Arquivos mensuais: Maio 2013
Rianxo: II Macro-recital ao son das letras vivas, o 18 de maio
Vilagarcía de Arousa: 26ª edición da Mesa das verbas
Pontevedra: presentación de Canitrot. Cen anos de esquecemento, de Carlos Gegúndez
O martes 14 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa da Oliva, 24), preséntase o libro Canitrot. Cen anos de esquecemento, de Carlos Gegúndez López, publicado en Alvarellos. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, participa, xunto ao autor, Henrique Alvarellos.
A Coruña: presentación pública da asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña
O luns 13 de maio, ás 12:00, na Libraría Nova Colón (Rúa Olmos, 9), da Coruña, preséntase publicamente a asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, nunha iniciativa conxunta do Departamento de Árabe da E. O. I. da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto contará coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña.
Mahmud Darwix estivo en Galicia no ano 2006 para recibir o Premio da AELG Escritor Galego Universal na súa primeira edición.
Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.
Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.
Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.
Mahmud Darwix é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.
Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.
Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: «Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza.»
Faleceu o 9 de agosto de 2008.
Conferencia de Antón Riveiro Coello nos VI Encontros Cidade da Coruña
Continuamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
Antón Riveiro Coello pronunciou a terceira conferencia, co título As voces ausentes. Literatura restitutoria.
Unha reflexión sobre como coa imaxinación e a través da vida de seres esquecidos podemos construír unha ficción cos lugares calados e invisibles da Historia, e como con eles podemos incidir na sociedade actual e transformala.
Literatura de restitución de voces ausentes como poden ser as das mulleres, a través das que se intenta canalizar a memoria e a percepción do conflito. Literatura tamén de recoñecemento ás vítimas, para lles dar unha homenaxe, sen entrar en ningún tipo de división ideolóxica.
Escribir sobre (e dende) a Guerra Civil non é unha moda dos fillos ou netos da mesma senón un acto de compromiso e rebeldía contra o esquecemento desas personaxes humildes nas que tamén está representada a identidade colectiva. Literatura como unha opción ética e estética de poñer en tensión o pasado e inscribir nel estas novas olladas que aspiran a modificalo. É dicir, a ficción, como lugar de exploración dos discursos do pasado, para iluminar eses espazos invisibles, para recompoñer as pluralidades das voces ausentes e achegar novas verdades a esa memoria en permanente construción.
Pódese escoitar completa aquí: Conferencia (Antón Riveiro Coello)
Manuscritos: Berta Dávila
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Ourense: A razón de ser dunha escritora galega hoxe, conferencia de Marica Campo
O venres 10 de maio, ás 20:15 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense, dentro dos XXIII Encontros Literarios, co título de Escritoras nos comenzos do século XXI, organizados pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense e con patrocinio da Catedra Carlos Casares da Universidade de Vigo, terá lugar a conferencia A razón de ser dunha escritora galega hoxe, de Marica Campo.
Vimianzo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O sábado 11 de maio, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Vimianzo e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, participan, xunto ao autor, Manuel Antelo, Chus Barbeira, Concha Blanco, Alexandre Nerium e Manuel Bragado.