“O retorno de Suso de Toro”

Desde Nós Televisión:
Suso de Toro pon fin a case oito anos de “seca literaria”. O autor natural de Compostela presenta a súa última novela, Fóra de si, unha obra que presenta a un neurocirurxián que atravesa un complicado momento persoal e se atopa totalmente sobrepasado polos seus problemas, ficando mesmo “fóra de si”, como o propio título da novela indica. Suso de Toro trata diferentes cuestións vencelladas á perda, a culpa e a identidade familiar.
O escritor compostelán anunciara no ano 2010 a súa decisión de abandonar o mundo literario, xa que perdera a “fe” na literatura por mor da “crise da figura do autor” que axexa ao eido cultural. Durante este tempo, decidiu volver á docencia impartindo aulas a diferentes cursos no IES Rosalía de Castro, un centro no que ficou até a súa xubilación. Así e todo, non deixou de colaborar con diferentes medios amosando a súa visión do taboleiro político.
Agora, após o seu longo descanso, volve embarcarse no vertixinoso mundo da literatura. Suso de Toro recuperou a “fe” perdida ao ver o “estreito lazo” que xerou durante anos entre el mesmo e os seus lectores e lectoras. “A idea da novela xurdiu hai un ano e medio e decidín afrontar o desafío; gústanme os retos”, indica o escritor, quen asegura ter “desfrutado moito” durante a construción do relato.”

Montse Pena Presas publica a biografía A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Unha das expectativas máis interesantes que poden abrir as Letras de María Victoria Moreno é a da dignificación da literatura infantil e xuvenil”. Montse Pena Presas publica a biografía A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Resolución da convocatoria para as Residencias de primavera do 2018

Desde Cultura Galega:
“A editora Axóuxere e mais o Concello de Rianxo fallaban o pasado 1 de marzo a súa convocatoria de residencias de primavera para escritores e escritoras e pensadores e pensadoras. Aínda que o chamamento prevía acoller unicamente unha persoa en cada unha destas categorías, finalmente serán tres os proxectos que se desenvolverán na sede desta iniciativa na aldea de Brión (Rianxo). No apartado literario, foron seleccionados a cubana Jamila Medina Ríos coa súa “proposta narrativa vencellada cunha exploración alicerzada nun diálogo coa tradición psicanalítica e as literaturas ligadas á exploración do inconsciente, buscando espazos de iluminación e coñecemento nas fendas internas que nos compoñen” e mais Keith Payne, de Irlanda, “coa proposta de elaboración dun longo poema narrativo conectado, estilística e conceptualmente, coa xinea dos seanchaí gaélicos, a antiga tradición dos bardos irlandeses errantes”.
No apartado de pensamento o xurado seleccionou a proposta do galego Guillermo Rodríguez Alonso para desenvolver unha investigación “arredor dunha ontoloxía poshumana na que o pensar se realice na encarnación práxica dunha forma de vida alonxada da violencia metafísica dos dispositivos de poder modernos, tentando atopar devires alternativos para un ser posible e por vir”.
A organización destacou a variedade e a alta calidade das propostas recibidas desde diferentes países e lembra que está aberto ata o 15 de marzo o prazo de presentación de propostas para a convocatoria de residencias de verán.”

I Premio de Poesía Estratosférica

BASES

“O I Premio de Poesía Estratosférica é unha iniciativa de NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega) solidariamente entre os seguintes institutos: IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Miraflores de Oleiros e IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

1. Poderán concorrer ao I Premio de Poesía Estratosférica autoras e autores de calquera nacionalidade, presentando unha soa obra de temática cósmica escrita en lingua galega.
2. O premio ten catro categorías, unha por cada un dos institutos organizadores e outra libre para calquera estudante de ESO ou do Bacharelato que estea cursando estudos nalgún centro público galego, e consistirá no envío dos poemas á estratosfera dentro da cápsula MarumaSat III tras a súa lectura pública no acto do lanzamento. Se poden recuperarse, devolveranse certificados ás súas autoras ou autores e en caso de que se perdesen na viaxe certificarase unha copia exacta. Todos eles serán debidamente enmarcados antes de devolvérense ás súas autoras ou autores.
3. As obras aspirantes, que deberán ter unha extensión máxima dunha páxina, serán inéditas na súa totalidade e non poderán estar presentadas simultaneamente a outros concursos.
4. Os orixinais deberanse presentar mecanografados e baixo lema. O mesmo lema, a carón da categoría en que compite o poema, deberá figurar no exterior dun sobre pechado que conteña os seguintes datos: título da obra, nome e apelidos da autora ou autor, fotocopia do DNI, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
5. Os traballos da categoría aberta deberanse enviar por correo postal ou empresa mensaxeira ao: Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Maruxa Mallo de Ordes, As Casillas s/n, 15680 Ordes, A Coruña. Indicarase I Premio de Poesía Estratosférica no sobre. Os das outras categorías depositaranse nas conserxerías dos centros organizadores.
6. O prazo de admisión rematará o 20 de marzo de 2018. Excluiranse todos os envíos que leven data posterior.
7. O xurado cualificador estará constituído por persoas de recoñecido labor no ámbito literario. Como presidente actuará a persoa escollida por NOSA a tal efecto. Corresponderalle ao xurado a interpretación destas bases e a súa decisión será inapelable.
8. A decisión do xurado do I Premio de Poesía Estratosférica farase pública, a través dos medios de comunicación, co gallo do lanzamento da sonda estratosférica MarumaSat III.
9. Poderase declarar o premio deserto en todas ou en calquera das catro categorías, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.
10. As obras premiadas publicaranse nas actas do seguinte congreso de NOSA, e renunciarán as autoras ou autores, na primeira edición, aos dereitos que puidesen corresponderlles. De existiren posteriores edicións, deberase facer constar nelas que a obra recibiu o I Premio de Poesía Estratosférica de NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega).
11. Non se devolverán os orixinais nin se admitirán reclamacións sobre eles. O feito de presentarse ao I Premio de Poesía Estratosférica implica a aceptación por parte das persoas participantes das presentes bases na súa totalidade.

