Ferrol: actividades do venres 20 na Feira do Libro

O venres 20 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), cos seguintes actos literarios:
19:00 horas. Sinatura de Luces, bicos e cores, de Concha Blanco, publicado en Embora.
19:30 horas. Presentación de Vento galerno, de Antonio Yáñez Casal e Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicados en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Manuel Bragado.

Víctor Freixanes, premiado co Rosa dos Ventos polos alumnos dun instituto de Bos Aires

“Os alumnos de quinto curso de bacharelato do instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires puxeron en marcha este ano un premio de carácter anual que homenaxea a quen distíngase para achegar a cultura galega nas dúas beiras do Atlántico. Este ano os alumnos de máis idade do centro educativo da capital arxentina escolleron a Víctor Freixanes como primeiro merecedor deste galardón. As razóns do premio, que será entregado o xoves 19 de abril nas instalacións do Centro Galicia, foron xustificadas polos estudantes co argumento de que Freixanes é «un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico a prol da cultura galega». Lembraron as veces que o escritor participou en actividades da comunidade escolar «apoiando os traballos do centro educativo» e introducindo na súa realidade «a importantes figuras académicas e políticas da cultura» galega. Ademais de recoller o premio outorgado polos alumnos do Santiago Apóstolo, un instituto que se denomina galego-arxentino, Víctor Freixanes participa como director de Galaxia na Feira do Libro de Bos Aires, que comezou o pasado luns. Por primeira vez, unha editorial galega representa ao sector español nas mesas de debate. Neste caso, Freixanes participará nunha mesa redonda baixo o título A experiencia dos protagonistas, dedicada ás novas tendencias da industria editorial. (…)” Vía La Voz de Galicia.

Manuel Guede é o novo director do Centro Dramático

“O Centro Dramático Galego xa ten novo director. Manuel Guede, que ocupou este posto durante 15 anos e que o abandonara en 2007, foi seleccionado pola Consellaría de Cultura para substituír a Blanca Cendán á fronte do departamento. Na presentación, Guede sinalou que dentro de quince días presentará a súa proposta de programación, sen aclarar se retomará o proxecto da obra As furias, que anunciara Cendán e que foi provisoriamente cancelado logo da súa marcha. A falar da orientación do seu mandato, Guede sinalou que pretende “ver o estado das cousas e das contas, recuperar o diálogo con institucións homólogas e ter a Portugal como liña mestra de acción”. Encol do Centro, sinalou que “só pode ser a casa dos mellores. No teatro público non se crean poéticas dramáticas, senón que se consolidan. Este non é lugar para experimentos”. Do mesmo xeito, apuntou a súa intención de recuperar o diálogo coa profesión. (…)” Vía Cultura Galega.

Lugo: presentación de On a bender/A esmorga, de Eduardo Blanco Amor

O xoves 19 de abril, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de Santo Domingo, 4) preséntase On a bender, tradución para o inglés de A esmorga, Eduardo Blanco Amor. No acto participan o tradutor, Craig Patterson, xunto a Xaime da Pena e Benxamín Casal.

Editorial Galaxia abrirá un selo propio en Buenos Aires

“Titularase Mar MAIOR-Editorial Galaxia e concíbese como a “editorial dos galegos no mundo”, unha plataforma de difusión da cultura galega que, segundo as programacións iniciais, empezará a andar en Buenos Aires no ano 2013. Así o anunciou o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, na mesa de debate Tendencias dentro da Feira Profesional do Libro, una das ponenciais inaugurais, á que por primeira vez foi invitado oficialmente un editor galego. (…) Tratábase de presentar alternativas á crise do sector e as mudanzas que se están a producir no ámbito mundial do libro. O director de Galaxia expuso dous proxectos para o crecemento, “única maneira de afrontar a crise”: a Plataforma Dixital da Cultura Galega, no que se está a traballar xunto coa Universidade de Santiago e o departamento de informática da Universidade da Coruña, e o proxecto MAR MAIOR, unha plataforma de edición da cultura galega a través das redes sociais de galegos no mundo. (…)” Vía Galaxia.

