Entrevista
a Mario Regueira en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LO): “A sorpresa do lector non diminúe malia a dosificación da traxedia, o que fala moi a favor das boas artes do autor”, afirma unha crítica asinada por Inma Otero. Era a novela curta [Outono aquí] o mellor xeito de manter a tensión narrativa ao longo de toda a obra?
– Mario Regueira (MR): O termo “novela curta” é moi útil a nivel informativo pero non deixa de ser bastante relativo, como case sempre que falamos de xéneros ou subxéneros literarios. Esta novela anda preto en dimensións da anterior, que nunca foi cualificada de curta, e algunha amiga fíxome notar que con dous capítulos máis podería competir sen problemas nun premio de novela longa. Nese sentido, non diría que foi pensada á mantenta como curta, e aínda que é certo que cada dimensión narrativa esixe a súa propia arquitectura, non creo que a tensión narrativa sexa máis doada de conseguir nos percorridos curtos, só que as técnicas para lograla son diferentes. (…)
– LO: A miúdo debátese sobre a necesidade de internacionalizar a nosa literatura. Aínda que houbo algúns casos puntuais, os intentos por entrar nos mercados máis próximos (mesmo no Estado Español ou Portugal) apenas deron resultados. Que é o que falla á hora de darnos a coñecer fóra?
– MR: Fai falta existir. Hoxe por hoxe a cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional, que ningunha das iniciativas pasadas conseguiu aminorar. Fóra do noso país non somos practicamente coñecidos e así é moi difícil suscitar algún tipo de interese, e moito máis cando o que queremos poñer nos mercados son as nosas historias. Non serei o primeiro galego que, ao ver que non escribía en castelán, lle preguntaron no estranxeiro se era vasco ou catalán e tivo que explicar durante un bo anaco que non era ningunha das dúas cousas. Anécdotas coma esta, que se repiten nos países máis variados, deberan facernos pensar que vascos e cataláns existen, e nós estamos, para a maioría da xente, fóra da ecuación. E iso aínda en contextos, como o portugués, que deberan sernos naturalmente favorábeis. (…)
– LO: Outro dos debates candentes é a irrupción de novos formatos (libros dixitais), fálase moito sobre unha realidade que está aquí pero á vez semella que o sector (editores, autores, mesmo lectores) está como agardando acontecementos.
– MR: É moi frustrante a posición da maior parte dos axentes culturais galegos sobre este tema, especialmente porque o noso contexto cultural nunca se caracterizou por ser conservador nin temeroso ante os cambios. Porén, é como se a transición do libro obxecto ao libro dixital espertase fantasmas agochados e paralizase á maior parte das persoas que teñen que protagonizar o cambio. Guste ou non, os formatos dixitais acabarán tendo un papel moi importante no futuro, un papel que aínda se está definindo pero do que a cultura galega non pode quedar fóra. O estatismo, cautela, ou temor de moitos destes axentes o único que fará é que queden fóra dun cambio que se producirá de todas formas, mesmo pasando por riba deles. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
A Coruña: obradoiro Xeitos de ler, impartido por Dores Tembrás
Durante
os meses de maio, xuño e xullo de 2012, os martes entre as 18:00 e as 20:00 horas, desenvolverase na Librería Cascanueces da Coruña o obradoiro de poesía Xeitos de ler, dirixido por Dores Tembrás. Máis información, horarios, prezo, matrícula…..no seguinte contacto:
LIBRERÍA CASCANUECES
Rúa Cordonería, 10, baixo – 15001, A Coruña
Teléfono: 881887939
Correo electrónico: eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es
Os Eidos. Manuscrito autógrafo 1952-1954 contrastado coa edición orixinal (1955)
“En
edición de Anxo Tarrío Varela, ofrécese a transcrición completa do derradeiro manuscrito d’Os Eidos, de Uxío Novoneyra, e un seguimento paralelo da primeira edición do libro (1955), con indicación das interpolacións, engadidos e supresións que presenta a versión impresa respecto da manuscrita. Anótase a paxinación de ambos os dous textos, a do impreso entre corchetes [ ] e cor marrón, con dobre marcador diacrítico para diferenciala mellor visualmente da paxinación do manuscrito, representada unicamente en números con cor diacrítica verde. (…)” Vía Poesía Galega.
