Cangas: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado

Na noite do sábado 9 ao domingo 10 de xullo, a partir das 00:30 horas, e dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión.

Participación galega no I Encontro de Escritores da Lusofonia, no Palácio da Brejoeira

Do venres 29 ao domingo 31 de xullo, no Palácio da Brejoeira de Monção (no Alto Minho) terá lugar o I Encontro de Escritores da Lusofonia, onde “Escritores, músicos, criadores… pessoas de diferentes âmbitos da cultura e das artes vão reflectir sobre a realidade da lusofonia (tentando fugir dos tópicos), sobre as novas tecnologias e a sua relação com a literatura e as artes em geral, e sobre os movimentos do chamado Altermundo (ecoloxismo, empreendedorismo, antibelicismo, feminismo, decrescimento…) e a relação/situação das artes no mundo contemporâneo”. As inscricións pódense realizar aquí. Este é o programa, do que destacamos a participación galega:

* Sexta feira, 29 de xullo:
10:30 h. Tras o inicio do Encontro, presentación de Noente Paradise (Ugia Pedreira, Raquel Miragaia e Marina Oural).
16:00 h. Palestra: A Lusofonia ‐ uma realidade em construção permanente, coa presentación musicada de Cantos Lusófonos, Cancioneiro galego-português-brasileiro, de José Luís Do Pico Orjais, e a intervención de Carlos Quiroga, entre outros, e posterior debate a partir das 17:30 h.

* Sábado, 30 de xullo:
16:00 h. Baixo a moderación de Santiago Veloso, presentación do libro-disco Cores do Atlântico,  e intervencións de Iolanda Gomis e Séchu Sende, entre outros, con debate posterior ás 17:30 h.
18:30 h. Monólogo teatralizado de Quico Cadaval.
22:00 h. Concerto Poesia nas Margens com Aline Frazão, Fred Martins e Ugia Pedreira.

* Domingo, 31 de xullo:
10:00 h. Intervencións sobre Os movimentos Altermundistas e a sua relação com a literatura (ecologismo, feminismo, empreendedorismo social, antibelicismo…), baixo a moderación de João Guisan Seixas.
16:30 h. Proseguen as intervencións, baixo a moderación de Lourdes Carita, entre outros, de Carlos Taibo e Iolanda Zúñiga.
21:00 h. Concerto de João Afonso e Uxía.

Crónica posterior de Séchu Sende no seu blog.

Vigo: actividades do venres 8 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta do venres 1 ao domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do venres 8 son as seguintes:
18:30 h. Ecos da noite. Actuación poético musical de David Fernández Rivera acompañado do guitarrista Diego Pacheco.
19:30 h. Acto Lois Pereiro. Mesa redonda sobre o poeta monfortino, coa participación de Jacobo Fernández Serrano (autor da novela gráfica Lois Pereiro. Breve encontro, Xerais), Anxo Angueira (coordinador do libro Que lle podo ofrecer a quen me intente?, Xerais), Marcos Calveiro (autor do libro Lois Pereiro. Náufrago do paraíso, Xerais), Xosé Manuel Pereiro e Fran Alonso.
20:00 h. A escritora Adela Figueroa e a ilustradora María Celsa Sánchez Vázquez asinarán exemplares do seu libro Madeira de mulher, publicado por Ediciós do Castro.

O debate sobre como celebrar a cultura

Artigo en Cultura Galega: “O grande eco social que obtivo o Día das Letras dedicado a Lois Pereiro neste 2011 fai rexurdir o debate sobre o modelo de celebración da festa da nosa literatura. Entre outros temas, volta á palestra o debate sobre se o 17 de maio debe ser laborable ou continuar como festivo. Revisamos diferentes posturas encol desta cuestión na primeira dunha serie de reportaxes que quere analizar as mudanzas e as posiblidades de futuro desta celebración.”

Muros: faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos

O venres 8 de xullo, a partir das 19:00 horas, no Balandro Joaquín Vieta (Paseo Marítimo de Muros), terá lugar un faladoiro literario con Francisco X. Fernández Naval e Lino J. Pazos sobre os libros Tamén navegar, Capitán Wood, ¡á abordaxe!, de Lino J. Pazos, publicados en Toxosoutos, e Derrotas e singraduras do Joaquín Vieta, de Xosé Agrelo, dentro das xornadas Muros Mira ao Mar.

