Convocado o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

BASES

1. O Concello de Sarria e a Agrupación Cultural Ergueitos convocan o XIII Premio de Poesía FIZ VERGARA VILARIÑO.
2. As obras presentadas deben estar escritas en lingua galega.
3. A extensión mínima será de 400 versos. Os orixinais deberán ser inéditos e non premiados en ningún outro certame.
4. Os traballos presentaranse por quintuplicado, mecanografados a dous espazos e baixo plica. Enviaranse por correo certificado a: XIII Premio de Poesía FIZ VERGARA VILARIÑO, Concello de Sarria, Rúa Maior 14, 27600 Sarria, até o 31 de xaneiro de 2013.
5. Estableceuse un único premio indivisíbel dotado con 6000 euros, suxeito á normativa fiscal vixente. O xuri poderá deixar deserto o premio se considera que as obras presentadas non acadan unha mínima calidade.
6. O xuri estará composto por persoas de prestixio no mundo da creación ou a crítica literaria. Actuarán como Secretaria a Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos e como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, os dous con voz e sen voto. A decisión do xuri será inapelábel e será dada a coñecer no primeiro cuatrimestre de 2013.
7. A obra premiada será propiedade do seu autor, agás a primeria edición que será publicada pola Editorial Espiral Maior. En posteriores edicións farase constar a condición de premiada no XIII Premio de Poesía FIZ VERGARA VILARIÑO.
8. Os orixinais non premiados non serán devoltos e serán destruidos. Non se manterá correspondencia cos autores/as.
9. A interpretación destas bases correspondelle ao xuri. A participación no certame implica a súa aceptación.

Fene: tertulia de Xavier Alcalá con Alfredo Ferreiro, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 11 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, continúan os faladoiros do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta ocasión, Xavier Alcalá, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Culleredo en 1998, coa novela Alén da desventura, falará sobre esta obra nun acto conducido por Alfredo Ferreiro.

O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede

“Xa están na rede. Aquela brava agrupación de escritores costeiros, mozos e non tan novos, mariñeiros, estudantes, funcionarios, traballadores… teñen xa un espazo na internet que convirta en eternas e accesibles as súas creacións, no espazo oficial dentro do Finisterrae, onde xa podemos atopar a publicación dos 4 números publicados do boletín Feros Corvos e o libro comunitario Nós. E todo cando se cumpren 10 anos da publicación dun libro que ficará nas nosas memorias, que recuperamos agora a través da rede. Iremos recuperándoos en QPC boletín a boletín, nome a nome, para lembrar aos Marilar Alexandre, Suso Bahamonde, Pilar Beiro, Concha Blanco, Moncho Bouzas Tobío, Fernando Cabeza Quiles, Sesé Canirot, Ana Canosa Blanco, María Canosa Blanco, Xosé María Casais, David Creus, Estevo Creus, Modesto Fraga, Gus García, Rafa García, Víctor Manuel Gómez Traba, Mónica Góñez, Serxio Iglesias, María Lado, Tomás Lijó, José Luís Louzán, Abel Mendes Bujeiro, Xoán Alberte Moure Insua, Paulina Mouzo, Alexandre Nerium, Helena Pérez García, Marcos Seoane Vázquez, Paco Souto, Miro Villar e Rafa Villar.” Desde Que pasa na Costa, a foto é de Vieiros.

Ribadeo recibiu unha doazón de máis de 6.300 libros e 900 revistas do dramaturgo e escritor Daniel Cortezón

“O Concello de Ribadeo acaba de recibir unha doazón de máis de 6.300 libros e 900 revistas, dos fondos do dramaturgo e escritor ribadense Daniel Cortezón, seguindo así as indicacións que él fixo antes do seu pasamento hai tres anos. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, subliña que deste xeito a biblioteca municipal de Ribadeo se converte nunha das máis importantes da provincia. O rexedor dixo que “cúmprense tres anos do pasamento de Daniel Cortezón e este persoeiro, xa en vida, deixou dito que precisamente moita da súa formación intelectual, moita da súa formación autodidacta foi adquirida das lecturas dos libros da biblioteca pública El Viejo Pancho de Ribadeo, e dixo que unha grande parte da súa colección de libros, que foi mercando, adquirindo e recollendo, quería que pasasen a engrosar os fondos da propia biblioteca El Viejo Pancho, como eterno agradecemento a Ribadeo por tela disfrutando cando era novo”. Suárez Barcia explicou que “a súa viúva fíxonos entrega xa ao longo destes últimos tempos, pero a semana pasada documentamos a través dun acta de doazón, unha primera remesa de volumes. Son 6.385 libros e 907 revistas. Moitos son en galego, en castelán, en portugués, catalá, francés sobre diferentes temáticas. Agora máis para adiante virán máis libros do que foi a obra de Daniel Cortezón e unha colección de libros das Figueiras, de Castropol, de Ribadeo, da Veiga, do que él chamaba Comunidade cultural da ría. Iso tamén virá máis para adiante”. (…)”. Desde Crónica 3.

A longametraxe Sinbad, seleccionada en dous festivais

“A longametraxe Sinbad, baseada na obra Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro, coproducida por Ficción Producións e TVG, e dirixida por Antón Dobao, foi seleccionada no Festival Internacional de Cinema Independente de Braga, Bragacine 2012, e no Zoom, Festival Europeo de Cinema para Televisión 2012, de Igualada (Barcelona). Esta longametraxe, que forma parte do proxecto de Televisión de Galicia Un mundo de historias, foi rodada en versión orixinal galega e protagonizada por Xosé Manuel Olveira Pico, no papel de Sinbad, Sara Casasnovas como Vanesa, e Mariña Sampedro como Sara. A súa rodaxe e estrea coincidiu co centenario do nacemento do autor, ademais do cincuenta aniversario da publicación da obra. Despois da súa estrea no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, estreouse en 5 salas comerciais galegas pasando máis tarde a facer un percorrido por varios auditorios e casas da cultura.” Desde La Opinión.

Santiago: presentación da Poesía completa de Valentín Paz-Andrade

O mércores 10 de outubro, ás 19:00 horas, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, preséntase a Poesía completa, de Valentín Paz-Andrade, publicado en Xerais. No acto participan o Gregorio Ferreiro Fente, Rosario Álvarez, Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.