Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: nova sesión dos Picaversos, co título Convocamos a perda (II)
O
martes 22 de abril, a partir das 21:00 horas, na galería da Casa de Europa de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Convocamos a perda (II), coa participación de Berta Dávila, Elvira Riveiro e Le Roi e Martin Wu, músicos de Grampoder.
Vigo: presentación de Fóra de portas, de Roi Vidal
O
martes 22 de abril, ás 20:30 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase o libro Fóra de portas. Paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, de Roi Vidal, publicado por Positivas. No acto, xunto ao autor, participa Afonso Becerra.
Fran P. Lorenzo, un dos cinco finalistas do Premio AELG á mellor traxectoria de Xornalismo Cultural
Os
premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das cinco persoas finalistas do premio á Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2013 Fran P. Lorenzo.
Yolanda Castaño: “O proceso de produción literaria parece non existir. Un libro non se sabe de onde sae”
Entrevista
de Montse Dopico a Yolanda Castaño en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): Polo que saíu publicado, semella que A segunda lingua é unha defensa do galego. Mais se cadra é máis ben unha reflexión sobre as dificultades de enfrontarse á comunicación nun idioma que non é o propio, non si?
– Yolanda Castaño (YC): Si. A segunda lingua é a lingua do outro, a que non é a túa. A lingua é o filtro a través do que nos conectamos co mundo. E ás veces temos que botar man de linguas estranxeiras. Entón aparecen as dificultades, os conflitos que iso entraña. O libro é unha metáfora diso, e das dificultades que supón comunicarse, achegarse aos outros, que ás veces é un quero e non podo… É querer mostrarte como es e non conseguilo porque non tes as ferramentas. Son os malentendidos…
– MD: Aínda que é un libro distinto dos anteriores teus, algunha conexión pode haber. O poema Cousas que comezan por Y lembra O libro da egoísta, a súa achega á propia identidade…
– YC: Ese era un libro sobre a propia identidade, si. Un libro autocrítico tamén. Cando somos novos falamos de nós mesmos porque non sabemos nada do mundo, nin da vida, é normal. Co tempo, supoño que viñeron os cambios. O poema que citas só compila cousas que comezan por y. Se colles un dicionario de galego e buscas a letra y, verás que non deixei fóra do poema moitas palabras que comezasen con ela. Si que hai unha alusión ao tema da miña inicial, mais non é un texto tan autoreferencial como O libro da egoísta.
– MD: Alén das linguas, o libro fala da capacidade humana da linguaxe…
– YC: Si, e mesmo de aspectos filolóxicos concretos: fonoloxía, lexicografía… A idea era explorar desde o punto de vista poético eses aspectos que poden ser máis técnicos e non tan centrais na linguaxe. O sentido xeral é non precisamente emocionarme con cousas grandiosas, senón poñer a mirada no máis pequeno. En lugar de atender a cousas máis tradicionalmente poéticas, ollar un papel, un linguado, un calamar… En vez de mirar tanto a semántica, o significado, ollar para a morfoloxía, a morfosintaxe… (…)”
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XXXII)
O Día de Rosalía 2014 celebrouse no CEP Sequelo de Marín do seguinte xeito:
Celanova: presentación de Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, con poemas de Baldo Ramos e gravados de Carlos González Villar
O
sábado 19 de abril, ás 12:00 horas, na Fundación Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37), de Celanova, preséntase o libro-catálogo Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, coa presenza dos seus autores, Baldo Ramos e Carlos González Villar.
Elena Gallego: “O labor que fai Marta Vilas na miña novela achégase bastante á realidade que se vive na redacción dalgúns medios galegos”
Entrevista
de Raquel Feijoo a Elena Gallego en Tempo de Lecer Ourense, desde Xerais:
“(…) – Tempo de Lecer (TdL): “O primeiro cadáver apareceu aboiando nas augas calmas da ría…” Con este comezo, que podemos esperar de Sete Caveiras?
– Elena Gallego (EG): Unha novela trepidante, chea de acción. Esa primeira frase é unha declaración de intencións. Con Sete Caveiras eu quería “apostar forte” dende a primeira liña de texto. (…)
– TdL: Hai algo de Elena Gallego en Marta Vilas, ou ó revés?
