Entrevista de Daniel Salgado a Miguel Anxo Seixas en Sermos Galiza:
“Biografía dun construtor da nación é o título da máis extensa e profunda tentativa sistemática de pescudar na vida e na obra de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950). O historiador Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) vén de depositala na Universidade de Santiago de Compostela como tese de doutoramento aínda pendente de lectura.
(…) – Sermos Galiza (SG): Por que a estas alturas non existía unha biografía de Castelao?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Porque o xénero biográfico é moi difícil. Esixe moita entrega, esforzo e tempo de investigación. Podes facer unha biografía literaria en que contas didacticamente e con talento a vida de calquera. Por exemplo, as que fixo Carlos Casares de Otero Pedrayo ou de Risco. Pero unha biografía científica, de buscar datos, documentalos, localizalos no seu contexto, é un esforzo moi grande. Ian Gibson ao escribir sobre Lorca ou Buñuel se cadra pasa anos e anos á procura dun dato nunha hemeroteca. Con Castelao, ademais, hai outra cousa. Castelao é un naufraxio. Tes que andar ás crebas, a ver que quedou en Rianxo, en Pontevedra, na Arxentina, en Nova York, en Moscova, en Cuba… Non hai un arquivo. (…)
– SG: Existe Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade, pero non é exactamente unha biografía senón máis ben unha interpretación.
– MAS: Eu agradecín moito ese libro cando saiu no 82. Foi moi revelador. Sempre é de agradecer, nun país que non constrúe nada, alguén que constrúa algo, poña catro andamios… Outra cousa é que teña ausencias. Pero despois é máis doado completar. Este país ten que ser máis construtivo, ten que recoñecer que o esforzo dos demais suma. (…)
– SG: Falaba de que é unha figura esnaquizada pola guerra e o século XX, pero máis alá desta dispersión consecuencia da súa vida de compromisos, ¿cales foron as dificultades coas que bateu á hora de traballar este material?
– MAS: O gran labor dunha biografía é, primeiro, coller o personaxe e buscar toda a documentación que exista. Canto máis íntima mellor. É importante ter cartas e epistolarios doutros compañeiros e cruzalos. Niso Galiza avanzou moito nos últimos anos. Foron saíndo biografías doutros personaxes, diarios, cartas, que axudan a cruzar os datos. Pero para min o máis complicado non era o personaxe en si. Se fas unha biografía e sóbelo como unha estatua, que é o que fai moita xente, daquela está fóra do mundo. Para min é un fracaso. Había que baixar Castelao á terra e poñelo como unha persoa normal. O complicado era: como era Rianxo en 1886? Como era a vida mariñeira? Como é o mundo agrario? Por que emigra a xente? Como é Madrid cando vai a Madrid? Como é Pontevedra cando chega a Pontevedra? O contexto era o máis complexo. Porque el non está no mundo, está en moitos mundos. Por exemplo, se falas de Manuel Antonio só tes que falar de Rianxo e de Buenos Aires, aínda que viaxou tamén a Levante. Pero quero dicir que é moi acoutábel. Pero dun personaxe que se moveu en tantos sitios como Castelao non podo chegar e dicir: “Agora chega a Rusia”. Que pasa alí, por que vai, con quen vai, quen o chama?
– SG: O contexto é fundamental para describir a existencia dunha persoa.
– MAS: Moitas veces tes que buscar a relación do personaxe. Por que acaba en Pontevedra? Porque anteriormente tivo unha crise de cegueira a causa dunha tuberculose. A tuberculose obrígao a pensar que vai quedar cego e a presentarse a unha oposicións. Un cuñado que estaba en Estatística, Camilo, probabelmente lle dixera: “Preséntate aí, que é a única maneira de que teñas unha paga se che pasa algo”. Vai a oposicións en Madrid e quedan dúas prazas, Cuenca ou Pontevedra. Hai unha serie de relacións que se estabelecen na vida que, cando as persoas desparecen, desaparecen con ela. Daquela, o importante é saber por que colabora en El Sol, por que colabora en A Nosa Terra? Quen o chamou? Eu intentei documentar todo o que existe. Por exemplo, non fun capaz de saber por que casa con Virxinia. Pero si sei por que abandona a súa primeira moza. Porque lla cambian. El saía con Eva. Eva ten unha irmá que morre e, daquela, o viúvo, para non quedar só cos fillos, cóllelle a moza a Castelao. E na familia del dixeron, “pois Virxinia, que é da familia”. Sabémolo. Pero como a coñeceu? Hai cartas? Non, probabelmente foran destruídas. Hai moitos fíos que non fun quen de anoar de novo. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017
Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.
