Londres: presentación de Books Burn Badly, versión inglesa de Os libros arden mal, de Manuel Rivas

O sábado 18 de xuño ás 11:00 horas, na sala Stevenson Lecture Theatre do British Museum Manuel Rivas presentará Os libros arden mal na súa versión inglesa, isto é, Books Burn Badly, dentro do programa World Literature Weekend. Para esta ocasión estará acompañado por Jonathan Dunne, traductor seu e de moitos textos literarios galegos ao inglés.

Aranga: lectura de poemas na Inauguración do monumento de homenaxe ás persoas asasinadas polo franquismo nas fosas de Aranga

O sábado 18 de xuño inaugúrase un monumento de homenaxe ás persoas asasinadas polo franquismo nas Fosas de Aranga, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, co seguinte programa de actos:
19:00 h. Inauguración dunha placa na fosa de Santa Mariña, en Guitiriz.
20:30 h. Inauguración do monumento no Campo da Festa de Aranga.
Nestes actos haberá a lectura de poemas de Manuel Rivas e Claudio Rodríguez Fer.
21:00 h. Festival musical coa actuación de A Quenlla, Os Tres Trebóns e Zënzar, tamén no Campo da Festa de Aranga.

O monumento, obra do escultor Xosé Valle Díaz, Valdi, levará o seguinte poema de Salvador García Bodaño:

AOS MÁRTIRES

Érguense vitoriosos sobre a Historia
os vosos nomes nobres e valentes,
que aquí repousan cos corpos xacentes
como un fito que se alza na memoria.

Aos pobos só os derrota a desmemoria.
Nunca a aqueles que son de si conscientes,
que son da nación súa fillos crentes
o destino lles nega a súa gloria.

E non morreu aquí, non fusilaron,
a nosa ansia total de liberdade,
nin unha e outra vez logo a mataron.

Non se pode destruír a identidade
deste pobo por mais de que o intentaron.
Non se pode matar a realidade.

Doutra volta aquí estamos, renacidos,
na mesma loita irmáns, nunca vencidos.

Máis información sobre o acto aquí.

Publicacións Galegas recupera na rede a Revista Nós, A Nosa Terra e A Fouce

‘O blog Publicacións Galegas recupera na rede a Revista Nós, os xornais A Nosa Terra e A Fouce e outras publicacións como Terra, Alento, Guieiro e Rexurdimento),que irá recollendo en PDF.
“Hoxe en día a rede é a principal fonte de información para moitos de nós, non obstante, por moito que un busque, non atopa moitas cousas que deberían estar na rede dende hai ben de tempo, entre estas cousas, atópase a Revista Nós, ou os xornais A Nosa Terra ou A Fouce. Sorprende que non se poida consultar esta excepcional revista, exceptuando algún artigo en concreto, con todo o que supuxo para a nosa cultura”, explican os creadores do blog no mesmo.’ Vía Galicia Hoxe. Tamén en Cultura Galega.

Xoán Carlos Domínguez Alberte: Sesión de baño e masaxe

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Galicia Hoxe:
“(…) Domínguez Alberte ofrece unha visión positiva sobre o futuro en Materia infinita. Como di no texto Bambán, a vida renova o seu xogo nunha oscilación pendular de sobe e baixa. É o empeño do autor. “Gústame transmitir unha experiencia vital, optimista pero crítica, nunca de derrota senón de compromiso. Porque temos que loitar por un espazo propio, non renunciar aos nosos dereitos en lingua, cultura, política e territorio”, asegura.
De feito, no libro, inclúe textos como o Tratado industrial do esquecemento no que denuncia o abandono das explotacións de minerais en Galicia. Textos en prosa que lle serven ao autor para “enxalzar os marcos da creción, que marcan o contrapunto coa primeira parte do libro e á vez serven como unha forma de singularizar o abandono de moitos aspectos da nosa vida”, apunta o escritor e profesor.
“Adoito analizar olladas escuras pero nunca cunha perspectiva de derrota senón de compromiso colectivo. A mensaxe ten que ser que non podemos renunciar a un país rico e soberano”, engade. (…)”

Santiago: recital poético Expulsadas do Parnaso

O venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Rúa Manuel Beiras, 3) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Expulsadas do Parnaso, coa participación de Andrea Nunes Brións e Raquel Rei (As Candogas do Quirombo), Ania González, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas Álvarez, Olalla Cociña, Dores Tembrás, Raquel Rei e Teófila Noemí Ruiz. Segundo comentan os seus promotores: “Poetas de diferentes xeracións e estéticas reúnense co público nunha escoita e espazo non convencionais. Voz, xesto e audiovisuais achegarán a obra destas mulleres que comparten a palabra como canle para dicir pero de xeitos moi diversos”. O acto enmárcase nas xornadas Que ves cando me ves?, que buscan visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadanía. As xornadas continuarán o sábado 18 coa celebración dun evento central, entre as 11:00 e as 14:30 h., nunha carpa na praza Roxa de Santiago onde se fará estampación en directo de mandís e bolsas da compra con lemas e motivos que traerán a Santiago o espírito do maio francés. Alí haberá tamén contacontos, stands de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público. Ese mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais.