Fallo do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle

Desde a A. C. Alexandre Bóveda:
“O día 15 de xuño, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, tivo lugar a reunión do xurado do I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle. O mesmo estivo composto por Xosé Manuel Rabón, director de escena tanto de ópera como de teatro, Sabela Hermida, actriz e autora de diferentes traballos sobre o oficio teatral e Lino Braxe, dramaturgo e director de escena quen actuou como secretario do xurado.
Falláronse un 1º Premio e dous accésits tal e como se indica nas bases.
O 1º Premio recaeu na obra Fashion Victims, da que resultou gañador José Luís Baños de Cos.
O 1º Accésit foi para a peza Albatros en terra, da autoría de Alberto G. Aneiros.
E o 2º Accésit recaeu no texto No ventre da balea, de Fernando Castro Paredes.
O texto gañador será posto en escena en formato de lectura dramatizada, mentres que as tres pezas serán publicadas no 1º Caderno de Teatro Jenaro Marinhas del Valle.

E para que consten asinan este documento
Sabela Hermida
Xosé Manuel Rabón
Lino Braxe”

Alberto Gómez Aneiros gaña o XIII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

O xurado do XIII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, integrado por Xulio López, Pedro García Vidal, Antonio Piñeiro e Xavier Castro, decidiu, por unanimidade, conceder o premio a Alberto Gómez Aneiros, polo seu texto O tesouro d’o dourado.

Miguel Anxo Martínez gaña o XXXVIII Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Rodríguez Figueiredo

“O xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña ven de gañar o XXXVIII Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu relato As casas baratas. Este premio está convocado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro desde o ano 1975. A viguesa María Alonso Alonso logrou un accésit coa narración María a Lobiqueira e o compostelán Alberto Gómez Aneiros outro accésit con Contos dun representante artístico.
Esta edición do Modesto Rodríguez Figueiredo tivo lugar no Concello de Cerdedo e estivo precedida polo acto de colocación, por parte da Fundación Pedrón de Ouro, dunha placa conmemorativa na casa natal do investigador cerdedense Antonio Rodríguez Fraiz co gallo do centenario do seu nacemento. (…)” Desde Fervenzas Literarias.

Alberto Gómez Aneiros gaña o XII Premio Ánxel Fole

«O primeiro premio foi para Encontros e desencontros, de Alberto Gómez Aneiros, veciño de Santiago e nado no Ferrol. O xurado resaltou a súa técnica, «que partindo dun blog crea un relato cunha atractiva tensión narrativa». En segundo lugar quedou a obra O sangue que tinxe as rúas de Gottan, de Alberto Rodríguez, de Ourense. O xurado gabou a súa «impecable calidade literaria».

O xurado de galego decidiu conceder un accésit a un relato que sorprendeu polo seu léxico e «as riquezas metafóricas». Trátase de A pleitesía do sorriso nas gamelas, de Rocío Leira Castro, de Cee.» (La Voz de Galicia)