A nova produción do CDG converte os personaxes de Valle-Inclán en concursantes do ‘reality’ Divinas Palabras Revolution

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) presentou hoxe a estrea de Divinas Palabras Revolution, a súa nova produción propia, que erguerá por primeira vez o pano este xoves 12, ás 21,00 h., no Salón Teatro de Santiago. Na sede da compañía pública poderá verse ata o día 29, con catro funcións semanais para público xeral e pases matinais para escolares.
A continuación, iniciará unha xira de dous meses por outros oito escenarios galegos mais o Teatro Español de Madrid.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Fefa Noia, directora do CDG; e Xron, director do espectáculo, interviñeron nesta rolda de prensa, na que tamén participou unha representación do elenco, encabezado por Patricia de Lorenzo, no papel de Marigaila, e Manuel Cortés, no de Pedro Gailo.
A casa en directo
Completan o reparto Antón Coucheiro (Sétimo Miau), Borja Fernández (Migueliño), Mónica García (Marica do Reino), Tone Martínez (Candás), Victoria Pérez (Tatoola), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano). Na versión que asinan Manuel Cortés e Xron, con dramaturxia deste último, estes personaxes son os concursantes dun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras 24 horas. Deste xeito, a ‘traxicomedia de aldea’, como subtitulou Valle a obra orixinal, convértese aquí en ‘traxicomedia de aldea global’.
O espazo audiovisual deseñado por Quadra Producións/Cuco Pino, coa asistencia técnica de Semi Soto, é pois peza indispensable na nova montaxe do Centro Dramático Galego, para a que Xron tamén contou no equipo artístico con Suso Montero (escenografía), Mar Fraga (vestiario), Fidel Vázquez (iluminación), Xacobe Martínez Antelo (música orixinal e espazo sonoro), Fanny Bello (caracterización), Iván Nespereira (deseño gráfico das tatuaxes), Rosa Moledo (asesoría lingüística a partir da tradución de Manuel Cortés), Arantza Villar (asistencia de dirección) e José Díaz (asistencia de produción). Xunto a eles, o equipo habitual da compañía da Xunta de Galicia encárgase dos diferentes aspectos técnicos da produción e da posta en escena.
A ambientación nun contexto actual non afecta o espírito crítico e inconformista co que o gran autor arousán concibiu esta obra hai cen anos. Así, o retablo da avaricia, a luxuria e a morte que Valle-Inclán construíu en Divinas palabras mantén a súa crueza nesta nova aproximación escénica, a primeira que se fai en idioma galego, para ofrecer –en palabras do seu director– “un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade”.
Porén, non o fará a través dunha tradución directa da obra orixinal, senón asumindo a imposibilidade de atopar esa aldea valleinclanesca na actualidade como reflexo doutras moitas imposibilidades, como a de manter unha identidade propia nun mundo globalizado ou a de conservar o sagrado, a natureza virxe, a pureza e o misterio como símbolos de Galicia, tal e como foi retratada por Valle.
Funcións e horarios en Santiago
Divinas Palabras Revolution poderá verse ata finais de mes no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 16 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, día do espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os martes e mércores para alumnado a partir dos 15 anos de idade.
Ademais, nas tres funcións dos días 15, 22 e 29 de abril, o CDG pon en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo. Esta iniciativa –incluída no prezo da entrada– consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico ao enderezo centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.
Divinas Palabras Revolutioniniciará despois unha xira durante a que se exhibirá noutras oito localidades galegas (4 de maio en Carballo, 11 e 12 de maio en Ourense, 1 de xuño no Barco, 8 e 9 de xuño na Coruña, 14 de xuño en Pontevedra, 16 de xuño en Rianxo, 21 e 22 de xuño en Vigo e 29 de xuño en Cangas), así como no Teatro Español de Madrid (do 17 ao 27 de maio). Alí representarase en galego, con sobretítulos en castelán, 85 anos despois da estrea da obra orixinal, que tivo lugar en 1933 nese mesmo espazo baixo a dirección de Cipriano Rivas Cherif, con escenografía de Castelao e con Margarita Xirgu como Mari-Gaila.”

Pontevedra: Salón do Libro 2018, Mulleres de conto

Desde o Salón do Libro:
“O tema da edición de 2018 é MULLERES DE CONTO e con ela pretendemos render merecida homenaxe a ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da LIX. Aquí pode verse o programa completo.

