que o desexaren ou as menores con autorización expresa de quen posúa a custodia legal, para o cal deberán enviar un anexo asinado que se poderá descargar na seguinte ligazón.
2. Os textos xirarán sobre a temática da Diversidade Sexual, deberán ser orixinais e inéditos e estaren escritos en galego en calquera das súas normativas.
3. A extensión dos microrrelatos non poderá ser superior a 1700 caracteres, espazos incluídos.
4. Cada persoa poderá enviar un único microrrelato. O envío farase por correo electrónico ao seguinte enderezo concurso@nosdiario.gal
No correo deberá figurar como asunto: Primeiro Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual e acompañaranse dous documentos (A e B) en formato PDF.
Documento A: Nomearase co título do microrrelato e conterá exclusivamente o texto do microrrelato, en letra tipo Arial, 12 puntos, interliñado 1, 15, sen sinatura e baixo pseudónimo
Documento B: Nomearase do seguinte xeito: Título do microrrelato -Pseudónimo e dentro conterá os datos identificadores da persoa autora do texto: Nome e apelidos, copia dixital do NIF, enderezo postal, correo electrónico e teléfono. Serán excluídos do certame aqueles arquivos que conteñan datos persoais no título dos mesmos.
5. Os traballos serán enviados antes das 24 horas do día 23 de outubro. Entre o 24 de outubro e o 6 de novembro as persoas participantes recibirán comunicación de aceptación do traballo, previa verificación de que se axusta ás bases.
6. Estabelécense dous premios, o primeiro de 250 € e o segundo de 150 € amais da publicación de ambos os dous na versión papel e web de Nós Diario e das Asociacións e Entidades colaboradoras. Así mesmo, o xurado poderá conceder tres accésit, sen dotación económica, que serán publicados conxuntamente cos dous textos premiados.
7. O fallo do xurado farase público o 22 de novembro e será comunicado ás persoas gañadoras no mesmo día, preferentemente por vía telefónica, posteriormente será posta en coñecemento do público en xeral a través de Nós Diario e das entidades colaboradoras. A composición do xurado farase pública no momento do emitir o veredicto do certame. A decisión do mesmo será inapelábel. Os textos publicaranse na edición en papel e web de Nós Diario o sábado 28 de novembro.
8. De acordo coa Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos dos e das participantes serán tratados de xeito confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, a súa honra e intimidade persoal.
9. O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das súas bases.

Galiza, 23 de setembro de 2020″

O Día Mundial da Poesía na Rede Museística Provincial de Lugo

“A Rede Museística Provincial de Lugo quere celebrar o Día Mundial da Poesía, o 21 de marzo, con toda a sociedade. Usarase a poesía como unha única voz para superar o problema que nos ten recluídos nas nosas casas. Rachemos os muros e berremos xuntos, porque, se vos fixades ben, dentro da palabra problema tamén está a palabra poema!
As persoas interesadas poden achegar os poemas que máis gusten a través das páxinas de facebook dos Museos co cancelo #DiaMundialdaPoesiaRMPL
Ás 18:00 horas, quédase para recitalos xuntxs en 👉https://zoom.us/j/264178507

San Cibrao (Cervo): faladoiro Os cronistas (da Mariña) contan do mar

O faladoiro: Os cronistas (da Mariña) contan do mar é unha actividade que forma parte do programa conmemorativo dos 50 anos do Museo Provincial do Mar de San Cibrao (Cervo), na actualidade integrado na Rede Museística da Deputación de Lugo. Terá lugar o venres, 13 de decembro, no proio Museo do Mar, ás 19:00 h e contará coa participación de Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo e Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo. Entrada libre.
Este faladoiro, enmarcado na efeméride de celebración do medio século de vida do Museo Provincial do Mar, tratará sobre distintos aspectos relacionados co mar, fonte vital e espiritual das xentes da Mariña deste tempo inmemorial. Nas intervencións introdutorias cada un dos cronistas falará de actividades, mitos e curiosidades relacionadas co mar e a seguir terá lugar un faladoiro coa participación do público asistente ao acto.

Narla, Friol, Lugo: nº 3 da revista oral Castronela, arredor da figura de Celestino Fernández de la Vega

O sábado 27 de setembro, ás 19:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol, Lugo), pertencente á Rede Museística da Deputación de Lugo, terá lugar a terceira edición da Revista oral de periodicidade anual Castronela, coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre e gratuíta. Estará dedicada á figura de Celestino Fernández de la Vega. O sumario é o seguinte:

Portada musical. Preludio da Primeira suite (J. S. Bach), por Paula Rancaño (3’).
Vida. Lugo, cidade feita á medida do meu corazón, por Ramón López Vázquez (10’).
Música. Primeiro movemento Suite para cello só (G. Cassadó), por Paula Rancaño (3’).
Celestino en Friol. Os anos mozos na terra natal, por Higinio Martínez Fernández de la Vega (10’).
Música. Elexía (Andrés Gaos), por Paula Rancaño (3’).
Celestino e Guitiriz. As viaxes a Guitiriz, por Alfonso Blanco Torrado (10’).
Narración 1. Mortes de trasmundo, por Lois Pérez (5’).
Música. Estrada de Madrid (Luigi Bocherinni), por Paula Rancaño (3’).
Narración 2. O novenario do Totó, por Lois Pérez (5’).
Obra. Unha obra tan importante coma breve, por Ramón López Vázquez (10’).
Música. Lela, por Paula Rancaño (3’).
Epílogo. Lembranzas, por María Luísa Maceda Méndez (viúva de Celestino F. de la Vega) (5’).
Colofón. Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputación de Lugo (5’).
Contracuberta musical. Negra sombra, por Paula Rancaño (3’).

Lugo: edición número 36 da revista oral O pazo das musas

O xoves 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n) terá lugar a edición número 36 da revista oral O pazo das musas, coordinada por Antonio Reigosa, cunha duración aproximada dunha hora e media.
Neste número, e por primeira vez nos case dez anos de andaina desta revista oral, decidiuse accionar o que chaman Cadeas Creativas. Unha idea para que nin os contidos nin as persoas que participan na revista fosen decididos de antemán, senón que fosen os propios actores os que elixisen aos seus acompañantes.
Así, desde un elo inicial para o que se escolleu unha persoa de renome no campo das artes (literatura, plástica, cine, teatro, narración oral, …), e outra no campo da música, desencadeouse unha fervenza de propostas. As únicas condicións ou regras consistiron en que a persoa a escoller fose de menor idade e de distinto sexo. Como resultado deste experimento van intervir neste número da revista as seguintes persoas, elixidas consonte á orde que se indica e polas persoas que as preceden:
MÚSICA:
Miro Casabella → Pilocha → Marcos Fernández Mosquera → Esperanza Iglesias → Manuel Fernández Gayol → Ana Vila Martínez.
OUTRAS ARTES:
Paco MartínMarica CampoDarío X. Cabana → Luz Darriba → Claudio Rodríguez Fer → Verónica Martínez.
A ilustración deste artigo é Mundos de tinta e papel, de Luz Darriba.