Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Arquivos mensuais: Xaneiro 2013
Entrevista a Manuel Rivas sobre As voces baixas en Onda Cero
Desde Xerais:
“Reproducimos unha entrevista en Onda Cero a Manuel Rivas, realizada durante a presentación da última novela As voces baixas“:
Más audios en Onda Cero
Pemón Bouzas: “O que me traian os reis magos vai ser marabilloso”
Entrevista a Pemón Bouzas en Sermos Galiza:
“Xornalista e escritor, Pemón Bouzas vén de publicar A estrela de Oriente (Xerais), un libro en que re-visita o mito dos Reis Magos. O escritor reconstrúe a viaxe dos tres personaxes en que interpreta como un diálogo e encontro entre culturas. Lembra a maqueta dun tren eléctrico que atopou nos seus zapatos nunha mañá do 6 de xaneiro e desexa que a ilusión de momentos como ese dure toda a vida.
– Sermos Galiza: Un libro sobre os reis magos, a quen llo agasalla?
– Pemón Bouzas: Tardei máis do previsto mais, en primeiro lugar, estaba pensado para a miña filla, para cando, como di Graham Greene, atravesase ese momento na infancia en que se abre unha porta cara ao futuro. A idea era que seguise mantendo a ilusión dos Reis Magos. Escribino nun momento en que, en certa maneira, tamén eu precisaba recuperar esa ilusión. ter cativada na casa volve facer da noite do 5 de xaneiro unha noite máxica, como di a tópica frase.. Ás veces penso que escribín o libro para os país. É como se unha tarde puxeses na tele unha película para todos os públicos.A alegría que dan os Reis Magos pódese compartir, claro que si! (…)”.
Parlamento das Letras: Iolanda Zúñiga
Entrevista de Armando Requeixo a Iolanda Zúñiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Iolanda Zúñiga (IZ): Fáltalles franqueza, arrebato, modernidade. Sóbralles tedio, pudor, límites. Coñezo escritores/as que ignoran que o son e autoconfínanse a publicar en twitter. Coñezo escritores/as que darían uns burócratas formidables. O noso decorrer histórico e consecuente memoria colectiva son necesarios para orientarnos con lucidez neste tempo que nos tocou vivir, pero non os concibo como unha ferramenta da que abusar nos meus textos. Teñen máis valor as pequenas accións do día a día (como ir falar ao Corte Inglés nun galego con seseo e gheada) ca unha restra de libros cun claro ton doutrinario que só van interesarlle aos intelectualmente afíns a un. Para seducir as novas xeracións debemos espelirnos. Aos que redactamos fáltanos perspicacia. E atractivo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– IZ: O seu estado en canto a vocación é óptimo. Pero, insisto, somos pouco arriscados. Queda moito mundo que contar en galego e temos talento para facelo. Deberiamos diversificar máis as temáticas, os estilos, os formatos. Dos fracasos editoriais —entendamos como “fracaso” recuperar o investido sen obter grandes beneficios— tamén se nutre a literatura dun país, que só sostida sobre alicerces bestseller resultaría feble, homoxénea, sen variedade para competir ao carón doutras literaturas sólidas. Aventurémonos a redactar, a publicar, a recomendar, a ler. (…)”.
Manuscritos: Elena Gallego
Miguel Anxo Martínez gaña o XXXVIII Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Rodríguez Figueiredo
“O xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña ven de gañar o XXXVIII Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu relato As casas baratas. Este premio está convocado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro desde o ano 1975. A viguesa María Alonso Alonso logrou un accésit coa narración María a Lobiqueira e o compostelán Alberto Gómez Aneiros outro accésit con Contos dun representante artístico.
Esta edición do Modesto Rodríguez Figueiredo tivo lugar no Concello de Cerdedo e estivo precedida polo acto de colocación, por parte da Fundación Pedrón de Ouro, dunha placa conmemorativa na casa natal do investigador cerdedense Antonio Rodríguez Fraiz co gallo do centenario do seu nacemento. (…)” Desde Fervenzas Literarias.
Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo
Desde Praza:
“En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, Varela escribe que “gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás”.
Iso é o que un grupo de amigos e admiradores de Isaac queren facer este sábado 5 de xaneiro a partir das 12:30 h. do mediodía no cemiterio compostelán de Boisaca, onde Díaz Pardo foi soterrado hai agora un ano. O acto cívico, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo, contará coa participación de poetas, escritores e outras figuras destacadas, unidas pola estreita relación que tiñan co intelectual. Falarán Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro Paz, Inma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Xesús Redondo Abuín ou Fernando Salgado. E porán a música A Quenlla, as gaitas de Manuel Castro Basteiro e Elisardo González López e os violins de Laura e Marina Quintillán.
O poema de Lorenzo Varela será recitado por Xosé Ramón Fandiño. E como afirma Xesús Alonso Montero “morrese Díaz Pardo de morte morrida ou de morte matada, Lorenzo Varela non lle furtaría o agasallo das mazás e das pombas”. E Alonso Montero conclúe “nese intre as pombas recuperarán a liberdade e as mazás, co seu recendo, traducirán , ao seu xeito, o agarimo e a admiración dos asistentes ó acto. Valle Inclán, soterrado a poucos metros, aplaudirá sen reservas a nosa admiración e o noso agarimo, que serán perpetuos”.”
Anuario 2012: Creactividade
Desde Cultura Galega:
“Acción e crise son palabras fundamentais para definir o panorama cultural do último ano. A sociedade semella tomar o protagonismo con iniciativas anovadoras ante o devalo económico que afecta á cultura. No entanto, non debemos esquecer a retirada de apoios públicos pode comprometer moi seriamente o noso futuro. Repasa o que deron de si na cultura os últimos 12 meses no noso Anuario 2012. (…)
Canda a isto, a celebración do Día das Letras dedicado a Paz Andrade contribuíu a soster a perspectiva, xa consolidada nos últimos anos, de pensarmos a vertente internacional da nosa lingua ao tempo que incidiu na consideración da cultura como unha industria cun importante potencial económico. De xeito semellante, as celebración do centenario de Eugenio Granell lembrou as conexións mundiais da creación feita no país mentres o Ano Celso Emilio amosou a actualidade da poesía social. Acaba o ano en puntos suspensivos para un decreto sobre o galego no ensino cuestionado desde os tribunais e mais para unha Cidade de Cultura que inicia a súa enésima reorentación, cun futuro aínda por determinar nos dous casos. Tamén queda pendente de verificar o futuro das políticas públicas a respecto do ámbito audiovisual, logo das importantes mudanzas institucionais que sofreu sector coa supresión do Consorcio. (…)
É nese longo prazo onde se xoga o futuro. Ollamos como, en certo xeito, a iniciativa privada (e social) toma o relevo da pública. Increméntase o número de axentes activos a pequena escala, con traballo en rede, con novos xeitos de pensar e de facer. No entanto, non se pode perder de vista que o investimento público en cultura permite formatos, orientacións e magnitudes difíciles de cubrir desde un ámbito privado que acusa os problemas económicos. Nese sentido, o público está chamado a cumprir un importante papel de I+D que permite a creación de públicos, a formación de profesionais e a proxección internacional, entre outras cuestións. Na mesmas xógase realmente o potencial xa non só económico da cultura, senón a súa capacidade identitaria e a propia creatividade da nosa sociedade. En momentos cruciais coma este, non cabe dúbida de que estamos a xogar o futuro. Os falecementos de persoeiros Díaz Pardo ou de Xaime Illa Couto nun ano coma este non deixan de ser simbólicos. A cultura fica orfa de grandes figuras que definiron o noso país en tempos complexos. Cómpre agora xente para continuar a construción.”