Xosé Manuel Sánchez Rei: “Na celebración do Día da Galiza Mártir na Coruña”

DesdeXosé Manuel Sánchez Rei 2 Sermos Galiza:
Este discurso foi pronunciado por Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente da A. C. Alexandre Bóveda, durante o acto do Día da Galiza Mártir realizado na Coruña, no Paseo Alexandre Bóveda, o pasado 14 de Agosto.
“Amigas e amigos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, socias e socios da entidade, Sr. Concelleiro de Cultura do Concello de Coruña:
Douvos a benvinda a este acto convocado, como cada ano, para lembrarmos a memoria de Alexandre Bóveda e, por extensión, a de todas aquelas persoas que pagaron coa vida ou coa represión o amor pola súa patria. Hoxe é, con efecto, un día para nos non esquecermos deses homes e mulleres que en épocas convulsas tiveron a coraxe de alzaren a súa voz para reivindicaren os dereitos nacionais do país desde esferas tan diferentes, mais tan estreitamente vinculadas, como a lingua, a literatura, a organización política, a cultura ou os sectores estratéxicos para o desenvolvemento social e económico da nosa terra, un territorio onde o mundo adopta diferencial mais non caprichosamente o nome de Galiza. Falamos, centralmente, de Alexandre Bóveda, mais tamén de Pedro Galán Calvete, de Ánxel Casal, de Xoana Capdevielle ou dos operarios paseados nos bairros coruñeses de Cances, da Silva ou da Infesta, como ben nos lembraba o noso veciño do bairro da Fontenova, Antón Patiño, no seu libro Memoria de ferro. Falamos de todas aquelas xentes torturadas, represaliadas, silenciadas ou desposuídas violentamente da súa dignidade, unicamente por manifestaren o seu compromiso cos valores da igualdade, da liberdade e da súa benquerenza co país. Elas e eles enforman o noso “valeroso clan”.
E referímonos tamén a aquelas mulleres que tiveron o infortunio de saberen que os seus compañeiros e fillos e pais e irmaos e amigos e avós e veciños e curmaos foran asasinados nos valos dos cuarteis e nas gabias do campo, ficando así soas perante a vida. Falamos tamén daqueloutras que foron sometidas ás máis horríbeis barbaries contra o seu xénero, quer de modo efémero ou duradoiro, quer de maneira esporádica ou constante, por aqueles que, coa cruz nunha man e a espada machista chea de sangue noutra, reclamaban xustiza, segundo se narra, por exemplo, na obra de Xosé Fernández Ferreiro Agosto do 36. Temos connosco, pois, os nosos mártires, as nosas mártires, aínda hoxe moitos deles desaparecidos en foxas comúns ou atirados, como sacos, ao mar, ás lagoas, aos cantís, aos ríos máis caudalosos. Está aquí connosco, igualmente, o espírito de Moncho Reboiras, patriota galego asasinado tamén un día de agosto, o 12, asasinado polos mesmos seres, que, con fatos diferentes, con rostros diferentes, até con identidades distintas, fusilaron Bóveda na Caeira no día 17 agosto de 1936.
Por todo iso estamos aquí a estas horas. A Agrupación Cultural a que dá nome o egrexio nacionalista naceu no ano 1976 e ten nos estatutos, cal unha das súas finalidades máis transcendentes, a promoción da lingua e da cultura galegas, mais tamén a promoción da figura e do pensamento de Bóveda. É unha honra para min, pois, presidir unha entidade que persegue tales metas e que conta con arredor de duascentas cincuenta persoas asociadas que partillan idénticas ou similares vontades. Bóveda representa indubitabelmente un dos persoeiros que o pobo galego non debería sentir como case un descoñecido, como unha persoa allea que aparece, ocasionalmente, nalgún libro de texto ou nalgunha efeméride de xornal. Asasinado polo chumbo da intolerancia só por defender a súa patria desde a razón e desde a palabra, desde a democracia e desde o compromiso, silenciado de maneira consciente polos poderes públicos mesmo na actualidade, ocultado o seu contributo profesional para o desenvolvemento económico da Galiza, faise preciso que o seu pensamento e a súa personalidade deixen de engrosar as sombrías gavetas da amnesia colectiva para así faceren parte da nómina daqueles homes e mulleres que levan construído a contemporaneidade do país.
Máis un ano, por tanto, xuntámonos para reivindicarmos a figura de Alexandre Bóveda e a de todas aquelas persoas que coadxuvaron na rexeneración da Galiza e que perderon a vida por esa nobre encomenda. Foron mártires, con efecto, mais o seu martirio non foi en van, o seu esforzo non foi de balde: á súa sombra, coa súa inspiración, naceron colectivos e organizacións de diversa índole que recolleron a luz do seu pensamento e a forza da súa verdade e que o proxectan na sociedade galega para aprimoraren o país. Pensamos en organizacións sindicais, partidos políticos, asociacións culturais etc., que levantan a bandeira da dignidade no nome de Bóveda, Galán Calvete, Casal, Reboiras e no nome de todas as mulleres e homes asasinados ou represaliados polos fascistas a partir do ano 1936.
Os gobernos español e galego teñen provocado que os tempos actuais constitúan unha época de retrocesos en materia social, cultural e política, calibradamente pensados polos poderes económicos que obedecen a diversos nomes: a Troika, o Eurogrupo, o FMI, a Eurozona… Amparándose nunha selvaxe crise socioeconómica que reflicte o insuceso do sistema liberal e as súas consecuencias máis daniñas para as maiorías sociais, eses gobernos tencionan varrer de vez todo aquilo que nos diferencia como integrantes do pobo galego. Así, no referente ao trato coas organizacións de cultura de base, e ao mesmo tempo que nos últimos anos se levan concedendo subvencións a asociacións culturais e veciñais de máis que dubidosa existencia e traxectoria, foron invalidados acordos e convenios consensuados hai ben tempo para desta maneira tentar que agrupacións como a nosa, como a A. C. Alenxadre Bóveda, deixen de facer labor sociocultural, embora sen o conseguiren: aí é onde lles proe, aí é onde lles máis doe. Esperamos que esta situación de recoxía intelectual e ética poida mudar nos próximos tempos e que poidamos recuperar o que merecemos polo noso traballo como A. C. Alexandre Bóveda.
