A Coruña: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A quinta feira 14 de xuño, ás 19:00 horas, no local da Asociación de Veciñas e Veciños Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá o autor.

Parlamento das letras: Xosé Neira Vilas

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Neira Vilas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Nada lle sobra. En toda literatura hai diversas gradacións; na nosa tamén. En todo caso, postos a medir, talvez lle sobre a pobreza léxica, ou sintáctica, pero todo se irá corrixindo. En xeral, ultimamente estase escribindo bastante ben, falando gramaticalmente. En canto á creación, sería desexable que houbese máis obras teatrais. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XNV: En liñas xerais está ao nivel da mellor literatura europea.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– XNV: É de desexar que a crise actual afecte o menos posible ás edicións de libros galegos. E, por suposto, que os nosos creadores sigan traballando contra vento e marea. Que non se instale o desánimo nas nosas letras.”

Xavier Queipo faise co Premio San Clemente

Extramunde, de Xavier Queipo, foi a novela gañadora en galego dos prestixiosos Premios San Clemente, que organiza o Instituto Rosalía de Castro en Compostela en colaboración con outros centros de Galicia e que concede o seu galardón a obras publicadas no ano anterior en galego, castelán e no ámbito internacional. Marina Mayoral fíxose co premio na categoría de castelán con Deseos e o suízo Peter Stamm, na de internacional, pola súa obra Sete anos. Os tres escritores acudirán a Santiago a recoller o premio. Vía Cultura Galega.

Discurso de Marilar Aleixandre na entrega dos Premios Xerais 2012

“A escritora Marilar Aleixandre, como mantedora literaria dos Premios Xerais 2012, alertou no seu discurso, O círculo de luz: escrita, conflito e lume, ao papel da lectura e dos libros que iluminan,  aqueles que «foron escritos con lume e gardan ascuas entre as súas páxinas», aqueles que «traban en nós, como di Kafka, os que cravan o seu ferrete». Aleixandre defendeu a lectura de «libros que sexan literatura, que teñan lume dentro», sendo xeralmente aquelas obras que «teñen no seu cerne un conflito dentro». A autora de Teoría do caos e de A cabeza de Medusa salientou que «o conflito, a desventura, o infortunio son os vimbios cos que se tecen, non só as novelas chamadas de adultos, senón tamén as xuvenís». «Creo que Rosalía concordaría en que escribir é chamar as cousas polo seu nome e, en moitas ocasións, levar a contraria», engadiu. «As escritoras, os escritores temos por ferramenta a palabra, a palabra xusta, usada como puga de toxo, como ferrete, como machada, como facho que alumea ou incendia. Temos tamén por ferramenta a imaxinación, que nos permite soñar que as causas perdidas serán un día gañadas». Citando a Rosalía de Castro e Castelao, rematou dicindo porque estes autores «imaxinaron ser posible escribirmos en galego, podemos celebrar hoxe estes novos libros. Convócovos a ler libros que arden, a escribir libros que prendan lume».
O texto completo do discurso pode baixarse en pdf aquí.” Vía Xerais.

Convocado o II Concurso de relatos curtos O lugar onde vivo

“Partindo de que a literatura é un importante vehículo de expresión, o obxecto da convocatoria é a creación dun espazo de reflexión e creación literaria sobre a beleza do noso territorio e as moitas agresións que está a sufrir o noso país, dende calquera punto de vista, patrimonial, cultural, paisaxístico, perda de identidade, etc. É por iso que ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), co patrocinio da Vicepresidencia 1ª da Deputación Provincial de Lugo, convoca este 2º Concurso de relatos curtos sobre O lugar onde vivo, dentro da programación da campaña que está a levar a cabo, Cultura e territorio.

