A Coruña: presentación de A represión franquista na comarca da Coruña

O venres 13 de marzo, ás 20:00 horas, no Hotel Meliá María Pita (Praia do Matadoiro) da Coruña, terá lugar a presentación do libro A represión franquista na comarca da Coruña, publicado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, coa participación de Emilio Grandío e Xurxo Pantaleón.

Lira: presentación de Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez

O venres 13 de abril, ás 20:00 horas, no Local da Confraría de Lira (Portocubelo, Lira, Carnota), preséntase o libro Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a Asociación Cultural Canle de Lira, participan, xunto ao autor, Manuel Bragado e o músico Xabier Díaz.

Pedro Feijoo: “Quería facer con Vigo o que Woody Allen con Manhattan ou Montalbán con Barcelona”

Entrevista a Pedro Feijoo en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Como tardou tanto en animarse a publicar ficción [Os fillos do mar]?
– Pedro Feijoo (PF): Se me din hai dous anos que ía escribir unha novela, botaríame a rir. Xordíu de casualidade, matinando que sería o seguinte que nos gustaría mercar na librería. Algo de historia, algo de trama e que falasen coma nós. Cando nos decatamos tiñamos a novela enriba da mesa. O proceso creativo compaxineino co meu traballo de músico. Escribín moitos capítulos na furgoneta e incluso nas bañeiras dos hoteis. (…)
– AD: As comparacións son odiosas, pero inevitables. Como senta que o chamen o novo Domingo Villar?
– PF: Ata certo punto é normal porque facemos un tipo de novela que non se constrúe en Galicia. A miña proposta é diferente, porque, dende logo sen querer desmerecer, a de Villar ten un corte máis policial. Eu aposto por algo máis aberto: en parte trama, en parte histórica; con una gran velocidade no texto, moi coloquial e sobre todo, moito humor. (…)”

Vigo: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O xoves 12 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participará María Lado.

Ourense: inauguración da exposición Espiñas coroadas, comisariada por Carlos L. Bernárdez

A quinta feira 12 de abril, ás 12:00 horas, na sala Alterarte do Campus de Ourense, pavillón 1, terá lugar a inauguración da mostra Espiñas coroadas. Carlos L. Bernárdez + Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez dentro do proxecto 10 comisarios/10 artistas, e organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense. Alén do artista Lito Portela, a exposición conta coa colaboración do escritor Manuel M. Romón (textos), do músico Julián Hernández e dos deseñadores Iria Sobrino e Rai Iglesias.

Xavier Queipo: “Temos un goberno de ‘liquidadores’ disfrazados de xestores da débeda pública”

Entrevista a Xavier Queipo en Praza:
“(…) Praza (P): O da AGE foi un premio non esperado, -dixeches-. Están a tirar estes recoñecementos polos outros libros teus que estaban esquecidos, e que sempre reivindicas?
– Xavier Queipo (XQ): Unha cousa é desexar un premio e outra ben distinta “esperar” que nolo concedan, como unha dádiva. Había unha forte competencia, o que ten que ver coa calidade dos outros finalistas. Foi un recoñecemento a toda unha traxectoria, o que é de agradecer. Xa me gustaría que uns libros por levar premios tirasen dos outros, mais o mercado do libro en galego, escuálido de seu, non funciona así. Nin os libreiros, nin os distribuidores, nin os gurús que recomendan libros nin os propios lectores funcionan dese xeito, senón polo inmediatismo.
– P: Un dos criterios do xurado foi o feito de teres cultivado os distintos xéneros. Aínda que o que fixeches é máis ben cuestionar as convencións xenéricas. Por iso e por outras razóns a crítica sitúate na posmodernidade. Identifícaste con esa definición?
– XQ: Eu son escritor xeneralista, que tanto pode producir un poema río como un ensaio, un conto futurista ou unha novela de aventuras, un artigo de opinión ou unha peza de teatro. Certo que en Galiza teño un maior recoñecemento como narrador, mais en Bruxelas coñécenme como poeta membro do Brussels Poetry Collective dende 2007. Diría que non entendo de xéneros, como categorías ríxidas e inmutábeis. A verba postmodernidade adoita ten un significado distinto segundo o punto de vista. Eu considérome un escritor contemporáneo que procura renovarse en cada libro, entendido como un proxecto distinto. Niso vou contracorrente, pois o que se estila hoxe é repetirse a un mesmo ata a náusea, como eses escritores que se especializan en tramas policiais ou poemas líricos, en contos ocorrentes ou en literatura humorística. (…)”

Declarado deserto o VI Premio Narrativas Quentes

“Reunido o Xurado deste VI Premio Narrativas Quentes (Edicións Positivas) no local da editora, ás 11:00 horas do día 10 de abril de 2012 resolveu deixalo deserto.
Os tres membros do xurado consideraron que as 17 obras presentadas a este premio non acadaron o nivel esixido.
E esta resolución é o que comunica o representante da editora.

Francisco Macías

EDICIÓNS POSITIVAS”

Daniel Costas: “Mirar ao Outro pode ser un xeito de vernos mellor a nós mesmos”

Entrevista a Daniel Costas en Dioivo:
“”Retrato de nai de ollos de febre/ sustentas na base do colo con histeria./ retrato de fillo sen sospeita/ ocasionalmente/ come e berra/ a disentería e a cólera”. É un dos poemas de Infancia das vacas mortas, o segundo libro de Daniel Costas, que acaba de editar Barbantesa. O autor, -que gañara o XXII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con conservas e conseguiu tamén o Novacaixagalicia con Monicreques,- escribiu esta obra a partir de fotografías. E o resultado é unha sorte de poesía social tan actual como intensa. (…)
– Dioivo (D): Este libro podería encadrarse nunha sorte de poesía social que volveu desenvolverse desde os 90. Non é igual que a dos 70. Pero é. Que opinas ti?
– Daniel Costas (DC): Si que podería definir este libro en concreto como poesía social. Aínda que en todo está o toque social, porque é o día a día. Non pretendo ser moralizante nin nada así. Escribo moitos poemas, e parte deles foron publicados en obras colectivas. Teño outro libro individual, conservas. Para Infancia das vacas mortas si pensei en escribir un libro, non só poemas soltos. Pero escribo como me sae, como me gusta. Non me identifico co concepto de xeración, pero si teño relación con outros autores, e claro que nos influímos uns aos outros.
– D: “Son alérxico ao benestar da humanidade”. É un dos versos. E está despois de “maldito capitalismo”…
– DC: Falo das cousas que producen moitos males, e contra as que o libro é contestatario. Falo de que son alérxico pero tamén son virus… Non me gusta empregar demasiado a palabra capitalismo. Quería que ese tipo de referencias estivesen presentes, pero máis mergulladas. E o certo é que este libro está a ser lido por xente que non tiña moito contacto coa poesía. Xente de Moaña, que é de onde son, estase a interesar polo libro, co seu contido tan social. Estou moi contento da acollida. (…)”

A Coruña: charla-coloquio sobre Mariví Villaverde, con Marga do Val e Francisco Pillado

O xoves 12 de marzo, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, terá lugar unha charla-coloquio sobre Mariví Villaverde, homenaxeada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, coa participación de Marga do Val e Francisco Pillado.