“Achan un romance ferrolán de autor anónimo escrito en galego no século XVIII”

“A Fundación Barrié publicará nas vindeiras semanas, en forma de libro, un romance ferrolán do século XVIII e autor ánonimo escrito en lingua galega en pleno século da Ilustración. «É un achádego da máxima importancia, non só polo seu valor literario e histórico senón por ter sido escrito en galego durante os que nós chamamos os Séculos Escuros, cando apenas hai produción literaria na nosa lingua», sinala a profesora Margarita Sánchez, unha das investigadoras que máis intensamente traballou no manuscrito. Un manuscrito achado, por certo, entre os fondos do Archivo Histórico Nacional. O romance relata, entre outros acontecementos, un naufraxio, ao que segue unha celebración eucarística na igrexa ferrolá de San Xulián, patrono da cidade.” Vía La Voz de Galicia.

Vigo: presentación de Os fillos do mar, de Pedro Feijoo

O mércores 18 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Marcos Calveiro, Manuel Bragado e Sergio Zearreta.

Gondomar: coloquio sobre A man do diaño, de Brais Rodríguez

O martes 17 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, dentro do programa de actividades da V edición da Semana do Libro e a Lectura, que organiza Espazo Lectura coa colaboración co Concello de Gondomar, terá lugar unha sesión do Club Lecturas Debuxadas, onde se contará coa presenza de Brais Rodríguez, quen falará aos asistentes sobre a súa obra A man do diaño (Demo editorial), obra gañadora do VI Premio de Banda Deseñada Castelao.

A Coruña: A Literatura e o Cinema, con Carlos Amil e Margarita Ledo, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura

O mércores 18 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), continúan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e o Cinema, onde participan como relatores Carlos Amil e Margarita Ledo, presentados por Antía Otero.

Cristina Ferreiro gaña o XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“O xuri do XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Antía Otero, Estevo Creus, Francisco X. Fernández Naval, Francisco Pérez e María Casar, reunido na Casa do Concello de Sarria o sábado 14 de abril ás 11:00 horas, tras realizar a derradeira deliberación á que chegaron 12 poemarios resolveu conceder o premio á obra presentada baixo o lema: Abecedario póstumo, do que resultou ser autora Cristina Ferreiro.
O xuri destaca que o premio Fiz Vergara de poesía chegue a esta edición cunha enorme vitalidade, demostrada polo número de orixinais presentados, así como pola elevada calidade dos seus textos, o que o converte no centro das olladas de moitas e moitos poetas e un referente no panorama literario da poesía galega.
Esta obra foi destacada polo seu ritmo, por tratarse dunha peza non compartimentada, na que estamos ante un poema longo que inclúe textos de prosa poética e no que se reflicte a contemporaneidade máis actual. É, en certa medida, unha testemuña deste momento histórico, non como denuncia senón como receptora da realidade que vivimos. Reveladora e en certo modo visionaria. Nela trabállanse moi ben os silencios e as pausas, deixando espazos para o lector.
O xuri destacou que hai no libro un latexo de cidade asolagada que entronca co mito das cidades asolagadas galegas e co momento de incerteza e cambio que vivimos.” Vía A. C. Ergueitos.

Xosé Neira Vilas: “Arrancaban os mozos do agro e metíanos á forza no frente de guerra”

Entrevista a Xosé Neira Vilas en Praza:
“(…) – Praza (P): Esperando o leiteiro é un monólogo con moitas conexións coas súas anteriores obras sobre a emigración. Lembra tamén a Memorias dun neno labrego
– Xosé Neira Vilas (XNV): Ten cousas semellantes, si, ás obras que situei no ámbito da infancia. Pero cambian as situacións, a linguaxe… É un monólogo en segunda persoa, que non é algo habitual na literatura galega. Con algo de costumes, de antropoloxía, de socioloxía… Está ambientada nunha época moi triste, que foi a dos anos 40. Pero este libro, ao contrario de Memorias, tamén ten moito humor. É certo que eu tratei moito dous temas nas miñas novelas: a aldea e a emigración. Pero chegou un momento, cando estaba en Cuba, que decidín deixar de lado a narración ficional e dedicarme á investigación. Entendino como un deber con Galicia. Despois volvín á novela. (…)
– P: Hai moita historia tamén na novela. A guerra civil, os escapados, o contrabando de wolframio… Respecto da guerra hai nos personaxes un sentimento de incomprensión, como se fose algo alleo a eles. Que quería subliñar?
– XNV: É unha obra de fición, pero tamén recolle testemuños reais. É verdade que os soldados andaban devorados polos piollos, que algúns se disparaban nos dedos para que os levasen… e que ían de caza cando non estaban combatendo. Quixen salientar algo que xa dixen máis veces, que é que arrancaban os labregos do agro e metíanos á forza no frente de guerra. Non sabían nin onde estaban, nin sabían por que loitaban. Eran recrutados, non era unha cuestión de ideoloxía. O do wolframio era a corrupción total. Gañábase moito diñeiro, e ata traían prostitutas de Francia. Os gardas requisaban as pedras que levaban os labregos para o contrabando e vendíanas eles mesmos. Eu mesmo sendo rapaz fun algunha vez, pero non atopei ningunha daquelas pedras. Corrín, si, diante dos gardas. Mesmo a xente que traballaba de xeito legal buscando wolframio collía algunha pedra para vendela de estraperlo. Chegou a cousa a tanto que deixaban as terras sen traballar para dedicarse a buscar o mineral. En Querido Tomás falo algo disto. (…)”