A inscrición é de balde ata cubrir 50 prazas para cada roteiro. Horario dos roteiros: de 11:30 a 13:00 horas.
Redondela. Sábado 2 de setembro
Roteiro da memoria na Illa de San Simón.
Con Xosé María Álvarez Cáccamo
Punto de partida: Porto de Meirande, Redondela. Traslado en barco á Illa de San Simón
Inscricións en Turismo Redondela: 986 401 713 (xa cubertas)
Percorrido arredor das illas de San Simón e San Antón, ilustrado con explicacións e comentarios relativos ao significado e valor dos espazos visitados. Terase en consideración o proceso histórico dos acontecementos ocorridos nas illas, desde a Idade Media: a presenza simbólica do poeta Mendiño e a súa cantiga, a vida monacal, as invasións de Drake, a instalación do lazareto, o uso do recinto como campo de concentración durante a guerra civil e a inmediata posguerra e a súa utilización posterior con diversas finalidades ata hoxe.
Tui. Sábado 16 de setembro
Monte Aloia. Roteiro Aloia máxico, mítico e lendario.
Con Vítor Vaqueiro
Punto de partida: Monte Aloia, lugar de estacionamento perante a antena de radio
Inscricións no Concello de Tui: 986 603 625
O punto de saída será o lugar de estacionamento situado xunto á antena de radio, case no cumio do monte. O roteiro discorrerá pola capela de San Fins e o seu espazo murado adxacente, para baixar na procura da muralla, e visitar dous miradoiros, o do enxeñeiro Areses e o do castelo. Tamén inclúe a cruz que conmemorou o ano santo de 1900, que permite unha visión magnífica sobre o Baixo Miño e, finalmente a cama de San Xián, para terminar no mesmo punto que o do comezo. O percorrido relacionará as crenzas que relativas ao culto aos montes, os corpos santos, ou os santos hidróforos, así como os rituais levados a cabo en certos lugares do monte que teñen que ver coa pedra do sol e a pedra da auga.
Cangas. Sábado 23 de setembro
Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña.
Con Héitor Mera
Punto de partida: Casa natal de Bernardino Graña, rúa Alfredo Saralegui 26, Cangas
Inscricións na Casa da Xuventude de Cangas: 986 392 171
O roteiro parte cara á zona da Congorza coas paradas precisas para ir explicando e recitando textos de Bernardino ao longo do percorrido. Ademais do patrimonio marítimo, daranse varias referencias literarias e biográficas do autor. O final terá lugar nunha tasca onde todas as persoas asistentes recitarán o ‘Gato da tasca mariñeira’.
Cambados. Sábado 30 de setembro
Roteiro do Centenario Da terra asoballada.
Con Ramón Caride Ogando
Punto de partida: Praza do Concello, ao pé da estatua de Ramón Cabanillas.
Inscricións na Biblioteca municipal Luis Rei: 986 520 008
O roteiro centrarase na edición de Da Terra Asoballada de 1917, incluíndo a lectura dos poemas de dita edición. Abarcará os lugares máis significativos da vila de Cambados como son Fefiñáns, A Calzada, O Convento, A Pastora, Santomé, e a Rúa do Hospital, vencellados ao nacemento, infancia, vida e morte do poeta, así como aos seus coetáneos, Asorei, Valle-Inclán e Plácido Castro. Tamén presentará as pegadas de Cabanillas nos creadores actuais do Salnés e en lugares de actividade cultural como o Pazo Torrado e a Biblioteca Luís Rei.
A Estrada. Sábado 7 de outubro
Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores.
Con Xosé Luna Sanmartín
Punto de partida: Igrexa de Berres, A Estrada
Inscricións no Concello de A Estrada – Cultura: 986 570 165
O percorrido comeza na igrexa e cemiterio de Berres, onde está enterrada Avelina Valladares; para continuar cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha propiedade privada que non soe ser visitable, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Realizaranse lecturas de poemas da autora no o xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Pico Sacro.
Paseos pola Coruña literaria – Outono 2017
Os Paseos pola Coruña literaria – Outono 2017 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias escritoras e escritores que ambientaron obras na cidade.
Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.
Os prazos de inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, son os seguintes:
– Xosé Luís Axeitos. Inscrición desde o luns 18 de setembro.
