Arquivos mensuais: Abril 2011
A Coruña: Vagar nos lindes, tirar da pel, conferencia de Ana Romaní nos IV Encontros Cidade da Coruña
O mércores
13 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a terceira conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Ana Romaní falará sobre Vagar nos lindes. Tirar da pel, unha viaxe pola súa experiencia poética, desde o seu primeiro libro, Palabra de mar (1987) até o recente Estremas (2010). O acto estará presentado por Mercedes Queixas.
Sarria: o 7 de maio entrega do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Xerardo Quintiá
O sábado 7 de maio, a partir das 19:30 horas, no Hotel Alfonso IX de Sarria, celebrarase a festa da poesía coa entrega a Xerardo Quintiá o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xurado Chus Pato, Xiana Arias, Baldo Ramos, Xermán Arias e María Casar, contando con Francisco X. Fernández Naval como mantedor e as actuacións do músico Manu Clavijo e o mago Carlos Coira.
A Coruña: presentación de Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana
O xoves 14 de abril, a partir das 20:00 h., na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11, na Coruña), e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana. No acto intervirán, acompañando ao autor, Martiño Cabana Otero e Xosé Luís Méndez Ferrín.
A Coruña: conferencia Mulleres e república, de Aurora Marco
O xoves 14 de abril, ás 20:00 h., na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a conferencia Mulleres e República. O seu protagonismo nas transformacións sociais, a cargo de Aurora Marco, organizada polo Ateneo Republicano de Galicia.
O Burgo (Culleredo): conferencia sobre Xaime Quintanilla a cargo de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira
O xoves 14 de abril, ás 20:00 horas, no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo (Culleredo), terá lugar a conferencia Xaime Quintanilla Martínez: un socialista e galeguista ao servizo da República, a cargo dos historiadores Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, presentados por Celestino Poza.
Booktrailer de Tintimán, de Santiago Jaureguizar
Santiago: presentación de Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira
O xoves 14 de Abril, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro de poemas Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira, publicado en 3C3, onde os textos dialogan coas ilustracións de Xan Eguía. No acto intervirán Paula Toimil Mato, Antonio Puentes Chao e a propia autora. Haberá tamén unha actuación musical de Carlos Santos –cantautor e guitarra– e Lázaro Willman –violín–.
Publícase A praia dos afogados, de Domingo Villar, en inglés
Chelo Suárez: A violencia e o terror
Entrevista a Chelo Suárez en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Salientas moito a idea de que o golpe e a guerra foron froito da ignorancia e do fanatismo…
– Chelo Suárez (CS): Foron uns cantos os que deron o golpe, e moitos outros os fanáticos que o secundaron. Foi unha guerra cainita. E creo que canta máis ignorancia haxa máis doado será que se obedeza, que non se faga fronte, a xente como a que causou a guerra.
– GH: Pero non hai que caer no discurso da guerra das pelexas por envexas entre veciños, non si?
– CS: Non, claro, a guerra tivo un fondo político, e na novela vese como hai xente detida polas súas ideas republicanas… Pero tamén é certo que houbo xente que aproveitou para a vinganza, e xente que se beneficiou coa guerra, como os estraperlistas que especulaban coa fame.
– GH: Hai tamén unha pegada da túa poesía, partes bastante líricas aínda que sexa prosa. E tamén está presente a sensualidade como en Corpo de mar ou A venus de Cristal.
– CS: Si, neste libro está a sensualidade da fraga, ou a dos rapaces namorados, ou a de Laura e Estela. A sensualidade está na natureza, nos animais, e por suposto, e onde máis, nos humanos. A lírica pódeme, non hai bo libro que non teña algo de poesía. (…)
– GH: Estase a escribir moito sobre a guerra, non si?
– CS: Si, pero eu non entendo as persoas que din “outra novela sobre a guerra civil!”, como se fose todo redundancia. Creo que queda aínda moito que dicir sobre a guerra, e que un non debe calar. Só a verdade poderá curar as feridas.”