O
mércores 23 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n) de Santiago de Compostela, Marilar Aleixandre, pronunciará a conferencia Expedicións científicas reais e imaxinarias, dentro do programa de charlas de Inspiraciencia.
“A curiosidade pola exploración de lugares descoñecidos guiou sempre os naturalistas. Dende Plinio que morreu no século I por achegarse ao volcán Vesuvio, as viaxes a selvas, illas, mares, o Ártico, os desertos ou a Lúa ampliaron o coñecemento sobre a natureza, aínda que serviron tamén a outros intereses. Falaremos dalgunhas expedicións reais, doutras imaxinarias (como a dos personaxes de Verne ao centro da Terra) e das que están a medio camiño entre o real e o inventado.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Xabier López: “Non podemos confundir o canon coa lista dos máis vendidos”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Xabier López en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cadeas é unha novela cunha estrutura que pon en cuestión o propio concepto de novela. Varios relatos van saíndo coma ponlas dun esquelete central: o encontro dun escritor cunha parella de lectores. De onde xorde esa estratexia narrativa?
– Xabier López (XL): Dunha reflexión vital que se fai literaria: a vida é unha novela ou unha sucesión de relatos? E da reflexión ao xogo: cantos relatos caben nunha novela? Cantas novelas caben nun relato? Recoñezo que buscaba acender un debate sobre os límites da narración cos demais escritores e sorprendeume que se crease maior comunicación cos lectores que con outros literatos sobre este aspecto. Ás veces leo cousas sobre a narrativa que me fan pensar que temos un pensamento sobre a novela algo atrasado: novela é todo o que queiramos que sexa unha novela.
– B: A figura do lector está moi presente na novela. Nese esquelete central un escritor atopa unha lectora cun libro seu na praia, acaban por coñecérense e o autor pasa unha noite ceando no chalé dela e do seu home, tamén lector e fan do escritor. Estes lectores da novela son tratados con bastante crueldade.
– XL: Esa parte do libro é unha parodia sobre esa relación entre o escritor e os seus lectores. E recoñezo que tiña certo medo á reacción de quen collese o libro e reparase nesa relación. Mais fiquei moi sorprendido. Primeiro porque a novela gañou o Xerais, que é un premio que dan os lectores e logo porque as persoas que len o libro e mo comentan vexo que entenderon ese punto de vista humorístico e esaxerado.
Eu quería reparar na busca do escritor polo seu lector tipo, esa figura difusa que non sabemos que existe pero que está acompañando o escritor cando escribe. Para quen escribimos? Quen queremos que nos lea? E se, como pasa en Cadeas, o lector que nos encontramos non é quen pensabamos a priori que podería ler os nosos libros? Supoño que os escritores que venden moito acaban por ter algún tipo de coñecemento directo dos seus lectores mais no caso galego, a pregunta xeral é: hai alguén aí? Alguén espera para ler o que temos que dicir?
– B: Alguén hai. Os libros véndese. Mais quizais non tanto coma esperan os escritores.
– XL: Mais ese non é un problema especificamente galego. A maioría, a gran maioría dos libros en español venden unha media de mil exemplares. E vender esa cantidade xa se considera un éxito. Hai unha evidente crise no mercado global do libro, está en cuestión a cadea entre a produción de libros como obxectos e o desexo dos lectores por adquirilos. O problema é que a literatura galega suma a esa crise a súa propia condición de mercado minorizado. Ás veces somos un pouco duros con nós mesmos, as nosas letras como sistema son relativamente novas. Existe literatura galega desde hai 150 anos, máis ou menos. E non tivemos unha ortografía máis ou menos consensuada até a década do 1980. Pensemos en todo o que se leva feito en 35 anos. E en troques estamos sempre cuestionándonos, esixíndonos cousas que noutros contextos moito máis favorables nin se formulan. E esa autoesixencia tamén se trasladou aos lectores. En galego cultivouse un lectorado fiel, militante, que valora os escritores en virtude da súa pertenza, implícita ou explícita, a unhas siglas políticas hexemónicas dentro do nacionalismo. E cando ese autor sae desas coordenadas, os lectores deixan de comprar os seus libros. Nos últimos tempos intentouse facer outro tipo de mercado, independente do proceso de construción nacional. Pareceu por un tempo que si se podía asentar mais hoxe en día xa non teño tan claro que haxa espazo para todos. (…)”
Ribadeo: presentación de O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán
A Coruña: espectáculo poético-musical con María Lado e Lucía Aldao
O
martes 22 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, María Lado e Lucía Aldao, protagonizan un espectáculo con poesía e música.