– María Solar. Inscrición desde o luns 25 de setembro.
– Paseo sobre Agustín Fernández Paz, guiado por María Jesús Fernández. Inscrición desde o luns 9 de outubro.
– Xabier P. DoCampo. Inscrición desde o luns 23 de outubro.
Farase, a partir das datas indicadas, na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.
– 30 de setembro, de 12:00 a 13:30 h. Con Xosé Luís Axeitos. Dicía nos anos vinte do pasado século El Pueblo Gallego, a propósito da estreliña nacionalista que adoitaban poñer os irmandiños na cabeceira das súas cartas, o seguinte: «Ises loceiriños que estrelecen o ceo dos nosos escritos, isas margaridas pentapétalas, que bosquexamos inxenuamente derriba das nosas cartas espranzadas…» Os nacionalistas do século XXI seguimos aínda, perdida a inxenuidade, detrás do ronsel desas estreliñas esperanzadas.
– 7 de outubro, de 17:30 a 19:00 h. Con María Solar. Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.
– 21 de outubro, de 12:00 a 13:30 h. Paseo sobre Agustín Fernández Paz, guiado por María Jesús Fernández. Quixera que fosen as palabras do propio Agustín Fernández Paz as que desen xusto sentido a este percorrido polos escenarios da novela A viaxe de Gagarin, derradeira que o querido e lembrado escritor e amigo dedicou ao público lector adulto. Dicía Agustín nun texto que escribiu no mes de novembro de 2015 para recibir o Premio da Crítica de Creación Literaria dese ano, e que eu tiven a honra de ler no seu nome: «… A Viaxe de Gagarin, como toda historia que pretende ser universal, afonda as súas raíces nun territorio moi concreto: a cidade da Coruña, na década dos sesenta… … A viaxe de Gagarin é, dalgún xeito, un libro xeracional: un repaso á España, á Galicia, dunha amarga etapa da ditadura de Franco, desde finais dos cincuenta ata a morte do ditador. Unha etapa da que, aínda hoxe, as ondas do que nela sucedeu chegan ata nós…».
– 4 de novembro, de 12:00 a 13:30 h. Con Xabier P. DoCampo. Lembro cando, nos últimos anos cincuenta do século pasado, había na Coruña dezasete salas de cinema abertas. Dese xeito, o cinema chegaba a todos os barrios da cidade, cousa importante dado que era o único espectáculo que nos abría unha fiestra ao mundo exterior nun panorama de illamento cultural. A intención do roteiro é a de percorrer os lugares onde estaban aquelas salas, en especial as do centro, que eran as de estrea, aínda que falaremos tamén das outras, as de reestrea ou populares. E falaremos moito do que significaba o cinema, de como eran as salas, o público…
A Coruña: Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada
A AELG colabora nas Xornadas de Literatura Infantil e Xuvenil e animación á lectura: Cando ler non serve para nada ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
– Público destinatario: alumnado dos Graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Galego e Portugués e dos Mestrados en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e en Literatura, Cultura e Diversidade. Aberto tamén a profesorado de centros educativos, profesionais de biblioteca, lectoras/es…
– Entrada libre.
– Todas as sesións terán lugar de 16:30 a 19:00 horas no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
PROGRAMA
- Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG
- Espazo Lectura, asociación cultural
- Marc Taeger, ilustrador
- Uxía, cantante
- Eva Mejuto, escritora
- Urco Editora
- Juana Vázquez, responsábel da biblioteca do CEIP Ramón de la Sagra, con alumnado do centro
- Paula Carballeira, dramaturga
- Moito conto (A Coruña), libraría
- Laura Sáez, editora en Patasdepeixe
- Ledicia Costas, escritora
- Conferencia: Jordi Sierra i Fabra, escritor
- Mesa redonda de lectores/as: El Clú (Bibliotecas Municipais da Coruña); Clube de lectura Nébeda (UDC), e alumnado lector
- Francisco Castro, editor en Galaxia e escritor
- Andrea Maceiras, escritora
Actividades paralelas
Exposición fotográfica: E ti que les?” / “E ti con quen les?
Lectura en vivo de fragmentos de LIX.
Fallo do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz.
Bases do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz
FINALIDADE
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan o I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz coa finalidade de promover a literatura infantil e xuvenil en lingua galega e homenaxear, ao tempo, unha das súas figuras máis representativas.
