Arquivos mensuais: Xullo 2014
A Pobra: presentación de Liña azul, de David Pobra
O venres 18 de xullo, ás 21:00 horas, no Auditorio do Museo Valle Inclán da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Liña azul, de David Pobra, gañador do IV Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Concello da Pobra, participan, xunto ao autor, Isaac Maceiras, Encarna González Montemuíño e Manuel Bragado.
O orzamento da Xunta para cultura caeu nun 60% desde o inicio da crise
Desde Sermos Galiza:
“O Observatorio da Cultura Galega (dependente do Consello da Cultura Galega) constata que entre 2007 e 2014 o orzamento para cultura da Xunta de Galiza caeu en perto dun 60%, situando o gasto por habitante en 34,4 euros, o que fai de Galiza o noveno territorio do conxunto estatal en gasto.
O informe Gasto público en cultura analiza o destino e a natureza do gasto das diferentes administracións no eido cultural a partir dos datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas; das Entidades Locais, e do Instituto Galego de Estatística. Así, constata que o descenso dos orzamentos é unha característica do financiamento das administración públicas nos últimos anos. “O orzamento da Xunta de Galiza descendeu entre 2007 e 2014 un 12%. Agora ben, este informe evidencia que o recorte global se distribúe de xeito diferenciado entre as diferentes áreas e políticas. De tal xeito que se o descenso en sanidade é dun 6,64%, o de educación é un 11,18% o de cultura é un 58,40%”.
O informe destaca a dificultade de coñecer como se distribúe o gasto, principalmente polas diferentes formas que toma a administración (axencias, empresas públicas.). Tendo en conta estas características, no ano 2011 a Xunta destinou 94 240 000 euros, que executou nas seguintes partidas: 22 564 000 en bens e servizos culturais; 300 000 en artes plásticas, escénicas e musicais; 5 526 000 en libro e audiovisual, e 65 850 000 en actividades interdisciplinares (dos que 37 millóns foron para promoción e difusión cultural e 23 millóns para política lingüística).”
Ribeira: presentación de A visión do invisible, de Pedro Castelao
David Sánchez gaña o VI Premio de Investigación Fermín Bouza Brey
Desde o Concello de Ponteareas:
“David Sánchez González, licenciado en Historia, obtivo o VI Premio de Investigación Fermín Bouza Brey. O pasado xoves, 10 de xullo, reuniuse o xurado nomeado para o Premio de Investigación Fermín Bouza Brey na súa sexta edición. Tras unha ampla deliberación acordouse conceder o premio ao traballo presentado co titulo: Unha aproximación ó contrabando na comarca de O Condado no século XX, de David Sánchez González.
O xurado valorou especialmente na obra premiada a temática que resulta atractiva, ademais de ser un tema inédito na historiografía local de Ponteareas. Así mesmo o xurado quere destacar o elevado nivel académico da maioría dos proxectos presentados. Este premio, que esta dotado con 3.000 euros, lembra o nacemento na vila de Ponteareas do ilustre poeta e polígrafo D. Fermín Bouza Brey.”
Laureano Xoaquín Araújo Cardalda: “A poesía é o ámbito artístico no que a palabra é máis libre”
Cangas: presentación de Columnas de papel 2, de Xosé Vázquez Pintor
O xoves 17 de xullo, ás 21:00 horas, na Taberna O Rincón (Rúa Cega, 4) de Cangas do Morrazo, preséntase Columnas de papel 2, de Xosé Vázquez Pintor, publicado por Morgante.
Padrón: presentación do número 57 da Revista Galega de Educación, Aprendemos con Rosalía
Entrevista a Alfredo Conde en Tempo de Lecer Ourense
Entrevista en Tempo de Lecer a Alfredo Conde:
“(…) – Tempo de Lecer Ourense (TLO): Chovida do ceo é o seu último traballo. Que se vai atopar nel o lector?
– Alfredo Conde (AC): Unha historia de policías coa que por veces te podes rir, por veces preocupar, verte obrigado a pensar nalgunhas outras, e preguntarte durante trescentas e pico páxinas quen centellas mataría á muller que apareceu espida e morta na praza compostelá da Quintana de Mortos, ó pe mesmo da catedral.
– TLO: O libro podería enmarcarse en novela negra, pero ten tocado outros xéneros e estilos. Hai algún no que se sinta máis cómodo?
– AC: Eu son escritor de novelas e un escritor de novelas ten que se desenvolver en todos os xeneros posibles se non quere ser só escritor de novelas de xénero e sentirse amputado na súa capacidade narrativa.
– TLO: En que atopa a inspiración á hora de crear?
– AC: Na experiencia propia e allea. Isto é, na experiencia do vivido, do lido, do escoitado ou do soñado, collidas todas elas polos pelos e pese a que a ocasión adoitan pintala calva, axúntanse ben, póñense a enfriar un pouco e logo déixase que quen ferva sexa a cabeza… De tal cocktail sae a novela. (…)”