Pontevedra: ciclo de conferencias Ciencia nas obras clásicas da literatura

OAELG Logo 3-2015 Ciclo de conferencias Ciencia nas obras clásicas da literatura, que conta coa colaboración da AELG, fai parte da iniciativa “Inspiraciencia“.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica que leva aparelladas outras actividades de divulgación. Entre elas o ciclo de conferencias Ciencia nas obras clásicas da literatura, do que fai parte a seguinte, a celebrar en Pontevedra ás 18:00 horas do venres 8 de abril no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (Pazo da Cultura. Rúa de Alexandre Bóveda, s/n).

Outros animais sorprendentes de 20.000 leguas baixo dos mares, por Lara García Alves. Grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña, Instituto de Investigaciones Marinas (CSIC).

Quen lle ía a dicir ao profesor Aronnax, naturalista de profesión, que a expedición do Abraham Lincon que tiña por obxectivo darlle caza a un xigante cetáceo, converteríase nunha intrépida aventura a bordo do submarino Nautilus. Baixo o mando do capitán Nemo, o profesor Aronnax e o resto da tripulación foron testemuñas da diversidade de especies animais que habitan nas profundidades do Océano. Dende as formas máis primitivas ás mais avanzadas na evolución. Gran variedade de algas e plantas mariñas, corais, anémonas, medusas, estrelas de mar, bancos de peixes de distintas familias, exércitos de luras … unha infinidade de especies foron sucedéndose ante os seus ollos. As formas de vida planctónica están presentes tamén nesta aventura baixo dos mares, ben sexa por especies que forman parte do plancto toda a súa vida, ou por animaliños que forman parte do plancto nas etapas inicias do seu desenvolvemento.

Nesta actividade daranse a coñecer as especies máis curiosas que forman parte do plancto, relacionando ademais a forma planctónica cos animais adultos protagonistas do libro de Jules Verne. Ao remate da charla, os participantes poderán observar a través dunhas lupas, a cantidade de especies curiosas que forman parte do plancto. Deste xeito tan directo, serán conscientes da súa forma característica e do seu pequeno tamaño. Como poden estas formas tan diminutas converterse nos animais adultos? Os participantes nesta charla non volverán a pensar na lura xigante cando se fale de 20.000 leguas baixo dos mares.

Pontevedra: actos destacados do venres 8 na Feira do Libro

O Feira do Libro de Pontevedra 2016venres 8 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. Xesús Constela asinará exemplares das súas obras na caseta da Libraría Paz.
20:00 h. Arantza Portabales presentará a súa novela Sobrevivindo, publicada en Galaxia. No acto estará acompañada por Xosé Monteagudo.

Vigo: presentación de Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas

O Ledicia Costasvenres 8 de abril, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas e ilustrado por Víctor Rivas, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora e ao ilustrador, participa Manuel Bragado.

Ferrol: presentación de A Pena do Vigia, de José Alberte Corral Iglesias

A José Alberte Corral Iglesiassexta feira 8 de abril, ás 20:00 horas, na Fundaçom Artábria (Travessa de Batalhons, 7), de Ferrol, preséntase A Pena do Vigia, de José Alberte Corral Iglesias, publicado por Guímaro Editora. No acto, o autor estará acompañado por Maurício Castro.

