Bruxelas: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto mércores 27 de maio, ás 19:00 horas, en La Tentation: Centro Galego de Bruxelas, Lakensestraat 28, 1000, terá lugar a presentación do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. No acto tamén terá lugar a performance Océano para terrícolas, onde o propio autor, con alegría e humor, interpretará as súas propias composicións co seu acordeón diatónico. O acto está coorganizado pola Asociación Couto Mixto de Bruxelas.

O río subterráneo de Agustín Fernández Paz

DesdeAgustín Fernández Paz o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Onte pechamos as actividades por este curso escolar do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro II”, do IES Valadares (Vigo), constituído por profesorado, pais e nais do alumnado e persoal non docente cunha visita agardada que nos fixo sentir como un grupo de lectoras e lectores privilexiados. Acudiu Agustín Fernández Paz á nosa chamada e fíxoo ao fío da lectura d´A viaxe de Gagarin, libro que foi merecente hai ben pouco tempo do premio á mellor obra narrativa polas persoas que constituímos a AELG.
Con todo, antes de se referir á súa última novela, Fernández Paz abordou temas, ao meu parecer, extraordinariamente interesantes como a compoñente de filiación irracional que rodea o acto da escritura, a influencia que recibiu, da man de seu pai, para converterse nun lector voraz deixando breves pero substanciosas reflexións como a que apunta á súa interpretación de que “quen ten ganas de ler ten tamén ganas de escribir”, aínda que o resultado desa vontade non se manifeste, sempre, publicamente. Transitando por estes camiños afirmou, asemade, como, no seu caso, a práctica da creación literaria foi roubándolle tempo á actividade docente pois, ao seu entender, a literatura é moi esixente: “un burato negro de tempo”. Alén de recrear, con exemplos que circulan polos seus libros, esa imaxes, experiencias ou feitos sorprendentes que, por veces, desencadean un relato ou unha novela, centrouse na vinculación que existe entre A viaxe de Gagarin e mais Non hai noite tan longa desvelando, dalgún xeito, eses ríos subterráneos que percorren as dúas propostas e que ás veces non é doado ver mais que, no fondo, van alimentándoo todo.
O autor vilalbés, nunha extraordinaria intervención na que insistiu na necesidade que sente de contar moitas cousas vinculadas con realidades experimentadas e outras imaxinadas, falou da memoria e do franquismo, da adolescencia e do espertar político entre outras cuestións que deron paso a un fértil diálogo, desvelando tamén o proceso da abondosa documentación que esixiu esta novela -usada sempre externamente e que lle outorga unha ancoraxe sólida ao que se quere contar-, sen esquecer enumerar algunhas das claves da insistente e teimuda dinámica de continua refacción e puimento que conduce da idea orixinal á versión final que onte puidemos ter na man, amosándonos un dos manuscritos da propia novela.
Un serán fantástico o de onte, non teño dúbida, deses que evocaremos ao longo de moito tempo. A nosa gratitude, Agustín!”

Bueu: actos en homenaxe aos navegantes do Marianne, barco da III Frota da Liberdade, o 31 de maio

OMarianne-720x340 domingo 31 de maio, estará no porto de Bueu o Marianne, barco da III Frota da Liberdade, que tratará de chegar á costa de Gaza para romper o bloqueo ao que é sometida o poboación gazatí polo estado de Israel.
Pallasos en Rebeldía, Rumbo a Gaza e BDS-Galiza, organizarán en Bueu o domingo día 31 diversos actos para homenaxear @s navegant@s, incluíndo unha festa popular ás oito do serán.
Confíamos contar co voso apoio e a vosa presenza nestes actos, dos que vos iremos informando conforme se vaian concretando.

Da semente, das espigas. A María do Carmo Kruckenberg

DesdeMaría do Carme Kruckenberg a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Toda semente debe caer primeiro na terra para se facer espiga. Nun ciclo interminable, dunha nace a outra e doutra a unha. Como palabras que se dan a man coa terra e abren os seus dedos cara ao aire. As sementes e as espigas enchen o ceo de paxaros que arrechouchían nas mañás de primavera, coma esta na que nos deixou María do Carmo Kruckenberg. Porque tamén en Vigo, no centro da cidade, nacen sementes e nacen espigas. Aquelas que, coma ela, dedicaron a vida a construír un corpo de palabras, unha aventura irrepetible compartida con todas as que a lemos e a coñecemos. Fronte ás dificultades dun tempo inhóspito, María do Carmo Kruckenberg escolleu a liberdade da semente que voa por conta propia, que se acolle aos ventos que mellor a abanean, que percorre o aire alén dos mares, que xunta o seu corpo a outros corpos, as súas palabras a outras palabras.
Na súa inmensa obra poética ­e non só­ María do Carmo Kruckenberg percorreu os camiños da natureza, do silencio, da melancolía e tamén da celebración. Na testemuña da súa vida que entregou cómplice e xenerosa, dona de seu, grazas ao traballo de Mercedes Queixas, percorreu as portas abertas e pechadas dunha historia que se resistiu ás marcaxes e ás definicións, rebelde e consciente do seu lugar no mundo.
Toda semente debe caer primeiro na terra para se facer espiga. Hoxe despedimos a María do Carmo Kruckenberg mais sen dúbida o seu corpo de palabras non nos deixa. Ese que ten a forza suficiente para facer que na súa cidade comecen a agromar xa as espigas que crecerán co tempo e se encherán de paxaros cantores e libres, coma ela.”

Marín: presentación de Dragal IV. A estirpe do Dragón, de Elena Gallego

OElena Gallego mércores 27 de maio, ás 20:00 horas, no Ateneo Santa Cecilia de Marín (Rúa Caracol, 36), terá lugar a presentación do libro Dragal IV. A estirpe do Dragón, de Elena Gallego Abad, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Héctor Silverio e Manuel Bragado.