A AELG apoia o Manifesto pola Declaración do Parque Natural do Monte Pindo

O 7 de setembro do ano 2010, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Historia Natural presentan unha proposta no Observatorio Galego da Biodiversidade, para a declaración do Monte Pindo, Parque Natural. Ao abeiro desta proposta un grupo de persoas concienciadas con ese sentimento  reúnense para crear unha asociación que apoie e defenda esa proposta. Así é como o 17 de outubro do 2010 nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural, cuxo fin non é outro que apoiar a a declaración do Monte Pindo como parque natural. Pensamos os membros da asociación o que moitos galegos e galegas xa viñan dicindo fai tempo: que xa abonda, que o Monte Pindo non pode seguir abandonado á súa sorte, que todos xuntos temos que facer algo por recuperalo.
Por outra banda a Xunta de Galiza, o noso máximo organismo, aquel que ten que mirar polos galegos e todo o seu, tamén ten que mover ficha, non pode ficar de paparolo ollando como o noso patrimonio natural é destruído. Nós coidamos que o parque natural é a figura axeitada para a protección integral do Monte Pindo. Despois de máis dun longo ano de xa duro traballo e numerosas reunións e encontros a Xunta de Galiza di que tal como está agora xa está ben protexido.  U-la protección? O Pedregal sofre devastadores incendios cada década, os vehículos a motor campan ás súas anchas por toda a serra, atinxindo dano a flora e a fauna e estragando os camiños tradicionais, o noso patrimonio arqueolóxico é atacado e saqueado, lembrémonos do ataque vandálico a inscrición de Penafiel. Este non é desgraciadamente o único acto rexeitábel, pois por todas partes aparecen pintadas que destruen a beleza natural do Olimpo Celta. O 4 de febreiro do ano 2012, a Comisión 7ª do Parlamento Galego ven de rexeitar unha Proposición non de lei apoiada polos grupos da oposición para instar a Xunta a declarar o Monte Pindo parque natural, unha vez máis a Xunta volve a rexeitar o criterio de de numerosos científicos, profesores universitarios, viciños, e ducias de colectivos sociais e sectoriais. O Olimpo Celta está clasificado como punto xeolóxico do estado español, polo seu abrupto relevo de rochas graníticas a rentes do mar. Ten un total de oito especies de plantas protexidas polo Catalogo Galego de Especies Ameazadas. Tres especies de fauna protexidas polo Catalogo de Especies Ameazadas, e sete especies protexidas polo Libro Vermello de Vertebrados de España. O estado español valorou declarar o Monte Pindo parque natural no ano 1917, ¡levamos 100 anos agardando que se faga realidade! ¡100 anos de oportunidades perdidas!. Porque reclamamos o parque natural para o Monte Pindo? Porque o parque natural pode desenvolver as medidas necesarias, vixilancia, para a prevención de incendios forestais. O Monte Pindo é un lugar cun alto potencial turístico, deben fomentarse os usos turísticos e recreativos sustentábeis, que non fagan minguar a calidade ambiental da área, nin poñan en perigo a conservación dos seus valores naturais e culturais. Que se creen partidas e postos de traballo para impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental e o recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respecto imprescindíbel para logralos obxectivos de conservación. O parque natural pode promove-la salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais e arqueológicos, porque a Xunta de Galiza está obrigada a velar pola conservación e restauración nos casos que se requira dos valores arqueolóxicos histórico artísticos e etnográficos, e en xeral por todas as manifestacións artísticas que existan nun parque natural. No ano 2011 presentouse no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña, a tese doutoral “Xéneses de cavidades graníticas en ambientes endóxenos e esóxenos”. Foi presentada por Juan Antonio Mayor Rodríguez, e dirixida polo profesor Juan Ramón Vidal Romaní. Sobre a importancia do macizo do Pindo o relator da tese é claro: “No referente a vertente humana e social, cremos que estas formas que acabamos de estudar deben ser consideradas como monumentos naturais e polo tanto ser obxecto de especial protección polas autoridades competentes. Ser referentes no que atinxe a súa xeomorfoloxía granítica, como xa o son noutras partes do mundo como por exemplo os Yosemites en California, Castle Rock en Idaho, ou Kangaroo Island en Australia. Son referentes en primeira liña a fervenza do Xallas, os tafoni-cova e os tafoni-pía, o cume da Moa e ás formas graníticas que se atopan o longo do seu percorrido. Por todo elo é ben merecida a aspiración a parque natural como figura legal pertinente de esta zona”. Hoxe 14 de abril do ano 2012, reclamámoslle a Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, que sen máis dilación declare o parque natural do Monte Pindo. E isto significa xa. Reclamamoslle que non peche os ollos a petición dos galegos e das galegas hoxe aquí xuntados. Non imos parar ate ter os nosos obxectivos cumpridos. Máis cedo que tarde o noso soño de ser parque natural vai-ser realidade. Parque natural XA!