Castro de Rei: EntoleARTE. Proxecto de creación artística multidisciplinar no antigo manicomio de Castro
Este sábado, 14 de abril de 2012, entre as 12:00 e as 19:00 horas vaise desenvolver no Hospital Psiquiátrico San Rafael, en Castro Ribeiras do Lea, Castro de Rei (Lugo) a derradeira fase do Proxecto EntoleARTE. Con esta xornada de portas abertas ponse o ramo a este proxecto efémero de creación artística multidisciplinar que denominamos EntoleARTE, promovido pola Rede Museística da Deputación de Lugo, xunto coas áreas de Cultura e Turismo e Benestar Social. O que comezou a súa andaina o 10 de marzo, remata este sábado, 14 de abril de 2012, coas exposicións, intervencións e actuacións programadas no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico San Rafael, nunha xornada de intercomunicación dos creadores e das súas obras co público nun espazo tan singular, radical e telúrico coma este vello edificio do manicomio de Castro. O programa é o seguinte:
– 12:00 h.- Recepción por parte do comité organizador e apertura das instalacións ao público, ao que se lle facilitará un programa co itineraio para visitar as exposicións e co horario de cada unha das actuacións e intervencións previstas.
– 12:20 h.- Representación de Visitas guiadas, a cargo da Asociación Teatral do Miolo e Cía.
– 13:30 h.- Aparentemente de manicomio, performance de Paco Pestana.
– 14:00 h.- Representación dun fragmento de Na túa cara, in your face (baseada na vida e obra de Sarah Kane), a cargo da Compañía de Teatro USC-Lugo dirixida por Paloma Lugilde. Lugar: comedor.
– 15:45 h.- Representación de Metamorfose do señor López (fragmento) de Rubén Pérez Pombo (Palimoco Teatro). Lugar: corredor.
– 16:00 h.- Representación de Vacío de Alba Fernández (Palimoco Teatro) (creación a partir de 4.48 Psicosis, de Sarah Kane). Lugar: comedor.
– 16:15 h.- Emoción mutante, performance de Lomarti.
– 17:00 h.- Lectura de Identidade na Natureza, a cargo de Adela Figueroa.
– 17:10 h.- Danza. Representación de La maga (coreografía e interpretación a cargo de Marcela Aldavez). Lugar: Capela.
– 17:30 h.- Actuación musical a cargo de Os Minhotos por distintas dependencias do edificio.
– 17:50 h.- Danza. Representación de Pena Tirana, a cargo de Marcela Aldavez, coa asistencia coreográfica de Cristina Sánchez (Compañía Casa Bochinche). Lugar: Capela.
– 18:00 h.- Representación de A escoita do corpo, a cargo da Compañía de de Danza da USC-Lugo dirixida por Juan Carlos Zahera. Lugar: Cafetería.
– 18:25 h.- Actuación musical a cargo de Folgueada por distintas dependencias do edificio.
– 18:40 h.- Danza Butoh. Representación do Grupo Danza Butoh de Lugo. Lugar: Escaleiras, estancias e galería da planta primeira, con acceso desde o hall.
– 19:00 h.- Valoración, conclusións e clausura de EntoleARTE por parte do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e do deputado delegado da área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro.
– Proxección: durante toda a xornada proxectarase no salón de actos o documental Entre Marbella e Torremolinos (imaxes de manicomio) de Xosé Reigosa.
– Servizo de autocar. Nesta xornada haberá servizo de autocar gratuíto desde Lugo (Praza de Santo Domingo) ata o Hospital Psiquiátrico San Rafael, en Castro de Rei (Lugo), ida e volta, para todas as persoas e cos seguintes horarios:
Saídas desde Lugo: 11:15, 12:30 e 16:00 horas.
Regreso a Lugo: 13:00, 17:00 e 19:30 horas.
A Coruña: I Encontro da Nova Fantasía Galega
A punta de lanza electrónica
Desde Cultura Galega:
“O ámbito educativo é o sector predominante na edición de libros electrónicos en Galicia, tanto na investigación universitaria como nos materiais didácticos para profesores e alumnos de secundaria. Así o revela unha análise dos libros electrónicos dos formatos máis populares con ISBN de 2011. Malia ser a Universidade de Santiago a editora con maior número de libros electrónicos, o emprendemento privado é por agora clave no sector. A finais de marzo o Ministerio de Cultura fixo públicos os datos do informe Situación actual y perspectivas del libro digital en España II, nos que se indicaba que o pasado ano publicáronse en Galicia 470 libros electrónicos, un 13,4% do total da produción editorial galega. En culturagalega.org fixemos unha análise das categorías máis populares de publicación electrónica (CD-Rom, DVD, ebook en diferentes formatos, pdf) na base de datos do ISBN para coñecer como se configura a oferta en galego para o libro electrónico. (…)”.