Os elefantes de Sokúrov, unha novela do presente”, por Antón Riveiro Coello

DesdeAntón Riveiro Coello Galaxia:
“O semanario Sermos Galiza publica un texto no que Antón Riveiro Coello ofrece as claves da escrita de Os elefantes de Sokúrov. (…). De seguido, ofrecemos o texto completo: (…)
Hai xa catro anos, nunha entrevista no Faro de Vigo ao redor de Laura no deserto, cando a xornalista me preguntaba sobre a teima dos autores para falarmos do pasado, eu recoñecía que nas literaturas había un déficit de actualidade, entre outras cousas, porque ás veces os autores precisamos de certa distancia para comprender o que está a acontecer. Naquela altura, tamén explicaba que, aínda que falemos do pasado, o presente sempre actúa e se entremete, e a nosa ollada do pasado é unha ollada dende o presente, condicionada pola nosa forma de pensar actual, coa nosa opción política e filosófica de entender o mundo. O certo é que esa resposta espontánea, e defensiva, ficou levedando na miña cabeza até que me fixen a pregunta: por que non? E así, mentres saboreaba un café na Gramola, coa chuvia a bater na fiestra que dá á praza de Cervantes, tomei as primeiras notas do que ía ser unha novela contemporánea. E alí, unha tras outra, foron xurdindo as ideas e comecei escribindo, nese Nadal de 2012, dende o presente, pero, como situei a novela en dez días, finalmente acabei escribindo do pasado, dun pasado recente, pero pasado, a fin de contas. Con todo, atrévome a dicir que é unha novela do presente, talvez dun presente continuo, pois moitos dos problemas tratados na novela, como a crise, seguen sen unha solución clara. Polo tanto, Os elefantes de Sokúrov coido que é unha novela contemporánea, mais non só. Ten algo de novela social, sentimental, intelectual, psicolóxica, mesmo de intriga. É tamén unha novela fundamentalmente descritiva, por veces lírica e metafórica, atenta sempre ás emocións e ás relacións dos personaxes. Amais desa condición multixenérica semellante á de Laura no deserto, Os elefantes de Sokúrov tamén comparte o punto de vista dos personaxes, que falan dende dentro e moven, alternativamente, durante dez días seguidos, unha historia na que a busca, o amor, a reconstrución da memoria, as artes, a crise económica ou a solidariedade se cruzan no que tamén é unha homenaxe a Compostela. Puxen o foco no cotián, na vida común de persoas con idades e ideoloxías diferentes, nun intento de comprender o sentido das súas vidas e os problemas que abranguen a unha boa parte da sociedade, non só a unha xeración preparada como a da protagonista, que non ve o xeito de entrar no mercado de traballo, senón tamén a dos pais desencantados ou a dos conflitos que arrastra a vellez: perda de seres queridos, ausencia de fillos, discapacidade, dependencia ou proximidade da morte. Temas candentes como o da prostitución, con personaxes contraditorios que erguen preguntas como a de se unha muller pode cobrar por exhibir o seu corpo se non hai un acto de violencia ou coacción, se xorde dun xeito totalmente consentido e libre. Ou o suicidio, como fracaso para os seres próximos que nunca deixan de se preguntar qué poderían dicir ou facer para evitar ou afastar a vítima do seu propósito.
Na novela, no que ten de intelectual, hai unha reflexión sobre a creación e a cultura, unha conexión entre a cultura de masas e a alta cultura, entre esa cultura pensada para a distracción, para divertir e causar pracer, e esoutra cultura que para moitos é unha sorte de relixión, un lugar de transcendencia que ocupa o baleiro e axuda a comprender a complexidade da vida. Nesta segunda parte, entraría en xogo o cinema de Sokúrov, para o que se precisa unha actitude de resistencia, o mesmo amor forte e voluntarioso que certos libros requiren de nós. A presenza de Sokúrov no título non é casual, o mesmo que os elefantes, que teñen unha carga simbólica e metafórica relativa ao altruísmo, á compaixón, á memoria ou á conciencia de grupo. E en Sokúrov concentraríase o interese pola arte e a creación, o punto de conexión entre uns personaxes sensibles, que afrontan a arte coa ollada da vida, e a vida coa ollada da arte, nunha estética de sombras e dúbidas que tocan a indefinición da existencia neste noso presente tan voluble e incerto.”

Compostela: presentación do número 32 da revista Murguía

ORevista Murguía 32 venres 8 de abril, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, terá lugar unha palestra-presentación do número 32 da Revista Murguía, dedicada ás Irmandades da Fala e a Galiza do seu tempo, coa intervención de Justo Beramendi e Uxío-Breogán Diéguez, director da publicación.