– EG: É moi difícil escribir unha novela sen aportarlle algo da túa personalidade e vivencias, pero Elena Gallego e Marta Vilas son dúas mulleres xornalistas moi diferentes. Eu nunca traballei na sección de sucesos, coma ela, e non quero nin imaxinarme no seu lugar. Pero apetecíame escribir unha novela negra e darlle protagonismo a unha muller, e aínda por riba xornalista. Abofé que xa ían sendo horas. (…)
– TdL: É vostede unha escritora coñecida e recoñecida pola saga fantástica Dragal, coa que conseguiu o cariño e a complicidade do público xuvenil -e tamén do que xa non o é tanto-. Por que decidiu dar o salto á novela negra? Foi un paso difícil? En que tivo que cambiar a súa rutina de traballo para lle dar forma a esta novela?
– EG: Despois de varios anos convivindo cos personaxes de Dragal, necesitaba facer unha paréntese no meu universo literario e crear algo diferente. Sempre me gustaron as novelas de misterio, así que me propuxen o reto de emular un dos grandes clásicos de Agatha Cristie. Foi un gran reto, ademais cun importante traballo de documentación, mais coido que o resultado ben paga a pena. (…)”
Xosé Estévez: presentación de Un crego atípico na Fonsagrada (1967-1969), de Xosé Estévez
Entrevista de Carme Vidal a Xosé Estévez en Sermos Galiza.
Grial, 50 anos abrindo camiños
Entrevista
de Marcos Pérez Pena a Henrique Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): Podemos dicir que Grial soubo adaptarse en cada momento aos tempos, transformándose en función do que o país demandaba?
– Henrique Monteagudo (HM): A revista empezou como unha operación de resistencia. Cando se crea Galaxia, un dos seus principais obxectivos era facer unha revista que servise de canle de expresión e difusión da cultura galega, nun momento no que non había ningunha. Tentouse a través dos Cadernos Grial, que eran libros, pero cunha edición periódica, e cumprían esa función. Pero ao terceiro número o réxime xa se decatou e botou abaixo o intento. Despois chega Grial, primeiro moi vinculada a aspectos filolóxicos, á lingua e á literatura. Cando pasan os tempos da resistencia e Grial ten que reinventarse, comeza a ser unha revista menos filolóxica e ábrese a outros campos, cun perfil máis interdisciplinar. E xa na última fase, que abrimos hai dez anos, tentamos incorporar as novas tecnoloxías e a ciencia, digamos que, ao igual que se fixo antes, poñéndonos á altura dos desafíos. (…)
– P: Que retos ten Grial por diante?
– HM: Un reto inmediato é o mundo dixital e o acceso a través da rede aos contidos da revista. Neste momento pódense baixar en pdf algúns artigos, pero temos que ir cara a fórmulas máis visibles. E hai tamén un reto de renovación xeracional. Temos moitos colaboradores novos nos artigos e nas traducións, pero hai que involucrar máis xente nova no traballo de redacción da revista.
– P: Todo, ademais, nun contexto moi negativo para a edición en galego, como amosan os recentes datos do INE… Como se reverte esta situación?
– HM: A edición en galego ten dous desafíos, que son por un lado o desafío -común a todas as empresas- da crise económica, e polo outro o desafío -común tamén aos xornais- da reconversión do modelo de negocio pola entrada no mundo dixital. Para afrontar esta transformación temos a pexa da crise económica e tamén o feito de que é necesario o apoio dos poderes públicos para levar a cabo esta reconversión tecnolóxica e o cambio de modelo de negocio. E estamos vendo un compromiso cada vez máis reducido por parte da administración, nun contexto como o galego, no que hai unha perda de falantes e unha caída demográfica. Debemos explicarlle á sociedade en que consisten estes desafíos, e debemos esixir este apoio público, pero non debemos limitarnos á queixa, debemos tomar a iniciativa, aproveitar as oportunidades e facer as cousas ben feitas. A caída da edición en galego é unha moi mala noticia, pero todos sabemos que en galego se editaban algunhas cousas que sobraban, falando por exemplo de parte da edición institucional. Como facemos unha edición competitiva? Pois facendo bos libros e gañando lectores. (…)”