BASES DO CONCURSO

1ª. Temática dos relatos. Os relatos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire en torno ás visións que ten a poboación galega acerca do lugar onde vivimos, cómo é, cómo foi, cómo quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo…. Ofrecemos unha oportunidade para que a través da redacción dun relato curto se manifesten as inquedanzas que teñen os galegos e galegas no tocante ao noso territorio.
2ª. Ámbito territorial. Os relatos deberán facer referencia a algún lugar concreto da xeografía de Galiza.
3ª. Participantes/categorías. Poderá participar no concurso calquera persoa que así o desexe. Establécense 2 categorías para o concurso:
* Xuvenil; ate os 16 anos inclusive.
* Adulto; a partir de 17 anos inclusive.
4ª. Obras e forma de presentación. Cada participante poderá presentar un máximo de dous relatos. Todos os relatos presentados deberán ser orixinais, inéditos e non ter sido gañadores noutro concurso. Os relatos terán unha extensión mínima de 1 folio e un máximo de 6 folios confeccionados a ordenador, a dobre espazo e por unha soa cara (Arial 12), escritos en lingua galega exclusivamente. Os traballos presentaranse en sobre pechado no cal figurarán o nome do relato e o pseudónimo. No interior do sobre presentarase un exemplar do relato, co título e asinado co pseudónimo igualmente. Xunto co relato, noutro sobre pechado, co mesmo título e pseudónimo no exterior achegaranse os datos persoais do autor (nome e apelidos, enderezo, data de nacemento, teléfono e e-mail). Os relatos remitiranse por correo postal certificado á Delegación de ADEGA-Lugo, sita en Ronda das Fontiñas, 180 entrechán B 27002 LUGO. A organización non asumirá responsabilidades por danos ou extravíos no seu envío. Opcionalmente, poderanse entregar en man nas oficinas de ADEGA–Lugo na dirección antedita, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00. Poderán presentarse tamén vía correo electrónico (culturaeterritorio@adega.info) en arquivo anexo co título do relato e pseudónimo, e noutro arquivo anexo co pseudónimo constarán os datos persoais do autor. A organización confirmará a chegada dos relatos mediante correo electrónico.
5ª. Data límite de presentación. Os relatos poderanse presentar ata o día 1 de Outubro de 2012, inclusive.
6ª. Xurado. O xurado estará composto por 6 integrantes repartidos da seguinte maneira; O Presidente do xurado e un vocal designados por ADEGA, un vocal designado pola Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo, un vocal designado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), un vocal designado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL), e un vocal designado pola USC, os cales decidirán tendo en conta estas bases, por maioría de votos e de forma inapelábel.
7ª. Valoración. A valoración das obras realizarase conforme aos seguintes criterios; calidade do traballo, correspondencia coa temática do concurso e orixinalidade.
8ª. Fallo. O concurso resolverase dentro dun prazo máximo de 45 días naturais contados dende a data límite de presentación. Organizarase un acto de entrega de premios e divulgación xeral do concurso, cuxa data e lugar será debidamente comunicada aos premiados e sociedade en xeral (entroutros medios a través da páxina web de ADEGA).
9ª. Premios.
* 1º Premio Categoría; Adulto: Vale canxeable por valor de 250 euros (libros) e Diploma.
* 1º Premio Categoría; Xuvenil: Vale canxeable por valor de 200 euros (libros) e Diploma.
Ademais os relatos premiados, así cómo os mellores seleccionados entre todos aqueles que non obtivesen un premio, serán obxecto de exposición na páxina Web de ADEGA así como noutras posibles exposicións e publicacións.
10ª. Uso dos relatos. O feito de participar no concurso implica a cesión do uso dos relatos presentados a ADEGA, que poderá utilizalos, citando sempre ao seu autor, para a súa publicación, exposición, reprodución ou calquera outro tratamento posterior, sempre sen ánimo de lucro.
11ª. A participación implica a total aceptación destas bases.”

Vigo: presentación de Xoán Branco e a gran revolta irmandiña en Vigo, de Fran Zabaleta

O xoves 14 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase a novela Xoán Branco e a gran revolta irmandiña en Vigo, de Fran Zabaleta, publicada por NigraTrea. No acto, xunto ao autor, participará Carme Pérez Vaquero.