Videocreación. Convocatoria aberta desde a AELG

O sábado 24 de novembro de 2012 celebrarase o VII Encontro de escritoras/es novas/os no Auditorio da Cidade da Cultura.

Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.

Con esta iniciativa, o VII Encontro de escritoras/es novas/os tratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.

Como parte da programación, asemade, queremos lanzar un convite aberto a tod@s aqueles/as creadores/as que ao longo das súas traxectorias persoais teñan realizado algún traballo de creación en vídeo onde se misturen varias disciplinas, xa sexan videopoemas, pezas de vídeo arte, videodanza…. para que as compartan con nós no Encontro do día 24 dentro dunha mostra que pechará a xornada.

As pezas de vídeo poderanse enviar ata o día 12 de novembro, ben por correo ordinario a:

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Avda. Alfonso Molina, s/n
Edificio de Sindicatos, 8º andar
15008 A Coruña

ben ao enderezo electrónico encontroaelg@gmail.com.

As obras recibidas e seleccionadas subiranse ao portal da AELG, web que na actualidade está a piques de cumprir os doce millóns de visitas, sendo consultada dende multitude de puntos xeográficos de todo o mundo. Agardamos sexa do voso interese, e convidámosvos a que dende agora enviedes as vosas pezas de vídeo.

Recibide un cordial saúdo en nome do Consello Directivo da AELG,
Antía Otero, Vicepresidenta da AELG.

Agustín Fernández Paz, nominado ao Premio Astrid Lindgren

Agustín Fernández Paz atópase entre as 207 persoas candidatas ao Premio Astrid Lindgren do 2013, que leva o nome da creadora de Pippi Meiaslongas, un dos personaxes máis rebeldes e coñecidos da literatura infantil e está outorgado polo goberno de Suecia. Concédese cada ano a un autor ou autora de literatura infantil e xuvenil ou a alguén do mundo da ilustración, a edición ou a animación á lectura. A nominación coñécese xusto unha semana antes de que o próximo día 18 de outubro, Fernández Paz sexa nomeado Socio de Honra de Gálix 2012, nun acto no que a que foi compañeira súa no ensino Paz Raña Lama será encargada de ler a laudatio. Escolares de Vigo participarán nesta nova homenaxe ao escritor que está a piques de publicar O rastro que deixamos, unha obra que terá singularidade na súa sólida traxectoria literaria ao se trataren de textos de carácter autobiográfico.” Desde Sermos Galiza.

Santiago: Ramón Otero Pedrayo, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 20 de outubro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Ramón Otero Pedrayo. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Villares.
13:00 h. Fidalgo (40 minutos). Peza teatral representada pola compañía Casahamlet baseada en diferentes textos de Otero Pedrayo. Interpretada por Manuel Lourenzo e Rubén Espejo, co apoio musical de Brandán Lourenzo.

Presenta: Víctor F. Freixanes, escritor e presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Mondoñedo: Xornadas arredor de Manuel Leiras Pulpeiro, do 9 ao 11 de novembro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O médico, escritor e filántropo mindoniense don Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912) está de aniversario. Este nove de novembro próximo cumprirase o centenario do seu pasamento. Con tal motivo, ao longo destes últimos meses estanse a desenvolver unha serie de iniciativas que culminarán na celebración dunhas ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’ organizadas polo Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo os días 9, 10 e 11 de novembro. No marco desas xornadas lembrarán a vida e obra do insigne escritor mindoniense estudos@s e analistas tan prestixios@s como Xesús Alonso Montero, Xusto Beramendi, Francisco Fernández Rei, Xe Freyre, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, María Camiño Noia Campos, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Dolores Sánchez Palomino ou Anxo Tarrío, entre outr@s.
Tod@s aquel@s interesad@s neste evento (se clicades na imaxe do programa que figura máis abaixo poderédelo ver en grande), sabede que o prazo de matrícula para o congreso está aberto e que podedes dirixir as vosas solicitudes ao seguinte enderezo: concellodemondonedo@yahoo.es.
Nesas mesmas xornadas, tamén se presentarán novas edicións da obra do autor, pois esta levaba preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición. Neste sentido, cómpre aplaudir as Poesias completas. Manuel Leiras Pulpeiro que para a serie Clássicos da Galiza da AGLP realizou o profesor Bernardo Penabade, así como dar noticia da Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética disposta para a renovada colección Letras Galegas da Editorial Galaxia por Xurxo Martínez González e Armando Requeixo. Igualmente, nesa xuntanza en homenaxe ao estimado poeta e estudoso da tradición oral farase entrega do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, certame que ten rexistrado unha moi alta participación que alcanzou o medio cento de orixinais. (…)”.

Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.

Ángela Fernández Rey gaña o X Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

A obra Por que está triste Miañas?, da escritora ourensá Ángela Fernández Rey, foi elixida por unanimidade polo xurado como gañadora da X edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo hoxe trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o feito de que fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos”, e subliñando tamén “o áxil ritmo narrativo e cunha linguaxe perfectamente acaída para o público infantil”. O xurado destaca asemade a orixinalidade do enfoque narrador da obra, que radica en que transmite a través dos animais os valores máis destacados do ser humano. Sinala tamén o xurado que esta obra de Fernández Rey “sirve para poñer en valor o fomento da literatura dirixida aos máis novos e o xénero literario da fábula”, e “permitirá acadar un perfecto equilibro entre narración e ilustración”, pois este é un galardón que premia estas dúas facetas creativas: a literaria e a artística. Tamén destaca da obra o rápido ritmo narrativo da historia, que “atrapa” ao lector de principio a fin, cuns diálogos moi ben conseguidos. Para Ángela Fernández Rey este é o seu primeiro premio literario. Segundo a normativa do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais -non menos de dez ilustracións-, tomando como base o texto premiado de Ángela Fernández Rey. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e a data límite para presentar os traballos é o 20 de decembro de 2012. O xurado do X Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido por Avelino García Ferradal, e integrado por José Manuel Fernández López, José Antonio Santos Guede, Isabel Almuíña González e Celia Díaz Núñez (gañadora da edición 2011), actuando como secretario Fernando R. Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.” Desde a Deputación de Ourense.

Convocado o I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

O Concello de Fornelos de Montes e a Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, convoca a I edición do Premio de poesía Manuel Lueiro Rey. O prazo remata o 31 de decembro de 2012. As bases completas poden descargase aquí.

Poemas en mancomún para o Monte Pindo

“A Asociación Monte Pindo Parque Natural bota a andar a iniciativa de editar un volume con todos os textos literarios escritos en todos os tempos arredor do Olimpo Celta. Canda eles, publicaranse no libro novas aportacións inéditas que se sumarán a un volume enmarcado dentro da súa campaña na promoción e defensa do singular espazo. Para que o libro vexa luz artellaron a fórmula da suscripción popular de maneira que a publicación só se fará efectiva se se garante con antelación a venda de 105 exemplares ao prezo de 10 euros, cinco menos do que costará en librarías. Unha vez garantida eses primeiros encargos, darase paso a publicación do libro, que recollerá nos seus agradecementos o nome das persoas que fixeron a merca anticipada que permitiu publicar o volume. De non conseguilo, devolveríanse os cartos adiantados a quen os puxera e suspenderase o proxecto. Para partillar da suscrición popular compre entrar na plataforma Goteo.org para facer a reserva. Os escritores Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval coordinarán o volume cos textos literarios arredor do Monte Pindo. (…)”. Desde Sermos Galiza (tamén aparece en Que pasa na Costa).