Desde Fervenzas Literarias, esta entrevista a Breogán Riveiro:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?
– Breogán Riveiro (BR): Cando falo con rapaces sempre digo que o que máis nos distingue como especie aos humanos é a necesidade que temos de contar -e de que nos conten- historias. Un tal Xabier P. Docampo di no seu blogue que o acto máis sublime de amor é contar unha historia. Eu non creo tanto, non creo que sexa un “acto sublime” -se cadra para alguén da calidade literaria do vello mestre Docampo si, pero no meu caso non-, pero se non é un acto sublime é, en todo caso, un acto necesario. Contar historias é a maneira na que os humanos aprendimos, compartimos coñecementos, comunicamos e emocionamos ao longo de millóns de anos. A escrita, simplemente, é unha plasmación técnica deses relatos que contabamos ao carón das lumieiras. Unha técnica que nos permite contar a mesma historia moitas veces, a diferentes oíntes e en infinitos lugares. Unha técnica marabillosa en si mesma, pero que carece de sentido se perdemos a perspectiva de para que naceu: para contar historias.
Escribir, para min, é unha necesidade. No fondo -confeso- gustaríame máis poder contar historias en directo, conectando cos oíntes como fan Carlos Blanco, Cándido Pazó ou Avelino González. Pero, por desgraza, non dou a talla e debo facelo por escrito. Unha técnica distinta para o mesmo fin. (…)
– FL: Que é o que busca transmitir coa súa literatura?
– BR: Así, en global? É certo que toda obra nos “vende” algo ideoloxicamente, xa sexa á maneira da clásica “sentenza” ou de forma máis sibilina e publicitaria. Pasa inevitablemente. Eu son de esquerdas, non podo evitar que as miñas obras tamén o sexan, pero iso non significa caer no panfleto, nin que os protagonistas das miñas obras sexan da miña mesma ideoloxía -os personaxes teñen tendencia a ter as súas propias ideas-. Tamén son consciente de escribir para todo o mundo, así que tento que non se me note demasiado a ideoloxía, pero claramente teño que estar a prol de certas cousas como a igualdade; unha sanidade, educación e seguridade de todos e para todos; a democracia plural ou o libre cultivo e comercio de grelos, nabizas e outras herbas. Supoño que todo isto nótase nos meus libros, porque é inevitable, pero non é un obxectivo “primario”. O obxectivo “primario” é que o lector o pase ben. Por outra parte escribo en galego, que xa de por si é un posicionamento ideolóxico moi claro: avogas pola supervivencia dun idioma que morre. Herexía! E non só iso: Pretendo que un lector o pase ben lendo en galego! Dobre herexía! Eu coido que iso xa é importante abondo. E aínda por riba está o humor, que exerce de crítica, de agulla que pincha as ideas e que fai pensar. O humor é unha ferramenta imprescindible da intelixencia, pero é a máis deostada de todas as ferramentas. Dá medo ás mentes cativas -e por “cativas” non me refiro ás mentes dos nenos-.
Agora ben, se a pregunta de “Que pretendo transmitir coa miña literatura?” é máis fonda, máis transcendente, sinto que non podo responder. Son o bastante maduro como para saber que unha obra literaria, ou unha película, non van cambiar o mundo. Confórmome conque fagan pensar a unha soa persoa uns poucos segundos. Iso de facer “a obra” definitiva, a obra que deixará en nada a todas as demais obras, a obra que fará que a humanidade comprenda, por fin, o magnífico, transcendente e imprescindible que é o autor, non é mais que vaidade baleira.
No audiovisual pasa que coñeces a xente que quere facer “a” película. Cando lle preguntas de que vai esa película, que historia vai contar, responden que non importa, que iso tanto lles ten, que non o saben. O que importa é que vai ser “a” película. A definitiva. Enorme. Abraiante. Será un “antes” e un “despois” no cinema. Esquecen que somos simples contadores de historias, nada máis. (…)
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– BR: Sen dúbida un oficio que non permite vivir del non é un oficio. No meu caso teño claro que, estatisticamente, cada ano hai cinco ou seis galegos aos que lles toca a primitiva, e non creo que haxa cinco galegos que se poidan adicar profesionalmente á literatura en galego. Se é por cartos, xa que logo, resulta máis lóxico -estatisticamente- investir en primitivas e non en fotocopias das miñas obras. Se escribo -e en galego- é por outros motivos, non por diñeiro.
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– BR: O mellor é escribir para un público sincero, o peor deste público é que non é totalmente libre: non coñezo a moitos rapaces que vaian mercar libros en galego de “motu propio”. Por outra banda, non está demasiado ben visto escribir LIX. En xeral en Galicia -e en España- as literaturas de xénero son desprezadas. Coido que é un erro dos xestores da cultura en toda España -e Galicia non se libra dese erro, senón mais ben todo o contrario, abunda nel-. (…)”
Arquivos mensuais: Setembro 2015
Entrevista de Inma Otero Varela a Gonzalo Hermo en Insula europea
Entrevista de Inmaculada Otero Varela a Gonzalo Hermo na revista Insula Europea.
Compostela: Rosalía de Castro, protagonista da programación de setembro na Cidade da Cultura
Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca e Arquivo de Galicia, sitos na Cidade da Cultura de Galicia, pon en marcha a súa nova programación para setembro que estará marcada pola figura senlleira de Rosalía de Castro.
A Biblioteca recupera para o 8 de setembro o concurso Textos e Pretextos, unha batalla literaria entre dous equipos para saber quen é o que mellor comprende as páxinas dun libro. Tras formar dous grupos, ambos os dous lerán o mesmo libro e farán cada un unha batería de preguntas que deberán propor cada grupo ao outro. O moderador pode intervir con preguntas propias a cada un dos equipos e guialos no modo de proceder: o ‘porqué’ dalgunhas preguntas, conclusión ás que chegaron, pareceres, alternativas… O concurso, para nenas e nenos de 8 a 12 anos, arrancará ás 17.00 h. e é de balde mais é preciso inscribirse previamente.
Tras este primeiro achegamento á literatura, o 14 e 15 de setembro realizarase unha xincana na que superar toda unha serie de retos. En Rosalía na voz da xente, e a través dunha posta en escena teatral e con formato de xincana, unha serie de personaxes debidamente caracterizados da época da autora propóñenlle aos participantes pequenos retos para resolver un grande enigma. As probas están relacionadas coa vida e figura de Rosalía de Castro. A actividade é de balde previa inscrición e que, aínda que é para todos os públicos, os menores de seis anos deberán estar acompañados dun adulto.
A programación da Biblioteca de Galicia para este mes de setembro complétase co concerto Rosalía entre outras, a cargo da formación musical Xardín Desordenado. Este concerto especial terá lugar o sábado 19 de setembro no auditorio da Biblioteca a partir das 19:00 h., con entrada libre. Nel, os músicos de Xardín Desordenado interpretarán algúns temas baseados na obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro xunto a outros baseados en textos de seis poetas galegas de distintas xeracións: Olga Novo, María do Cebreiro, Pilar Pallarés, Luisa Castro, Marta Dacosta e Cristal Méndez Queizán. Antes de interpretar cada canción explicarase brevemente á traxectoria da autora, o contido do libro e o valor primordial do poema.”