Entrevista de Montse Dopico a Gustavo Pernas en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Primeiro, preguntarche polo premio. O que supuxo para ti, (aínda que non é o primeiro premio que tes…). Haberá posibilidade de levalo a escena?
– Gustavo Pernas (GP): O premio dáche a posibilidade de facer visible a túa obra, de publicala. O teatro está maltratado desde o punto de vista editorial e literario e son moi poucas as posibilidades de publicar teatro sen a rede que supón para os editores que a obra estea premiada. Hai, afortunadamente, excepcións entre os editores como é o caso de Edicións Laiovento grazas a singularidade do seu director, Francisco Pillado, que estimula aos dramaturgos a seguir escribindo. Con Laiovento publiquei tres títulos. Este é o segundo libro que publico con Xerais.
Respecto da posibilidade de levar Isóbaras a escena, nada me sería máis grato, pero un espectáculo con oito actores é unha superprodución neste momento de crise, algo inasumible para unha compañía como a nosa, Áncora Produccións. Sería máis doado que a producise unha compañía institucional coma o CDG. Pero o seu director di que tamén para eles se trata dunha superprodución, imaxínate como está o percal. Hai anos o premio Álvaro Cunqueiro ofrecía máis facilidades para a posta en escena, agora está demediado no seu alcance como case todo. (…)
– MD: É teatro social, mais tamén ten un ronsel de teatro do absurdo (se cadra…). Como o definirías ti?
– GP: Sempre me gustou o termo de “transversal” porque non se acomoda ben a ningunha clasificación. Os xéneros aparecen esvaídos. Comedia ou drama? Hai humor pero tamén situacións dramáticas. A estrutura non é aristotélica pero hai puntos de xiro marcados, non é unha obra de teatro absurdo nun sentido estrito, xoga con elementos realistas na construción dos personaxes pero tamén escapa dese modelo sobre todo cando toma curso ese xogo coral que ten un carácter moi poético e rítmico que nos achega ao ritual e mesmo ao posdramático.
É teatro social na medida en que se ocupa dos conflitos actuais e expón situacións nas que se poden ver identificadas moitas persoas, non elude o compromiso autorial pero pescuda, afonda na busca formal. Por outro lado creo que Isóbaras ten unha forte compoñente poética. En fin, creo que ao ser transversal, ao non pertencer a escolas ou movementos definidos corre un risco nestes tempos uniformes, falsamente plurais. (…)”
Arquivos mensuais: Febreiro 2014
Manuscritos: Luís Pimentel
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica.
Alfonso Álvarez-Cáccamo presenta Os Gotten
Mercedes Leobalde: “A linguaxe xurídica e a poesía erótica son como auga e aceite, pero caben no mesmo vaso”
Entrevista a Mercedes Leobalde en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Animácheste a te presentar a concursos e a publicar após participar en dous obradoiros con Antía Otero. O libro arrinca cunha dedicatoria: “Á miña xente, a que me impulsa”. É cousa miña ou Chamádeme Eva ten detrás un exercicio de empoderamento da súa autora?
– Mercedes Leobalde: O poemario leva unha dedicatoria colectiva porque me sentía en débeda con moitas persoas, en particular con esas que che infunden confianza e che poñen unhas grandes ás nos pés, nunca lastre.
Por iso ao dicir “a miña xente” non falaba de lazos familiares nin de amizade. Ou non só. Falaba de apoio. Sobre se foi un exercicio de empoderamento… non o creo. Empoderamento constrúese sobre o substantivo poder e iso pouco ten que ver propiamente coa publicación dun libro, non?
O libro xurdiu como un pequeno reto persoal, xa che digo, foi propoñerse dar ese salto, e con escribilo xa me tería sentido satisfeita. O que si é certo é que o feito de recibir un premio e ver a túa obra publicada implica un certo recoñecemento social que quizais si se toque nalgún punto co empoderamento que mencionas. (…)”