Alfonso Álvarez Cáccamo: “O mundo da cultura e da edición están nunha situación absolutamente crítica”

Entrevista de Montse Dopico a Alfonso Álvarez Cáccamo no Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Os Gotten está dedicado aos teus bisavós e comeza cunhas árbores xenealóxicas. Pero despois o que atopamos non é unha historia novelada convencional sobre unha familia…
– Alfonso Álvarez Cáccamo (AAC): Fixen unha dedicatoria para os meus bisavós e bisavoas, si. Mais a familia dos Gotten é inventada. Invento unha familia similar á miña. Porque a miña familia, por parte de nai, viña de fóra. Os avós eran italiano e austríaca. Persoas de procedencias distintas que foron confluír en Vigo. E entón, claro, si que hai partes autobiográficas, referencias a feitos reais… O nexo de todos os contos son os Gotten. Igual que no meu libro Contos mamíferos o nexo eran os animais, ou en Xente de mala morte o nexo era o suicidio. Aínda que, ao rematar este libro, si tiven a sensación de que un dos personaxes, Mara, podería dar para unha novela. (…)
– MD: Outro aspecto importante é o xogo co lector: o engano… En Adicción parece que nos estás a falar de porros, pero falas de libros…
– AAC: Gústame xogar co paradoxo e coa sorpresa. Prefiro, nos relatos, a sorpresa final que o final aberto. Os meus relatos, ademais, sempre foron así. Adicción ten, ademais, algo de crítica social. Porque parece que os libros son como un artigo de luxo. É unha crítica a como está a situación cultural: o mundo da cultura e da edición están nunha situación absolutamente crítica. Non se valoran os libros, non se consideran “útiles”.
– MD: Hai tamén, neste libro e noutros teus, un achegamento a personaxes marxinais. Persoas marxinadas por ser diferentes. En Os Gotten, xente como o Fandiño, que se fai o tolo pero é un sabio. En Peito de vimbio era el/ela, pola cuestión do xénero. En O espírito de Broustenac era un neno especial que deixaran nun mosteiro…
– AAC: Pois si. Esa é a clave que está detrás deste libro meu e de toda a miña literatura. Os meus personaxes son antiheroes, seres marxinais, por distintos motivos. Non me gustan os heroes. Aínda que tampouco quero mitificar os antiheroes. Gústanme ese tipo de personaxes raros, con problemas… O papel do neno de O espírito de Broustenac é, si, definitivo na súa sociedade. Como o é, por exemplo, na nosa, o das mulleres, polos roles que lles son asignados. Nese sentido, o obxectivo é denunciar os prexuízos da sociedade. E tamén falar de como vivimos: da soidade, como nun dos relatos no que falo do que fan tres veciños dun mesmo edificio… (…)”

Taboleiro do libro galego (XX), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Segunda entrega deste 2014 do Taboleiro do libro galego que recolle, segundo os datos obtidos dalgunhas librarías galegas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes de febreiro. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Biblos, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Paz, Trama, Cartabón, Á lus do candil, Carricanta, Suévia e Libros para Soñar.

NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
3º-. O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, Editorial Galaxia.
4º-. A lúa da colleita, de Anxos Sumai, Editorial Galaxia.
5º-. Legado nos ósos, de Dolores Redondo, Editorial Xerais.
6º-. Os Gotten, de Alfonso Álvarez Cáccamo, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Moda galega reloaded, de María Reimóndez, Positivas.
2º-. Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais.
3º-. Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, Galaxia.
4º-. Silencio habitado, de Olga Patiño, Pigmalión.
5º-. Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, Edicións Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-. Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela, Editorial Galaxia.
2º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.
3º-. A cultura tradicional galega desaparecida, de Antonio Rodríguez Cabanas, Edición de autor.
4º-. Vida e obra de Xosé María Díaz Castro, de Armando Requeixo, Galaxia.
5º-. Novos pasos por Bretaña, de Pemón Bouzas, Edicións Xerais.

INFANTIL-XUVENIL
-. Nubes de evolución, de Andrea Maceiras, Edicións Xerais.
-. O raposo e a mestra, de Manuel Rivas, Xerais (ilustracións de Jacobo Fernández).
-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. O grúfalo, de Julia Donaldson, Patas de Peixe.
4º-. Mamá, de Mariana Ruiz Johnson, Kalandraka (tradución de Manuela Rodríguez).

BANDA DESEÑADA
1º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Castelao 3. Máis alá, de Inacio / Iván Suárez, Demo Editorial.

OUTROS
1º-. CoraSons, colectivo CoraSons, Kalandraka.
2º-. Revista Luzes, nº 3.

Vigo: presentación de Os Gotten, de Alfonso Álvarez Cáccamo

O venres 21 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Os Gotten, de Alfonso Álvarez Cáccamo, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Gonzalo Navaza e Manuel Bragado.