Falece José Luís Fontenla Rodrigues

Desde Nós Diario (foto dese mesmo medio, Nós Diario):
“José Luís Fontenla Rodrigues naceu dentro dunha familia nacionalista en Pontevedra en 1944. Fillo do antigo militante das Mocidades Galeguistas e da Dereita Galeguista Xosé Luís Fontenla Méndez, comprometeuse na loita pola cultura galega desde moi novo, facendo parte da directiva da Agrupación Cultural O Galo nos primeiros 60 e sendo fundador en 1963 da asociación Os Novos de Pontevedra.
Fontenla Rodrigues desenvolveu unha intensa actividade cultural ao longo da súa vida. Fundador e presidente da asociación Amigos da Cultura de Pontevedra, impulsou entidades como a Associação Amizade Galiza-Portugal, Irmandades da Fala da Galiza e Portugal.
A loita a favor da lingua foi unha constante na vida de Fontenla Rodrigues. Desde a súa actividade nos anos 60 a favor da galeguización da liturxia até o seu traballo no ámbito do reintegracionismo e do achegamento do portugués e o galego
A actividade social de Fontenla Rodrigues foi moi importante nos anos 60, 70 e 80. Neste sentido, fixo parte do núcleo fundador da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), pertenceu ao núcleo directivo da editorial SEPT e xogou un papel de relevo no impulso e creación do semanario A Nosa Terra.
O seu labor político alcanzou grande relevo, sendo un principais impulsores da alternativa nacionalista de orientación demócrata cristiá. Representante desta tendencia en 1963 no Consello da Mocidade e principal dirixente do Partido Galego Social Demócrata durante o franquismo, participou en 1976 do Consello de Forzas Políticas Galegas, unha alternativa de ruptura contra o franquismo que agrupaba todo o nacionalismo galego.
Fontenla Rodrigues legou unha significada obra xornalística e literaria. Neste canto, destacan volumes como Poemas de Paris e outros poemas, Sememas, Tempo e Terra ou Itaca, estes tres últimos publicados co pseudónimo de João Padrão.
O enterro terá lugar esta segunda feira 30 de xuño ás 12 horas, no cemiterio municipal de San Amaro, en Pontevedra. Previamente, ás 11 horas, celebrase un acto de despedida no tanatorio Alviana, na mesma cidade.”

Desde a Academia Galega da Língua Portuguesa recolhem esta nova.

A Coruña: palestra “Isaac Díaz Pardo (1920-2012): Obra, milagres e espolio”, por Felipe Senén, o 30 de xuño

O 30 de xuño, ás 19h30, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, Felipe-Senén, Historiador da Cultura Galega, ofrecerá unha palestra co título de Díaz Pardo (1920-2012): Obra, milagres e espolio. As persoas interesadas poden inscribirse previamente aquí.

Galicia e a División Azul, de Xosé M. Núñez Seixas, gaña o XV Premio Manuel Murguía de ensaio da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
Galicia e a División Azul, do historiador ourensán Xosé M. Núñez Seixas é a gañadora do XV Premio Manuel Murguía de ensaio, convocado cada dous anos polo departamento de Cultura da Deputación e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.
Decidiuno por unanimidade o xurado presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e formado por Blanca Paula Rodríguez, gañadora da última edición, e Montse Fajardo, Rebeca Baceiredo, Héitor Picallo e Xurxo Martínez. Actuou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes, Manuela Muñiz Souto.
O comité avaliador valorou que se trata dun texto contemporáneo “moi ben documentado e con neutralidade na exposición do contido ata a reflexión e conclusión final”. Tamén o salientou “o traballo de investigación e de arquivo notable, cunha linguaxe ensaística, estilo divulgativo e fluído, que facilita a lectura”. Tivo ademais en conta os documentos, ilustracións, gráficos, e fotografías incorporadas, “que aportan moita información de interese, o mesmo que a “notable bibliografía da que fai uso o autor e o uso coidadoso da lingua nunha obra de grande interese polo tema que aborda, a División Azul, e a súa repercusión posterior”. (…)”

Samuel Merino: “A infancia produce máis dor vista dende a adultez”

Entrevista de Pilar G. Rego a Samuel Merino no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“‘Aquí / no medio da noite/ nesta calor animal hai un poema
O poema ten pulsión e avanza, gabea polas páxinas do libro ata converterse nun Manual de camuflaxe. Falamos do último poemario de Samuel Merino. De como nos construímos, de como nos adaptamos á contorna, do desexo de ser visto ou de ser invisible que ás veces nos confunde…, de todo isto, creo que fala este poemario. A entrevista pode verse aquí.”