Hai uns instantes falamos de mártires representados na figura de Alexandre Bóveda desde o ano 1936, desde a sublevación asasina contra a legalidade democrática refrendada nas urnas. Mais tamén, presentemente, hai outros martirios que o pobo galego sofre e que tampouco poden ficar no esquecemento social. Un deles é o da súa lingua, martirizada con leis e decretos lesivos proxectados polos mesmos gobernos que teñen a obriga de a defenderen e de a promocionaren; como di a profesora María Pilar García Negro, “a lingua galega non está morta, está mortificada”, martirizada, e queremos, como pobo galego, como A. C. Alexandre Bóveda, que deixe de o estar de vez; queremos a nosa lingua gastadiña polo uso, en todos os recunchos dos corazóns, en todas as esquinas do noso país. Outro dos martirios actuais na Galiza é o que sofren as mulleres que non poden decidir o que faceren co seu corpo para conciliaren en liberdade a súa sexualidade coa vontade ou non de seren nais, vetándoselles o dereito á interrupción da gravidez cando quixeren e infantilizádoas conscientemente para non poderen exercer o tal dereito. Esas mesmas mulleres sofren un outro martirio, cal é o da violencia machista, que cada ano deixa sen vida moitas persoas ás maos de homes de mentira, co corazón laminado de carraxe e de odio, como os fascistas do ano 1936, porque, como dicía o meu avó, “Quen bate na muller nin é home nin é nada”. Martirio singular é, tamén, o que padecen a nosa cultura, a nosa música, os nosos produtos audiovisuais, practicamente inexistentes para algúns organismos gobernamentais, máis interesados por outras manifestacións culturais que nada ou moito pouco nos din, mesmo en termos de beneficios económicos para a sociedade galega. A nosa toponimia, por súa vez, leva sofrendo tamén un especial martirio, tanto na Coruña canto no resto do territorio: aínda hoxe lemos e escoitamos na nosa localidade barbarismos cal *Avenida de Arteijo, *Camiño da Jouxa, *Peñamoa, *La Moura, *La Silva etc., en que se patentea propositadamente a hibridación co español; e aínda hoxe tamén achamos no rueiro coruñés outros microtopónimos que honran os amos da barbarie fascista, como Alférez Provisional, Cabo Santiago Gómez, General Mola etc. (a A. C. Alexandre Bóveda ten unha rica traxectoria na reivindicación e recuperación dos nosos nomes de lugar tradicionais e, xa que contamos coa presenza neste acto co Sr. Concelleiro de Cultura, quero aproveitar para pedir que o goberno municipal volte a colocar o indicativo do “Paseo Alexandre Bóveda” no lugar en que antes estaba e non no sitio en que foi chantado hai algún tempo; e, xa de vez, tamén gostaría de solicitar que se lle conceda unha rúa de verdade, a que xente poida dirixir cartas e da cal se poida dicir que “Moro na Rúa Alexandre Bóveda” ou “Vou para a Rúa Alexandre Bóveda”). Máis un martirio actual é o que leva desangrado o país en forma de emigración cualificada, isto é, millares de mozas e mozos cun alto nivel de formación académica que se ven na obriga de iren procurar un medio de vida a outros países porque neste, entanto que colonia do Estado español, non conseguen un posto de traballo. Igualmente, martirizan a nosa sociedade as decisións adoptadas en España ou en Bruxelas destinadas a acabaren cos nosos sectores produtivos estratéxicos, tales como o leite, a pesca, a construción naval e aínda outros que poderiamos citar aquí; por acaso non enforman tamén mártires actuais esas labregas e labregos aos cales lles poñen unha multa por traballaren, por produciren leite? Non son igualmente mártires esas xentes do mar que teñen de sofrer, por exemplo, non poderen pescar xarda, mais que presencian como entra xarda norueguesa nos portos galegos até un total máximo de 500.000 toneladas?
Estes son algúns dos feitos que máis dano fan ao pobo galego na actualidade. E con todos os seus mártires e as súas mártires a A. C. Alexandre Bóveda manifesta a súa máis profunda solidariedade e o seu constante compromiso. Se desde o ano 1936 e durante uns cantos a seguir a violencia se orientou contra Bóveda e outros moitos correlixionarios galegos, observamos como presentemente existen outras estratexias que traen consigo consecuencias terribelmente negativas para a Galiza, desenvolvidas con outros tipos de violencia.
Mais as dificultades con que batemos no día a día do noso labor como A. C. Alexandre Bóveda non implican de seu unha derrota perenne, ben antes o contrario: tornan necesaria a reafirmación nos sinais identitarios do pobo galego, no orgullo de levarmos a bandeira da razón, na reivindicación constante de todo aquilo que se nos tenciona ocultar. No Día da Galiza Mártir, nesta cidade ártabra da Coruña (localidade en que, lembremos, naceron as “Irmandades da Fala”, a “Biblioteca Gallega”, a “Sociedad del Folk-lore Gallego”, a Real Academia Galega etc., e cidade que foi, ao mesmo tempo, residencia derradeira de Manuel María, socio de honra da nosa asociación e activo colaborador dela), honramos, como ficou dito antes, a memoria da xente que deu a súa vida polo país. Honremos tamén a súa lembranza e o seu compromiso e non permitamos que os conxunturais empecementos que achamos diariamente na defesa da lingua e da cultura galegas nos transporten a unha singradura do desánimo. O futuro dará a razón a aquelas persoas que, como Bóveda, traballaron para construíren un país mellor, máis próspero, soberano, solidario e politicamente maduro, sen dependencias externas, nin de Madrid nin de Bruxelas, para decidiren e tracexaren o seu futuro. O futuro, por tanto, non pode ser máis que noso, porque canto maior for o inimigo maior será tamén a vitoria.
Máis nada e moito obrigado.
Viva a nosa Patria!”