50 anos da primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse
“A
Biblioteca Nodal Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida de Xoán XXIII) inaugura a exposición Os vellos non deben de namorarse, 1961-2011. Cincuenta anos na memoria, unha mostra que conmemora o 50 aniversario da primeira representación en Galicia da obra Os vellos non deben de namorarse de Castelao, o 25 de xullo de 1961 na compostelá Praza da Quintana. No ano 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por don Rodolfo López-Veiga, puxo en escena por primeira en Galicia a obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse. Pasados cincuenta anos daquel acto senlleiro da cultura galega, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, en colaboración coa Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, quere renderlle unha homenaxe a todos aqueles e aquelas que fixeron posible que, aquela noite do 24 de xullo de 1961, a Praza da Quintana estivese abarrotada, no que -no dicir de moitos dos intelectuais galegos da época- foi un dos máis senlleiros acto de manifestación galeguista do tempo. Dende a xunta directiva da Asociación Cantigas e Agarimos destacan que “Todos e todas os que hoxe formamos parte de Cantigas e Agarimos temos claro que é de galegos de ben o ser agradecidos, ou -como di Manolo Rivas– que no noso país, danse as grazas.” Amais desta exposición sobre a primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse entre o 10 e o 30 de abril, haberá un acto de agradecemento, o venres 13 de abril, ás 20:00 horas. A exposición pódese visitar durante o horario de apertura da biblioteca e acompañará á exposición unha mostra bibliográfica elaborada pola biblioteca con fondos da mesma, titulada Castelao dramaturgo: Os vellos non deben de namorarse.” Vía Fervenzas Literarias.
A obra Parvada leva o V Premio Compostela de Álbums ilustrados
“O
V Premio Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Concello de Santiago e a Editorial Kalandraka ten xa gañadores. O xurado seleccionaba onte a obra presentada co lema Parvada, dos mexicanos David Daniel Álvarez Hernández e Julia Díaz Garrido como gañadora desta edición. O traballo, que propón unha reflexión sobre a busca do progreso na sociedade, impúxose entre as 256 obras chegadas de 19 países que se presentaron a esta edición. Os gañadores levarán un premio de 9.000 euros e verán a súa obra publicada en castelán, galego, catalán, éuscaro e portugués. O xurado recomendou tamén a publicación da obra Seré…, de Daniela Iride Murgia.”
Vigo: edición de abril do Círculo Poético Aberto
Parlamento das Letras: Luís Rei Núñez
Entrevista
de Armando Requeixo a Luís Rei Núñez, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lles falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Luís Rei Núñez (LRN): Creo, e aproveito para dicilo agora que ninguén nos oe, que ás nosas letras lles sobra a compracencia. Con todo, é bastante peor o que lles falta: ó meu ver, unha aposta pola internacionalización do bo que aquí se fai, que non corre só por conta dun único escritor. Tamén, e dentro do país, falta máis visibilidade social, moitas máis bibliotecas e edicións masivas e desacomplexadas, aínda que sexa á custa de reducir á metade o número de títulos. Quizais como consecuencia disto, considero que sería beneficioso contar con máis escritores que escriban co espírito do artesán, e non co do artista, algo máis ben repugnante, e lectores que lean desentendéndose das cubertas dos libros, como se fai co viño nas catas cegas, algo moi recomendable. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LRN: Diría que a nosa literatura está acostumándose a vivir á marxe da saúde social da lingua, que atravesa momentos moi delicados, mesmo críticos. O certo é que o galego está no grupo dos derradeiros mohicanos dos idiomas, e os escritores somos ás veces os derradeiros mohicanos da Mohicania de Fisterra. Para evitar que esta situación nos anule, creo que paga a pena seguirmos traballando o máis abstraídos que poidamos. Con todo, e fronte a tantas razóns para o desánimo, o noso presente literario é para min, escritor, o meu presente literario. E o meu presente é seguir escribindo, a pesar de todo, por unha sinxela cuestión de saúde mental. Dicía Luís Seoane na dedicatoria dun libro: “A Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado, por todo canto fixemos xuntos en Buenos Aires, perdendo. Por canto soñamos en Galicia desde Buenos Aires, escribindo, pintando, loitando e perdendo. Soios”. É dicir, nosoutros estamos mal, e talvez debemos queixarnos, pero xa se estivo peor, e non por iso se deixaron de facer cousas.”