Illa de San Simón: Encontro Libro e Lectura, do Foro Galeusca de Editores

O Foro Galeusca de Editores organizan, entre o venres 8 e o domingo 10 de xullo na Illa de San Simón, en Galicia o sexto encontro deste colectivo, baixo o título Libro e Lectura, no que participan perto de 25 profesionais relacionados co ámbito do libro, abordando a temática desde a perspectiva dos diversos territorios con lingua propia. Catro paneis recollen as diversas intervencións dos editores:
Iniciativas e accións a prol da visibilidade do libro e o fomento da lectura realizadas polas institucións públicas.
Iniciativas e accións a prol da visibilidade do libro e o fomento da lectura realizadas por cada un dos gremios.
Iniciativas e accións a prol da visibilidade do libro e o fomento da lectura realizadas por empresas ou institucións alleas ao sector.
Iniciativas sociais e accións a prol do fomento da lectura.

Máis información na páxina da Asociación Galega de Editores.

Ramón Caride: A aventura do futuro. Da ciencia ficción na literatura infantil e xuvenil

Artigo de Ramón Caride nos Cadernos Redelibros:
¿De que falamos cando falamos de fantasía científica?
Falar de ciencia ficción semella unha contradicción per se. Se unha cousa é ciencia non é ficción, e se é ficción non é ciencia. Ou sexa, que nos choven as labazadas dos dous lados. E por riba: defensione non pedita… Citas á parte, os catalogados como autores de subxénero, con todo o que o prefixo sub ten de connotativo, non temos moita ocasión de falar de literatura. Como se a literatura non fose con nós.
Mala fama, e peor crítica, perseguen por estes pagos á fantasía científica —“ciencia-ficción” por mal nome se nos atemos a pésima e literal, como en tantos outros casos, traducción do termo anglosaxón—. A confusión dos sustantivos non é senón outra das confusións que se amorean sobre este xénero. Esta variante da novela de aventuras que utiliza como unha das súas referencias básicas as aportacións ou proxeccións da ciencia —que isto, e non outra cousa, é a fantasía científica—, oscila entre o menosprezo do canon e o beneplácito dos lectores, ou viceversa. Viceversa, decididamente, porque a xerarquía entre ficción e ciencia, ou entre pracer e erudición, no noso caso, está clara a favor dos primeiros termos destas dicotomías delirantes que, aínda hoxe padecemos a cotío.
¿Por que a ciencia ficción? ¿Por que ciencia ficción en galego? Etcétera. Case dúas décadas despois de que un —e desculpen tanto falar da obra propia— perpetrase aquel pecado orixinal de novela de xénero chamada Soños eléctricos, semella que non abondase aínda a penitencia. Por sorte, os rapaces e rapazas son lectores lúdicos e entenden pouco de xéneros, nada de subxéneros nin de canons. Abominan das antoloxías para saír ou entrar no milenio, das historias xerais e das particulares, dos panexíricos sobre a normalización ou dos problemáticos camiños e corredoiras do noso sistema literario. A literatura xuvenil é, se cadra, o derradeiro refuxio da aventura. (…)”

Rexina Vega: Galicia e Cataluña. Un diálogo trucado

Artigo de Rexina Vega en Cadernos Redelibros:
“Hai xa ben de anos que falamos de literaturas peninsulares sen dar conseguido que esta realidade sexa recoñecida na súa complexidade. Nin dende o centro —ocupado pola expresión castelá cada vez máis poderosa na súa dimensión internacional—, nin desde as periferias —nas que nos movemos prisioneiros dos cárceres simbólicos dos límites territoriais—, somos quen de trazar canles seguras e sólidas que fomenten o coñecemento da diversidade. Porén, o contacto, o trasvase fructífero, tivo e continúa tendo lugar.
Neste texto quixera centrarme nas relacións de dúas das literaturas que compoñen este mosaico ibérico, a catalana e a galega, e quixera facelo falando tanto de autores concretos como de trazos de recepción e sensibilidade social, amparada na miña propia experiencia como profesora na área de filoloxía galega da Universitat Autònoma de Barcelona durante os anos noventa.”