Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega

PRONUNCIAMENTO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (AELG) ANTE DAS ELECCIÓNS AO PARLAMENTO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer pública a súa demanda de implicación dos partidos e organizacións políticas que concorren a estas eleccións co obxecto de incluíren nos seus programas de goberno a defensa activa e efectiva dun sistema literario galego e en galego.

Demandamos, dos partidos e organizacións políticas que presentan candidaturas ao Parlamento, que inclúan nos seus programas as xustas reivindicacións do colectivo de escritoras e escritores en lingua galega no referente á irrenunciábel defensa e promoción da lingua e da cultura propias de Galiza en todos os ámbitos de actuación e responsabilidade gobernativa.

A literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural favorecedor do autocoñecemento como corresponde a Galiza, nación cunha das máis antigas culturas de Europa.

Concibimos a literatura e a lingua galega como creadoras de cidadanía con valores democráticos, como depositarias e defensoras da nosa identidade como pobo, como instrumentos necesarios e irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza dun maior status político e xurídico, único xeito de non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.

Entendemos que a literatura e a lingua consolidan os dereitos dos pobos e son a vacina protectora para a consecución dunha democracia coa suficiente calidade e eficacia como para que mereza ser así chamada, que nos converte en individuos dun pobo cunha cultura e un idioma senlleiros.

Defendémolo nun momento en que, de continuar a asfixia económica programada que está a padecer o tecido cultural da Galiza e tamén as industrias culturais, pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.

É por isto que demandamos dotación económica, verdadeiramente comprometida e en clave de aposta de futuro, nos orzamentos da administración galega, posto que a cultura tamén forma parte da economía produtiva do noso país. Asemade, requirimos da administración galega instrumentos de xestión para o achegamento da literatura e polo tanto tamén dos escritores e escritoras á sociedade galega e de xeito transversal, sexa a través do ensino do galego e en galego, así como da visibilización da literatura en galego, desde as actividades de goberno como son o turismo cultural, ou os servizos sociais, até aquelas actividades dirixidas á formación dunha xuventude crítica e educada para o respecto, a paz e a solidariedade.

Como primeiras medidas do novo goberno, solicitamos:

1. Reposición da desaparecida Consellaría de Cultura.
2. Creación dunha Dirección xeral do libro.
3. Creación dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior.
4. Participación das escritoras e escritores galegos e do sistema editorial que difunde e amplifica a súa creación nas feiras e mercados internacionais.
5. Apoio ao teatro galego.
6. Promoción para a recuperación da memoria histórica da literatura oral.
7. Recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega.
8. Elaboración dun plan da lectura.
9. Apoio efectivo aos medios de comunicación en galego.
10. Elaboración dun plan director da cultura galega, e en concreto do libro en galego, que desenvolva a lei do libro na súa condición de industria estratéxica.
11. Restitución do uso do galego no ensino de todas as áreas de coñecemento técnico ou científico (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), dada a importancia da escrita e da creación científica no desenvolvemento dunha cultura plena.
12. Expropiación da Igrexa de Bonaval e acceso libre ao espazo público e laico que para as galegas e galegos debe ser o Panteón de Galegos Ilustres.

Así mesmo, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua, polo que lles rogamos que, á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais.

O Consello Directivo da AELG
11 de outubro de 2012

Allariz: II Festa do Libro Galego, do 12 ao 14 de outubro

Allariz acollerá esta fin de semana a segunda Festa do Libro Galego na que se porán á venda as últimas novidades en galego. Organizada polo Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Anselmo Lorenzo e a libraría Aira das Letras. Desenvolverase na Praza de Abastos, cun horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (o sábado pola mañá, se chove, non haberá feira). O programa literario é o seguinte:

Venres 12 de outubro:
13:00 h. Inauguración da Festa por Miguel Anxo Fernández e entrega dos premios do concurso de micro-relatos Aira das Letras.
19:00 h. Presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal, Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2011.
Sábado 13 de outubro:
18:00 h. Presentación do cómic Titoán, premio Castelao de banda deseñada 2011.
19:00 h. Presentación do libro Queer-mos un mundo novo, de Teresa Moure. Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011.
Domingo 14 de outubro:
13:00 h. Presentación do libro infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, e lectura contada do mesmo.