Recollida de sinaturas para solicitar a asignación do nome “Curros Enríquez” á futura estación do tren de Ourense. Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

“O patrimonio dunha sociedade non só está representado polas obras, grandes ou pequenas, de carácter material, construídas ou fabricadas ao longo do tempo. O patrimonio espiritual ou inmaterial conflúe co anterior en lle dar o ser á colectividade, sendo o referente principal de identificación, o que define a maneira de ser, de vivir, de interpretar o mundo.

Ese patrimonio inmaterial pode ser obra do conxunto da comunidade elaborado ao longo do transcorrer da historia e, polo tanto anónimo, ou pode ser de autoría coñecida, respondendo á creatividade dun dos seus membros, obra de creación coa que se identifica o conxunto do grupo social.

A obra literaria forma parte dese acervo comunitario que, nacendo como obra individual, remata por ser integrada como tesouro común e voz colectiva da colectividade da que emana.
Moitos son os referentes do noso entorno cultural no que as escritoras e escritores dunha cidade ou dun territorio e a súa obra, se transforman en referente cultural e de identidade que traspasa as fronteiras e convoca a visitantes.

Ourense, referente especial na historia da literatura de Galicia, integra no seu ser a memoria dos seus escritores, dedicándolles rúas, prazas ou espazos públicos e erguendo elementos conmemorativos da súa memoria, obra artística que é, tamén, creación dos seus artistas plásticos.

Exemplo desta sensibilidade particular podería ser o Roteiro da Esmorga, percorrido literario e emocional polo corazón do Ourense perdurable, seguindo, a xeito de estacións, os capítulos desa obra principal da nosa literatura que é a novela de Eduardo Blanco Amor.

Agora, cando Ourense recibe o vento do futuro, de novo a través do tren, como sucedera xa aquel 31 de outubro de 1881, cando recibiu a primeira locomotora, debemos lembrar que un dos escritores máis representativos do seu ser, nacido en Celanova e durante anos residente na cidade, Manuel Curros Enríquez, escribía para conmemorar aquel acontecemento o poema: NA CHEGADA A OURENSE, DA PRIMEIRA LOCOMOTORA, ao que pertencen estes versos:

Vela ahí ven, vela ahí ven avantando
Cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudáina, rapaces e vellos!

Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.

……………………….
……………………….

Por iso, diante da remodelación e posta en funcionamento dunha nova estación no barrio ourensán da Ponte, capaz de acoller e servir ao novo ferrocarril de alta velocidade, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, por consideralo de xustiza, reivindica que esta leve o nome de Curros Enríquez e que na mesma figuren as estrofas daquel poema co que o escritor saudaba a chegada da modernidade.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Abril de 2012.

A Asociación e Escritoras e Escritores en Lingua Galega acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.

Se quere comunicarnos a súa adhesión entre aquí.

Bases do XIII Premio de Poesía Díaz Jácome

“O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XIII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, coas seguintes bases:

Primeira. Poderán optar ó premio tódalas persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.
Segunda. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarado deserto o premio.
Terceira. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do compositor.
Cuarta. Deberán presentarse tres orixinais en tamaño DIN A4 mecanografados a dobre espazo.
Quinta. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición algunha que puidera suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título. En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema. O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
Sexta. O prazo de admisión de orixinais remata o día 2 de xullo do ano 2012, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o mataselos de orixe con esta ou anterior data. As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación: XIII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
Sétima. O Xurado que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, emitirá o seu fallo en setembro de 2012. A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado. A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no mes de outubro. No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuizo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
Oitava. Este concurso consta de tres premios:
* Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
* Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
* Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
Novena. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo, sen necesidade do permiso do autor ou autores, aínda que sempre se terá en conta que nunca perderá os seus dereitos.
Décima. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Undécima. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
Duodécima. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”

Convocado o I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

“O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, convoca o I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira. Poderá concorrer ó premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.
Segunda. Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio.
Terceira. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
Cuarta. Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo.
Quinta. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título. En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso. O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
Sexta. O prazo de admisión de orixinais remata o día 2 de xullo do ano 2012, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data. As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación: I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
Sétima. O Xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do concello con voz e sen voto que actuará como secretario, emitirá o seu fallo en setembro de 2012. A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado. A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono. No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
Oitava. Este concurso consta de tres premios:
* Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
* Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
* Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
Novena. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
Décima. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Undécima. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
Duodécima. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”