Suso de Toro fala para Biblos do seu regreso á novela con Fóra de si

Entrevista a Suso de Toro en Biblos:
“− Biblos (B): Coa volta ás aulas non semella que se resentise en nada a súa produción literaria ao abandonar a profesionalización como escritor que procurara na etapa anterior.
− Suso de Toro (SdT): Foron oito anos sen publicar e nos que unicamente escribín uns corenta folios de literatura (un texto inédito, “Negocios de familia” dentro dun volume de tres textos, Somnámbulos), de modo que eu creo que o músculo e o pulso literario forzosamente se tivo que resentir. De feito custoume sentar de novo a escribir un libro enteiro, un romance.
− B: Como valora o cambio xa con perspectiva?
− SdT: Non sei se hai cambio, as consecuencias dese parón. Este libro paréceme que leva dentro todos os temas doutros libros meus, as relacións familiares, a investigación do pasado… Outra cousa é se hai unha perspectiva vital distinta sobre eses temas. Supoño que sería lóxico, os escritores van modificando o seu punto de vista segundo a época da vida na que están, eu tamén me fixen máis vello…
− B: Como di o psiquiatra Adolfo na novela “primeiro vives a vida e logo dáslle voltas á cabeza por ver de entendela”. Ao remate da existencia, só quedan preguntas?
− SdT: Coido que non, coido que o que non hai é todas as respostas ás nosas preguntas. Mais, iso que máis ten. Non ten importancia, o que importa é poder coñecer o conxunto da nosa vida, o relato, aínda que sempre haberá cousas que descoñezamos. E, se callar é así porque así debe ser.
− B: Fóra de si está o que se descontrola, máis tamén é todo canto nos rodea alén nós. O protagonista está desorientado pero o mundo tampouco é como el o coñecía.
− B: Se chegas a unha idade, se sobrevives, o mundo nunca é como ti o coñeciches…
− SdT: Pásanos a todos, todas, acabamos por sentírmonos fóra de época, que o noso tempo xa pasou, aínda que non queiramos. Outra cousa é se falamos do momento actual, no que efectivamente estamos a vivir unha época de crise profunda do que nos rodea e sobre todo do que está por encima nosa, esmagándonos.
─ B: Hai algo de caricaturesco e inverosímil na novela. Por que?
─ SdT: Coñezo bastante a este autor, levo lendo nel desde que publicou o seu primeiro conto no ano 1983 e sempre percibín que, aínda que utilice técnicas do realismo, sempre hai algo de mítico, de grotesco e de cómico no que escribe. Non é un escritor realista aínda que o pareza, máis ben é un escritor de historias de fantasmas.”

Entrevista a Miguel Ángel Alonso Diz

Entrevista a Miguel Ángel Alonso Diz en Contos Estraños:
“(…) – Contos Estraños (CE): Quen es e que relación tes coa literatura e, sobre todo, no eido da fantasía?
– Miguel Ángel Alonso Diz (MAAD): Son un eterno aprendiz, un buscador, un soñador que vive o seu soño. Bo lector dende moi novo; escritor dende que volvín nacer hai uns anos. No eido da fantasía son un dos moitos lectores de J. R. Tolkien, Terry Pratchett, Michael Ende e H. P. Lovecraft entre outros. (…)
– CE: Cal é a túa opinión da situación actual da literatura galega?
– MAAD: Existe unha gran calidade e numero de escritores e escritoras na nosa lingua. Gozamos dende ese punto de vista de boa saúde. Outra cousa é o número de lector@s en lingua galega. A situación da nosa lingua, en claro retroceso, fai que cada vez sexa máis difícil atraer a novos lector@s. Considero que iniciativas como a vosa son moi importantes porque poden conectar con ese lectorado xuvenil, adolescente. Respecto os ilustradores e ilustradoras podo dicir o mesmo. Galicia é unha muller preñada de talento. Hai un nivel moi bo.
– CE: Que pensas que se podería facer para mellorar dita situación?
– MAAD: O que están facendo moitas editoriais e autor@s: ofrecer libro en galego de gran calidade tanto na escrita como na proposta visual. Boto en falta un maior apoio por parte das institucións públicas. Creo que, entre outras cousas, son necesarias campañas de concienciación sobre o uso da lingua dentro da familia. (…)”

Compostela: visita guiada ao Panteón Real da Catedral de Santiago, con Camilo Nogueira