OBXECTIVO
O noso obxectivo é potenciar a novos escritores e escritoras en lingua galega para que desperten ou manteñan vivo o vicio de ler en nenos/as e mozos/as. Queremos fuxir da literatura infantil e xuvenil utilitaria e reivindicar o dereito a ler como fonte de gozo desde idades temperás.
PARTICIPACIÓN
Poderán participar no concurso todas as persoas interesadas en escribir para público infantil e xuvenil en lingua galega. Os textos deberán ser inéditos.
PRAZO DE PRESENTACIÓN
A data límite para a recepción de textos será o 24 de febreiro de 2018.
ENVÍO DE ORIXINAIS
As obras que se presenten terán un máximo de cinco páxinas mecanografadas a espazo e medio. Non obstante, o xurado podería reconsiderar este criterio se a temática ou o necesario desenvolvemento do argumento así o requirise. Os/as participantes enviarán o texto en formato pdf por correo electrónico ao seguinte enderezo candolernonserve@gmail.com co asunto “I Concurso Agustín Fernández Paz”. Para alén dos relatos, os participantes incluirán tamén outro documento en que figuren os seus datos persoais: nome, apelidos e teléfono de contacto.
XURADO E FALLO DO PREMIO
Unha comisión composta por especialistas no campo da literatura infantil e xuvenil seleccionará un dos textos aténdose á calidade literaria, á orixinalidade e á creatividade.
Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, a teor do criterio dos membros da comisión, o premio poderá declararse deserto. Este reunirase na segunda quincena do mes de marzo e dará a coñecer a obra premiada o día 2 de abril a través da web da Facultade de Ciencias da Educación (http://www.educacion.udc.es) e da web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (http://www.aelg.gal).
PREMIOS
A persoa autora da obra premiada recibirá un vale da libraría Moito Conto por valor de 150 €. Así mesmo, o relato gañador será exhibido nun espazo público da Facultade de Ciencias da Educación. Se a comisión considera de calidade outras obras non gañadoras, estas poderán recibir un accésit e participar tamén da dita exposición.
ACTO DE ENTREGA
O galardón entregarase nun acto organizado pola Facultade de Ciencias da Educación o 23 de abril. As persoas recoñecidas, ben co premio, ben con accésits terán que acudir en persoa.
A Coruña: Curso Mellorando a lingua, con Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xosé Manuel Sánchez Rei
Pontevedra: Vermú entre libros, con Emma Pedreira e Ana Cabaleiro
San Sadurniño: recital de poesía en feminino
O sábado 16 de setembro, ás 18:30 horas, no patio interior da Casa do Concello de San Sadurniño (Lugar do Casal nº 16), terá lugar un Recital de poesía en feminino. Ao acto asistirán Xelo Teijido, Mar Beres, Pás Veres e Antón de Guizán, María Xosé Lamas, Xosé Abeledo, Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe, Silvia Pardo e Luz Campello, quen lerán textos poéticos. Tamén participan Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira, e a cantautora Sandra Tenreiro.
Nigrán: Curso de Escritura Creativa, impartido por MN Soutelo
Amoeiro: conferencia de Carlos Pereira, “Tras as pegadas dos Templarios na Galicia”
O sábado 16 de setembro, a partir das 20:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Amoeiro, Carlos Pereira pronuncia a conferencia “Tras as pegadas dos Templarios na Galicia“.
A Coruña: Escola de Escritoræs: Obradoiro de iniciación á videopoesía, con Celia Parra. Lapis, cámaras… acción! 2017
O Obradoiro de iniciación á videopoesía Lapis, cámaras… acción!, dirixido por Celia Parra, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG co patrocinio e colaboración do Concello da Coruña.
Inscríbete, gratuitamente, desde o 1 de setembro ás 09:00 ao 14 de setembro, ás 23:59, aquí. As doce prazas dispoñibles asignaranse por orde de solicitude.
O obradoiro, para persoas maiores de 16 anos, desenvolverase os xoves desde o 14 de setembro até o 2 de novembro de 2017, en horario de 18:30 a 20:00 horas, no Centro Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña.
Será impartido por Celia Parra, escritora socia da AELG, licenciada en Comunicación Audiovisual e especialmente interesada na fusión da poesía con outros formatos e linguaxes.
Proponnos un obradoiro de iniciación para achegarse á videopoesía. Traballaremos con textos, pensaremos en imaxe, escoitaremos a música das palabras e levaremos versos á pantalla para crearmos o noso propio videopoema.