Vila de Cruces, 5 de febreiro de 2018″

Bases do 13º Premio Abrente de Textos Teatrais

13º PREMIO ABRENTE DE TEXTOS TEATRAIS

“Coa intención de incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega e por ser o teatro a actividade que maior incidencia e proxección histórica lle outorgou á ribadaviense Agrupación Cultural Abrente (1969-1983), o Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro (MIT) convoca, en lembranza daqueles “Concursos de Textos Teatrais”, a 13ª edición do Premio Abrente para Textos Teatrais 2018, de acordo coas seguintes bases:

1ª REQUISITOS
Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria, sempre que estea escrita na normativa oficial da lingua galega.

2ª PREMIOS
Establécese un premio único e indivisible, dotado con 3.500 euros e a edición da obra gañadora.
O Concello reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e entregará ao gañador/a un total de vinte exemplares. Igualmente, o Concello poderá promover, a través da Mostra Internacional de Teatro, a produción para a escenificación da obra premiada, sen que isto supoña unha compensación complementaria para o autor/a.
En calquera montaxe que se faga da obra gañadora farase constar, necesariamente, tanto no programa, cartel, publicidade, etc., a mención expresa “PREMIO ABRENTE DE TEATRO. MIT RIBADAVIA 2018”.

3ª PRESENTACIÓN DOS ORIXINAIS
As obras serán de tema e extensión libre e presentaranse por triplicado, mecanografadas a dobre espazo, en tamaño DIN A4, fonte de letra Times New Roman, por unha soa cara e coas follas numeradas, grampadas ou encadernadas.
Os orixinais presentaranse baixo o título e un lema ou pseudónimo, acompañados dunha plica onde deberá figurar, no exterior, o título e o lema ou pseudónimo e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono e correo electrónico.

4ª PRAZO E LUGAR DE ADMISIÓN
O prazo de admisión de orixinais remata o día 22 de xuño de 2018 e deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Praza Maior s/n, C.P. 32400, Ribadavia, Ourense
Deberase indicar no exterior do sobre “13º Premio Abrente para Textos Teatrais, 2018”

5ª XURADO
O xurado presidirao o Alcalde de Ribadavia ou persoa en quen delegue e formarán parte del: a Concelleira de Cultura ou persoa en quen delegue, o Director da Mostra Internacional de Teatro e tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. O nomeamento do xurado farao o Alcalde e actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
A composición do xurado farase pública con anterioridade á súa reunión, coa intención de que se poidan interpor, se fose o caso, as alegacións pertinentes.

6ª COMUNICACIÓN DO DITAME
O xurado actuará en sesión única, sendo precisa a asistencia de dous terzos dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. A obra gañadora será escolleita entre dúas obras finalistas, sendo a gañadora a que obteña un mínimo de catro votos. A plica correspondente á obra finalista poderá ser aberta polo secretario do xurado se se considera oportuno para que, se o autor/a o permite, se dea a coñecer de maneira pública. O veredito do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Ribadavia, que é o órgano competente para resolver o premio.
A decisión do xurado darase a coñecer publicamente en xullo de 2018, no contexto da XXXVI edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

7ª RETIRADA DE ORIXINAIS NON PREMIADOS
Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias do Concello de Ribadavia no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados nun prazo de dous anos pasarán a formar parte dos fondos do Concello, previa destrución das plicas que conteñen os datos persoais dos concursantes.

8ª ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.

Ribadavia, febreiro de 2018″