Agustín Fernández Paz: “O desexo de ler, o oficio de escribir”

Entrevista de Ramón Nicolás a Agustín Fernández Paz en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Rendéuselle unha emocionante e multitudinaria homenaxe hai uns meses en Vigo. Como xulga este recoñecemento?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Foi unha demostración de cariño -seguramente, excesiva- por parte dos meus amigos e amigas. «Escribo para que me queiran máis», afirmou García Márquez nalgunha entrevista; unhas palabras que agora comprendo moi ben, aínda que a miña obsesión pola escritura teña outras orixes. Para min, foi conmovedor recibir o afecto explícito de tantas persoas. Nunca o esquecerei.
– RN: En Non hai noite tan longa, a súa primeira novela especificamente para adultos, hai moito de memoria persoal e colectiva….
– AFP: Aínda que adopte a estrutura de thriller, cunha trama que busca engaiolar ao lector, esta novela responde a un axuste de contas coa España da etapa final da ditadura, a dos anos de xuventude da miña xeración. Un repaso á mentira, á represión, á crueldade, á inxustiza, á diferenza de clases… dunha etapa que tende a xulgarse de forma benévola. Benévolos aqueles anos, que culminan coas execucións de setembro do 75? Que estafa!
– RN: En Fantasmas de luz hai unha mirada crítica ao noso tempo…, talvez máis necesaria que nunca?
– AFP: Ademais dunha imprescindible homenaxe ao cine, tan importante na miña formación, neste libro abordo a inxustiza e a voracidade do sistema capitalista no que vivimos. Damián, un proxeccionista de cabina que queda no paro ao pechar o cine onde traballaba, e Marga, a súa muller, tamén desempregada, vanse facendo cada vez máis transparentes. Algo que vemos a diario nesta sociedade, que segrega e invisibiliza ás persoas máis débiles, como acontecía en As uvas da ira de John Ford, unha das referencias do libro. Introducir un elemento fantástico nun contexto realista, axúdame a falar con maior hondura da realidade.
– RN: Ten a punto de publicarse O rastro que deixamos
– AFP: Creo que o título -tomado dunha novela magnífica de Siri Hustvedt, Todo canto amei– reflicte ben o contido do libro. Nel repaso, con moitos elementos autobiográficos, algunhas facetas da miña vida e da da miña xeración: un percorrido polas paisaxes da memoria e pola miña educación sentimental, que diría Vázquez Montalbán. Ao tempo, como ler e escribir son indisociables como as dúas caras dunha moeda, falo do desexo de ler e do oficio de escribir, dúas facetas moi importantes na miña vida.
– RN: Algún proxecto narrativo entre mans?
– AFP: Durante os últimos meses, estiven a documentarme sobre a vida na España dos anos sesenta e, ao tempo, sobre a carreira espacial que se inicia co Spútnik e remata co Apolo XI. Ese será o marco no que se desenvolverá a miña próxima novela.”

Ponteceso: presentación da escolma poética Versus

O sábado 13 de outubro, a partir das 17:00 horas no local da Fundación Eduardo Pondal (O Couto, Ponteceso), dentro dos actos enmarcados no Outono Pondaliano 2012, preséntase a escolma poética Versus. No acto participan Antón Borrazás, Miguel Queipo e Óscar de Souto, autores de parte dos textos recollidos no volume, e que recitarán algúns poemas dos incluídos no libro.

Pontedeume: homenaxe a Ramiro Fonte, o domingo 28 de outubro

“Por segundo ano consecutivo, o próximo 28 de outubro os amigos de Ramiro Fonte xuntarémonos en Pontedeume para lembrar ao amigo e ao poeta cunha sinxela homenaxe que consistirá na colocación dunha placa cos seus versos —a segunda dunha serie coa que pretendemos trazar un roteiro entre os lugares da súa vila que foron senlleiros para el— e un xantar de amigos ao que nos sentiríamos moi honrados de que asistises. Para axustar a reserva de comensais co restaurante, agradeceriámosche que nos confirmases a túa asistencia antes do día 15 de outubro. Así mesmo, é a nosa intención editarmos nos vindeiros meses unha plaquette composta por poemas e textos en prosa en recordo de Ramiro á que tamén queremos convidarche a participar. A túa contribución sería para nós moi valiosa.
Para calquera aclaración, podes dirixirte por correo a: alejandro.cainzos@pontedeume.dicoruna.es ou aos seguintes teléfonos: 981 432598 Biblioteca (Alexandre Caínzos) ou 650 420669 (Colás Placer)”.

Dolores Vilavedra: Saudade dos tempos nos que o futuro estaba ben trazado

Artigo de Dolores Vilavedra en Praza:
“(…) Nada é casual: que tres autores tan distintos coincidisen en profetizar mundos posibles, ben dominados pola tecnoloxía, ben macrometáforas nacionais espidas do alento utópico que ata antonte as caracterizaba entre nós, debe querer dicir algo, alén da mensaxe explícita que cada unha desas novelas parece querer transmitir. Se cadra, codifican un certo sentimento de orfandade ou unha saudade indisimulable dos tempos en que a salvación da patria era posible porque había unha patria que salvar, dos tempos en que os camiños do futuro estaban ben trazados. (…)
En todo caso, o balance apunta a un exceso de doutrina: Será que a nosa literatura estase a contaxiar da bipolaridade do discurso público? Será que mesmo as voces alternativas que se queren alternativas caen no maniqueísmo imperante? Ás veces, semella que a roda da literatura retrocedese trinta anos. As aparencias enganan, non se fíen: que unha novela estea protagonizada por unha lesbiana non ten que significar necesariamente que a nosa sexa unha literatura máis madura, entendendo por tal aquela que apela ás diversas formas da complexidade, aquela que se ofrece a acompañarnos nunha viaxe, non a que se constitúe en porto seguro. (…)”.