A Coruña: acto de lembranza de Alexandre Bóveda, no Día da Galiza Mártir

OA. C. Alexandre Bóveda venres 14 de agosto, ás 20:00 horas, no Paseo Alexandre Bóveda (zona de Catro Camiños), na Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza un acto en lembranza do Día da Galiza Mártir. O programa é o seguinte:

20:00 h. Actuación do- gaiteiro Pepe Vaamonde.
20:15 h. Intervención do Concelleiro de Cultura da cidade da Coruña, Sr. D. José Manuel Sande (ou persoa en quen delegar).
20:30 h. Interpretación do “Alalá do Silencio” a cargo de Ricardo Seixo, autor da letra do poema.
20:35 h. Intervención do Presidente da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Xosé Manuel Sánchez Rei.
20:50 h. Ofrenda floral a Alexandre Bóveda simbolizada no momunento deseñado e elaborado polo artista Pérez Porto.
20:55 h. Encerramento do acto coa interpretación do Himno Nacional Galego a cargo do gaiteiro Pepe Vaamonde.

Mini e Mero levan o premio Día da Galiza Mártir

“A Fundación Alexandre Bóveda decidiu homenaxear este ano o traballo a prol da memoria histórica de Xosé Luís Rivas Mini e mais Baldomero Iglesias Mero. Os dous investigadores e músicos recibirán o vindeiro 17 de agosto en Pontevedra o premio Día da Galiza Mártir. O galardón recoñece, segundo a fundación, a preocupación por investigar a represión franquista así como un importante traballo de divulgación mediante cancións coma Romance de cego á caída de Manuel Ponte ou Comandante Moreno ou As Cunetas ou o disco Silencios na memoria, realizado co grupo A Quenlla e que está centrado nesta temática.” Vía Cultura Galega.