Vigo: presentación de Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase o libro Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González, publicado por Xerais.

Tui: presentación de Cartografías do derrubo, de Carme Adán

O xoves 15 de marzo, ás 20:15 horas, na Sala Félix Rodríguez (no edificio Área Panorámica) de Tui, preséntase Cartografías do derrubo: escribir no xornal, de Carme Adán, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas. No acto participan, xunto á autora, Marga do Val e o editor desta obra Xavier Paz.

Xosé Vázquez Pintor: “Tratáronnos como a malditos que non sabiamos escribir”

Entrevista a Xosé Vázquez Pintor en Praza:
“(…) – Praza (P): Seara reúne 40 anos de poesía. Nótase ben como foron evolucionando os seus versos. Os primeiros riman…
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Os do principio son, si, os da frescura. Xa digo no limiar que daquela eu era analfabeto en metáforas. Despois fun aprendendo e perdendo medos. Escribiamos o mellor que sabiamos. María Victoria Moreno reuniu nun libro a dez poetas daquel tempo, e chamounos os Novísimos. Pero xurdiron críticas, comezouse a dicir que o noso traballo tiña eivas… Tratáronnos coma a uns malditos que non sabiamos escribir. Pero fomos quen de seguir, en territorio hostil. Isto foi nos 70. Despois viñeron os 80, nos que os da poesía social xa chegabamos tarde, xa a moda era outra. Pero seguimos, cada un polo seu lado. (…)
– P: Os dous últimos libros de Seara eran ata agora inéditos. O primeiro, Anuncian aves, reflicte as súas sensacións ante obras de arte de pintores e escultores. O segundo, Os versos do zapateiro, son eses poemas encargados. Pero volve falar de deserción da nosa identidade, da nosa historia… e do “desgoberno” que esmaga a lingua, a cultura, a paisaxe…
– XVP: O primeiro é resultado de interpretar o mundo dos nosos pintores e escultores. A algúns coñecinos, como a Díaz Pardo, e a outros non. O libro é como unha crónica do que me transmitiron. Por sorte din con Espiral Maior, que edita os meus poemarios desde Rotación violeta. En Os versos do zapateiro está por exemplo o poema a Balbino. Un día chamoume Neira Vilas e pediumo. Ten que ver co risco de perder a lingua… O de zapateiro é ademais un oficio que sobrevive grazas aos encargos. Falo de desgoberno, si, porque só hai que ollar a actualidade. Teño un poema dedicado a Man de Camelle, polo do Prestige, e aí está a destrución do medio. Do mesmo xeito que no de Balbino está a perda da lingua, da cultura… os malos camiños polos que os políticos nos están a levar.”

Pontedeume: charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, con Ramón Nicolás e Luís Ferreiro

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores (Rúa Ferreiros, 20) de Pontedeume, terá lugar unha charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, coa presenza de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, fillo do escritor. O acto está organizado pola Lonxa Literaria do Ateneo Eumés Fernán Martís, e, dentro del, leranse poemas de Viaxe ao país dos ananos.

Vigo: novo combate dos Poetas da Hostia

O mércores 14 de marzo, ás 16:30 horas, no Bar Leonardo da Vinci (antigo Universitas, Praza Miralles) de Vigo, terá lugar un novo combate dos Poetas da Hostia. Nesta ocasión, enfrontaranse os poetas de Ferdinand de Saussure contra os poetas de Noam Chomski, nun recital organizado pola Asociación Trabalingua.

Lugo: recital poético de Susana Sánchez Arins

O xoves 15 de marzo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), e dentro das actividades de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, organizada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, terá lugar un recital poético a cargo de Susana Sánchez Arins.

Gondomar: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, dentro do ciclo Tertulias do Instituto de Estudos Miñoranos, preséntase a novela Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participa María Luísa Varela.

A Coruña: mesa redonda sobre A situación da prensa en galego

O xoves 15 de marzo, ás 20:30 horas, no salón de actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha mesa redonda baixo o título A situación da prensa en galego, coa participación de Xosé Ramón Freixeiro (Sermos Galiza), Henrique Sanfiz (secretario de Radiofusión), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Filipe Díez (Praza pública) e Alfonso Riveiro (L-V).