Parlamento das Letras: Paula Carballeira

Entrevista de Armando Requeixo a Paula Carballeira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Paula Carballeira (PC): Eu creo que as nosas letras aínda son novas e que lles falta tempo para asentarse entre as letras doutros países con igual consideración. Fáltalles coñecemento e recoñecemento entre @s lector@s. Creo que lles sobran as miradas nostálxicas ao pasado e que debería haber máis miradas ao presente e ao futuro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– PC: Penso que o noso presente literario é moi valioso. Temos diversidade, temos calidade e temos autores novos e autoras novas que achegan a súa maneira de ver as cousas, o que é moi necesario para ter unha literatura viva. Coido que imos ter que traballar cada vez máis para que toda esa calidade e diversidade chegue aos lectores e ás lectoras, da mesma maneira na que creo que temos que ir eliminando a barreira autor/a – lector/a e fomentar encontros e debates onde intercambiar ideas e unirnos na construción dunha cultura forte. (…)”.

Certame Cores con Palabras 2012

BASES DO CERTAME. Poderán concorrer ao certame Cores con Palabras todas aquelas persoas maiores de 55 anos que presenten obras pictóricas ou poéticas orixinais. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras por categoría que serán inéditas e de temática libre.
CATEGORÍA PICTÓRICA. As técnicas que se poden utilizar son pintura acrílica, óleo ou técnica mixta sobre lenzo ou táblex. As súas dimensións serán, como mínimo, 25 F ( 81×65 cm) e, como máximo, 100F (165×130 cm). As obras deberán levar marco ou bastidor e presentaranse coa embalaxe protectora suficiente para o seu traslado.
CATEGORÍA POÉTICA. Os poemas deberán estar escritos en lingua galega. O tema, rima e métrica serán libres, cunha extensión máxima de 30 versos.
DOCUMENTACIÓN. Xunto coas obras, en cada categoría achegarase o boletín de inscrición debidamente cuberto, cos datos identificativos do autor, título da obra etc. así como unha fotocopia do carné de identidade do autor.
DATA E LUGAR DE PRESENTACIÓN DAS OBRAS. As obras poderanse entregar do 18 ao 24 de outubro do presente ano, ben mediante mensaxeiro, ben persoalmente en horario de 9:00 a 14:00 horas no: CENTRO DE ANIMACIÓN E ARTES PLÁSTICAS TOGARIÑOS (Avenida de Vigo, 25, baixo, 36680, A Estrada, Pontevedra). Os gastos de entrega e recollida das obras serán por conta de cada participante. A responsabilidade civil subsidiaria recaerá nos participantes.
EXPOSICIÓN. Entre todas as obras presentadas, levarase a cabo unha selección en cada categoría das 50 obras de maior calidade, técnica e orixinalidade que pasarán á fase final do certame e formarán parte, ademais, do libro Cores con palabras que se publicará con motivo dunha exposición final nunha sala reservada para o efecto.
XURADO. A composición do xurado darase a coñecer o día da entrega de premios e estará composto por destacados persoeiros do mundo da plástica e poética galega, así como por membros da organización.
PREMIOS. Establécense 3 premios por categoría (1.º, 2.º e 3.º) que serán entregados o día da inauguración da exposición e que consistirán nunha placa conmemorativa e diploma acreditativo, así como unha reprodución do Códice Calixtino. A presentación ao certame supón a total conformidade dos participantes coas presentes bases e a organización resérvase o dereito de interpretalas ante calquera dúbida.
INFORMACION COMPLEMENTARIA. Centro Togariños Teléfonos: 986 57 25 46, 671 90 00 78 e 667 09 19 52.

As bases pódense descargar tamén aquí: Togariños Certame de Pintura 2012.

Santiago: II Foro Internacional de Espazos para a Cultura. A araña na rede

A Cidade da Cultura organiza do 7 ao 9 de novembro de 2012 o II Foro Internacional de Espazos para a Cultura. O encontro, que nesta segunda edición leva como subtítulo A araña na rede, dispón de 155 prazas destinadas a profesionais de todos os ámbitos culturais, que poden inscribirse como data tope ata o próximo mércores 31 de outubro. Nesta ligazón o público interesado encontrará o boletín de inscrición e toda a información necesaria para participar.