Ramón Otero Pedrayo repasa a vida e obra de Ramón Cabanillas

Desde Cultura Galega:
“O Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1996 o noveno volume da colección As Nosas Voces. Trátase dunha maxistral conferencia de Ramón Otero Pedrayo sobre a vida e a obra do poeta Ramón Cabanillas pronunciada no Centro Galego de Madrid en 1964. A conferencia permite apreciar a impresionante oratoria de Otero Pedrayo. O intelectual foi presentado por Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Sey), aínda que a súa voz non foi gravada.”

Parlamento das letras: Xosé Ramón Pena

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Ramón Pena no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?
– Xosé Ramón Pena (XRP): Son moi ecléctico niso. Ademais, por motivos profesionais, leo moita historia e historia da literatura. Por puro e duro pracer, leo cousas moi variadas. ¿Regresar con quen? Sempre con García Márquez —aínda que estilisticamente non me interesa nada; quero dicir, ten un estilo tan marcado que se pretendes imitalo, afogas—, Joseph Roth, John Le Carré, o xenial Conrad, London… e dos nosos, sempre Blanco Amor e Ferrín.
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– XRP: ¡O que lles falta é público! Hai xente que escribe moi, pero que moi ben. ¡O que lles sobra é esnobismo e a falta dunha crítica realmente crítica que separe de vez o trigo da palla! (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XRP: O que dicía máis arriba: hai xente que escribe moi ben, que, realmente, fai unha literatura de primeira. Desafortunadamente, a canda dela hai —mesturados todos nun caixón de xastre/desastre— cousas absolutamente infumables. A crítica —ou certos críticos— teñen o gusto estragado ou carecen do que hai que ter para peneirar voces e ecos, o que é decente do que é puro esnobismo. Iso impide que se consolide un público, á súa vez, con criterios formados, que todo pareza o mesmo e que, en consecuencia, cadaquén se poida situar onde lle corresponde. Pero, repito: non é problema dos escritores, senón daquilo que os rodea, ¡quede claro!”.

Ferrol: conferencia de Xulio López Valcárcel

O xoves 16 de febreiro, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Xulio López Valcárcel falará sobre Poesía, de Celso Emilio Ferreiro, O deserto dos tártaros, de Dino Buzzati (versión galega de Xavier Rodríguez Baixeras) e Herba aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro.

Santiago: presentación de Criticalia, de Armando Requeixo

O xoves 16 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Criticalia, de Armando Requeixo, publicado por Sotelo Blanco. No acto, acompañando ao autor, participan Luís Alonso Girgado, Claudio Rodríguez Fer e Olegario Sotelo Blanco.

Xesús Ferro Couselo e o nacemento de Ourense

Desde Cultura Galega:
“No ano 1968, o intelectual ourensán Xesús Ferro Couselo impartiu esta conferencia, Orixe e formación da cidade de Ourense, como parte da programación inaugural da Agrupación Cultural Auriense. A conferencia foi gravada por Carlos Guitián. Trátase do volume 8 da colección As nosas voces, publicada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega no ano 1996.”

Vigo: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra

O mércores 15 de febreiro, no Teatro de Arte Livre (Rúa Vázquez Varela, 19), de Vigo, preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Marta de Sinllán e Manuel F. Vieites, contando tamén coa actuación teatral de María Roja, Roberto Cordovani e Javi Toste.

Santiago: presentación de Acuática alma, de Marta Dacosta

O mércores 15 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Acuática alma, de Marta Dacosta, publicado en Espiral Maior. No acto, xunto á autora, participan Teresa Moure e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo

O mércores 15 de febreiro, ás 19:30 horas, terá lugar unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. No acto, presentado por Xosé Ramón Fandiño, intervirán Rosa Aneiros, Inma López Silva, Charo Portela e Luz Pozo. Posteriormente proxectarase un vídeo realizado por Xaime Fandiño, e Luís Soto fará unha homenaxe musical.