Telexornal Díaz Castro desde o CPI dos Dices-Rois
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo.
O Froxel, Arteixo: Rimando e xogando, con Ana Hermida
Iago Martínez, un dos cinco finalistas do Premio AELG á mellor traxectoria de Xornalismo Cultural
Os
premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das cinco persoas finalistas do premio á Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2013 Iago Martínez.
Xabier P. Docampo e Paula Carballeira participan na Ludoferia de LIX de Valparaíso
Desde
Sermos Galiza:
“O obradoiro O vento que nos trae as palabras será unha das actividades coas que o escritor Xabier P. DoCampo participa na Ludoferia Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil, presenza que se suma á da contadora Paula Carballeira que entra no programa do Encontro Internacional de contadores de historias. O festival terá lugar do 23 ao 26 de abril.
A Xabier P. DoCampo preséntano no festival de Valparaíso como Premio Nacional 1995 por A casa da luz e un dos máis importantes autores de literatura infantil e xuvenil en lingua galega, ademais de promotor da nosa cultura en todos os ámbitos. Destacan tamén a súa presenza internacional no Internationales Literatura Festival de Berlín, así como en feiras do libro de Bos Aires, México ou A Habana ou nos festivais e encontros de narración de Guadalajara, Bos Aires, Beja, Tenerife e agora tamén en Valparaíso.
Co espectáculo Historias de calafríos, Paula Carballeira participa no IV Encontro de Contadores de Historias Valparaíso é un Conto que terá lugar no parque Cultural de Valparaíso con sesións para todos os públicos polas tardes e para maiores de 14 anos a partir das 20 horas. (…)”
Cuestionario Proust: Asun Estévez
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Asun Estévez:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Entusiasmo e vitalidade. Non me rindo nin rendida.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A tolerancia e o respecto polo espazo e a intimidade dos demais.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran como son.
4.– A súa principal eiva?
– Hai algunha por aí, a impuntualidade, una batalla constante co tempo. Creo que chegarei tarde ata ao meu enterro…, mais ese día xa non será cousa miña.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir, una boa conversa e soñar. E viaxar sempre que é posíbel.
6.– O seu ideal de felicidade?
– O abrazo do meu fillo. De tódolos xeitos, son moi inconformista e esixente. Sempre á procura.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder ese abrazo. E perder a palabra.
8.– Que lle gustaría ser?
– Tan só feliz…, paréceme que non é pedir moito.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame onde vivo, pero non estaría nada mal unha voltiña ou dúas polo mundo.
10.– A súa cor favorita?
– Azul, verde e amarelo que son para min as cores da vida. Agora para vestirme preferentemente de negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Gústanme todas as flores pero as silvestres as que máis.
12.– O paxaro que prefire?
– As gaivotas. Podo pasar horas ollándoas. Envexo a súa liberdade.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non son de devocións pero si de preferencias especiais, Neira Vilas, García Márquez, Saramago…, son de lectura necesaria.
14.– E na poesía?
– A poesía en si mesma. Todo aquel poema que me faga vibrar e me obrigue a lelo e relelo unha e outra vez.
15.– Un libro?
– Serían moitos. Non podería escoller. Imposible decantarme por un en particular. Ademais cada etapa da nosa vida necesita de diferentes lecturas, non demandamos sempre o mesmo.
16.– Un heroe de ficción?
– Non son de heroes…, pero cando era nena atopaba en Tarzán un aquel…, parecíame fascinante, salvaxe, primitivo, puro e libre.
17.– Unha heroína?
– Pipi Calzaslargas. Rebelde e auténtica.
18.– A súa música favorita?
– Son totalmente musical. Respiro palabra e respiro música.
19.– Na pintura?
– Dalí e Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera que sexa capaz de saír adiante nas adversidades.
21.– O seu nome favorito?
– Pois o meu. De nena horrorizábame o meu nome. Mais co tempo cheguei a querelo, agora mesmo, encántame. Non podería chamarme doutro xeito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía e a vulgaridade.
23.– O que máis odia?
– Non son de odiar, paréceme un sentimento frustante para quen o sente. Pero si aborrezo algunhas cousas, a inxustiza é a que máis.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A calquera ditador.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Sempre deixan algún pouso turbio atrás.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Confórmome como son aínda que asumo que todo é mellorable.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Gozando plenamente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Contenta. A pesar de tódalas tormentas nacín con esa predisposición. Espero que non me abandone nunca.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo e os seus derivados.
30.– Un lema na súa vida?
– Teño dous: “Querer é poder” e “Vive e deixa vivir”.”