“A A. C. O Galo convídate a ti e acompañante/s (sempre que non pasen de 3) á visita guiada que realizará ao “Panteón Real” da Catedral de Santiago. Nel atópanse os enterramentos de raíñas como Berenguela de Barcelona (casada con Afonso VII de Galiza e León) ou Xoana de Castro (casada con Pedro I de Castela), de reis como Fernando II de Galiza e León, Afonso VIII de Galiza e León e IX de Castela, e infantes e aristócratas das máis relevantes casas nobiliarias, como Raimundo de Borgoña.
As explicacións correrán a cargo de Camilo Nogueira Román, quen leva anos traballando encol dos primeiros tempos do reino galego e é autor de O Reino de Gallaecia, un estudo publicado por Edicións Xerais de Galiza, sobre a nosa historia durante a alta idade media.
A visita é de balde, só poden asistir a ela 25 persoas con máis de 9 anos de idade e celebrarase:
Día: xoves, 12 de abril de 2018. Hora de comezo: 18:30 h.
Lugar de encontro: Porta das Praterías da Catedral de Santiago ás 18:20 h.
Cómpre anotarse antes do 10.04.2018 ás 22:00 h. en ogalo.ac@gmail.com especificando o nome e apelidos, DNI, email e número de teléfono. O email e teléfono non o require a Fundación Catedral de Santiago, demandámolo nos para avisar ás persoas que ocuparán a praza que deixen libre aquelas que, despois de anotarse, nos comuniquen que non poden vir, cousa que, en caso de acontecer, vos rogamos encarecidamente que fagades canto antes. Como é habitual teñen preferencia as/os socios/os da AC. O Galo.
A lista de asistentes cubrirase dacordo á orde en que a citada asociación reciba os e-mails de cantas/os soliciten participar nesta 3ª visita guiada de balde, que neste ano 2018 organiza ao Panteón Real.”

Saturno tamén é deus, de Uxía Casal, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“Hai case vinte anos que Xerais sacaba á luz unha antoloxía de narradoras galegas titulada así, NARRADORAS. Lembro tela nas miñas mans hai iso, case vinte anos, e outra vez hai só uns poucos días e sentir un feixe de emocións con ela. Por unha banda que cada días somos máis, como dicía o bicho que nos acompañou na infancia. Por outra, que aquelas autoras que alí figuraban sendo promesas, hoxe son autoras firmes nas nosas letras. Naquel índice había nomes como: María Reimóndez, Ánxela Gracián, Marica Campo, María Canosa, Ledicia Costas, Inma López Silva, todas indiscutibles. Mais esas páxinas agochaban un tesouro literario. Un pequeno relato inquedante, arrebatador de tan sinxelo, co simplísimo título de O pequeno Mario, asinábao Uxía Casal.
Póñome desta beira dos case 20 anos e redescubro Saturno tamén é deus. Galaxia xa se encargara de editalo en 1997 e Uxía Casal facíase un oco entre a nómina de narradoras para adultas despois dun par de obras para crianzas. Agora Saturno tamén é deus ten outro aspecto, como as cousas maduras. Moldes de letra máis acaídos, unha sobria elegancia, unha fantástica capa de Paula Gómez del Valle que fai unha xustiza infinita ao que agocha dentro o libro, unha disposición da grafía e do silencio que fan da lectura algo realmente pracenteiro. Unha aposta máis que arriscada da editorial URCO, esta de reeditar un libro que xa funcionou noutro momento.
Fagamos contexto: Aquel volume de narradoras viña a dicir algo así como si que as hai, si que existen, as mulleres son algo máis que poetisas e investigadoras e como narradoras tamén teño moito e moi bo que dicir. E esta recente aposta de URCO vén dicirnos algo como non só é valioso o que dixeron no seu día senón que o segue a ser e por iso refacemos un libro ao que, se cadra, non se lle prestou toda a atención que se debía e que agora volve funcionar perfectamente porque é atemporal.
O libro funciona incluso mellor agora que antes grazas á renovación estética da envoltura, da forma, moito máis vencelladada ao contido. E tamén porque está composto sobre unha receita de éxito: a autora engraxa a maquinaria de cada relato e afina tanto a meticulosidade da súa prosa característica, limpa, observadora, moi achegada ao cotiá, que cada un dos relatos latexa aínda con frescura. E, dentro deste libro, como un agasallo para o público lector xa que non estivo naquela primeira edición de Saturno tamén é deus, aquel relatiño, O pequeno Mario. (…)”