CONVOCA

Os recortes deixan á Academia Galega nunha «grave» situación

“O recorte do 62 % que os presupostos xerais do Estado teñen previsto para a Real Academia Galega deixan a esta institución nunha «grave» situación, segundo admitiu o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín. A RAG ten paralizadas as súas actividades e pode manter polo momento o seu funcionamento básico, pero Méndez Ferrín admitiu que «non queda marxe de manobra». Os presupostos estatais consignaron en 2011 unha partida de un millón de euros para a Real Academia Galega, cantidade que tentaba compensar o agravio comparativo con institucións como a catalana e a basca, que superaban esa cantidade, mentres a RAG non chegaba aos 200.000 euros. Esta consignación tiña que ser aprobada anualmente. «A comparativa das cifras xa o explica todo, pero ademais está o agravio histórico, porque as outras academias levan dez anos con esas asignacións e para a galega era o primeiro ano que se conseguía», di o presidente da RAG. O recorte sobre ese millón consignado o exercicio pasado volve a deixar á Academia con ingresos precarios e, segundo sinala o seu presidente, «sen que tampouco a Xunta veña a rescatarnos, porque este ano rebaixou un 28 % e xa o ano pasado nos recortara a asignación». Para Méndez Ferrín, o «rescate» pode vir dos diputados galegos no Congreso, que introduzan «unha modificación parlamentaria nos presupostos e se incremente a asignación». «Confiamos en que os diputados galegos do PP, do PSOE e de Bloque veñan ao rescate e, como xa sucedeu na lexislatura anterior, melloren a cantidade inicial prevista», declarou Ferrín. Co recorte decidido polo Ministerio de Educación y Cultura, explica o presidente da RAG que do que os galegos aportan aos presupostos do Estado «están destinando máis diñeiro para financiar a Academia de Farmacia que a súa academia da lingua, e non creo que iso lle guste a ningún galego». Ferrín advertiu que se non se consigue unha enmenda aos presupostos a «Academia quedará nunha situación económica moi grave».” Vía La Voz de Galicia.

A Coruña: Ciclo Escrita(s), en Sargadelos

A Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, retoma o Ciclo Escrita(s), que baixo o título Alteridades dun secreto a voces, recolle a experiencia que coa(s) escrita(s) manteñen varios autores, tratando de atravesar a partir das diferentes liñas de universo dos/das conferenciantes/conferenciantas a proliferación das inscricións que fan con nós comunidade. O programa destas charlas, todas elas ás 20:00 horas, é o seguinte -pódese descargar tamén aquí: Sargadelos 2012 Escrita(s)-:

– Sábado 21 de abril: Óscar Rodriguez de Dios, Telegrafías. Tentativas para tropezar con outros.
– Xoves 26 de abril: Abraham Rubín, Deconstrución e outro. unha fantoloxía do acontecemento.
– Venres 4 de maio: Beatriz Blanco, Restos da(s) lingua(s): a escrita como síntoma.
– Venres 11 de maio: Ramiro Ledo, Reciclar a carraxe.
– Venres 25 de maio: Clara Gayo, Sempre que penso no medo, me ataca o amor.
– Venres 8 de xuño: Marta Pérez Pereiro, Errantes e místicas. Andar sen rumbo no cinema contemporáneo.
– Venres 15 de xuño: Miguel Mosqueira, A xentileza da desesperación.
– Venres 22 de xuño: Delmiro Rochá, A escritura poética ou a douta ignorancia.

Santiago: presentación de Globalización e imperialismo cultural

O martes 17 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Globalización e imperialismo cultural, compilado e traducido por Manuel Outeiriño, publicado en Galaxia, quen participará no acto xunto a Carlos Lema e Antón Figueroa.