O
martes 13 de marzo, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar unha nova sesión mensual do Clube de Lectura Sete Vidas, coa participación de Xavier Queipo, quen conversará arredor da súa novela Extramunde, publicada en Xerais, cos lectores e lectoras asistentes.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Intervención de Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez e Ángel de la Cruz en Eirado
Desde Criticalia, o blogue de Armando Requeixo:
“O pasado sábado día 3, os amigos do programa Eirado da TVG convidáronme a unha entrevista para falar da aparición do volume Criticalia. Con tal motivo, tiven o pracer de conversar co periodista Pemón Bouzas sobre diversas cuestións literarias que xiran arredor do libro. No mesmo programa participaron tamén o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias e o escritor e cineasta Ángel de la Cruz; o primeiro en calidade de presidente da AELG para informar das últimas actividades que esta ten posto en marcha e o segundo co gallo do seu éxito na cerimonia dos Goya mercé ao filme de animación Engurras, co que recibiu, como guionista, o Premio ao Mellor Guión Adaptado deste ano. (…)”
Rexina Vega: “Dark Butterfly parte dunha experiencia persoal que necesitaba contar”
Entrevista
a Rexina Vega en Radiofusión:
“Cinco anos despois de gañar o Premio Xerais con Cardume, Rexina Vega déixanos ler a súa segunda novela, Dark Butterfly. Unha obra que, xa nos advirten antes de abrila, é “dura, triste e abrumadora”. A propia autora confesa que sentía a necesidade de escribila para canalizar a súa dor. “Parte dun feito biográfico: a miña irmá era esquizofrénica”, explica, ao tempo que matiza que esa vivencia persoal combínase cunha “intelectualización”. “Intentei narrar o horror da enfermidade mental desde un punto de vista metafórico e desde un ton poético”, afirma. A denuncia forma parte tamén desta novela que acaba de chegar aos andeis das librarías da man de Edicións Xerais. En Dark Butterfly Rexina Vega describe o proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á marxinación e a exclusión e critica o “fracaso do sistema sanitario”. “Unha porcentaxe importante de enfermos non se curan nunca e a psiquiatría só ten como alternativa a farmacoloxía”, asegura a escritora, que entende que os fármacos funcionan como “neutralizadores da vontade e a dignidade”:
No tren de Casares
Desde Brétemas, blogue de Manuel Bragado:
“Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.”
No tren de Carlos Casares from Illa Bufarda on Vimeo.
Conxo: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei
A
cuarta feira 14 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións (Rúa Manuel Beiras) de Cornes, Conxo, terá lugar a presentación do libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Ramón Freixeiro Mato e Néstor Rego.
Entrevista a Xosé Neira Vilas: A xuventude no alén-mar dos anos 50
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en Praza, a cargo de José Martínez-Romero Gandos:
“Sempre é bo escoitar dun emigrante galego retornado un cacho de historia vivida e sentida no alén-mar. Falaremos hoxe con Xosé Neira Vilas a quen preguntamos sobre a xente moza da emigración. Poderíamos falar dabondo da xente moza do alén-mar emigrante. Houbo (e hai aínda hoxe) moitos emigrantes ou fillos/netos deles que traballaron arreo na defensa, mantemento e desenvolvemento da cultura galega alí onde se atoparon. Mais deixemos correr á imaxinación e sentemos nun tallo, ó carón da lareira, para falar con este home que naceu aló polo ano 1928 en Gres (Vila de Cruces) onde hoxe mora, na casa-museo-biblioteca que constitúe a Fundación Neira Vilas. (…)”.
Santiago: recital Picaversos sobre as viaxes
O
martes 13 de marzo, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Viaxes, coa participación dos poetas Juan Carlos Valle “Karlotti” e Yolanda Castaño e a cantante Najla Shami.
Libros de OQO e Kalandraka elixidos entre os 250 mellores do mundo
“A
literatura infantil editada en Galicia volve conseguir un ano máis entrar na prestixiosa selección The White Ravens 2012, que elabora a Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich entre libros en máis de 30 idiomas e procedentes de 50 países. As editoras Kalandraka e OQO, referentes na edición infantil, viron elixidos cadanseu libro para a exclusiva lista deste ano que se presentará o 21 de marzo no marco da 49º Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Por parte de Kalandraka incluíuse o libro gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto e por parte de OQO foi Zimbo, de Arturo Abad e Joanna Concejo o elixido como un dos mellores 250 libros infantís do mundo editados en 2011. As dúas editoras galegas participarán na feira de Boloña con postos de exposición propios segundo fixeron público nos seus comunicados.” Vía Cultura Galega.
Vigo: presentación de Nómades, de Xosé Tomás
O
mércores 14 de marzo, ás 19:30 horas, no Centro de Recursos Feministas de Vigo (Biblioteca Central. Joaquín Yáñez, 6, segundo andar), Xosé Tomás presenta a novela gráfica Nómades, publicada en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por Francisco Castro.
Avilés de Taramancos: Poemas desde a distancia
Desde Cultura Galega:
“Nos anos 70 Antón Avilés de Taramancos gravou na súa casa de Cali (Colombia) os seus Poemas da ausencia, que despois se publicarían en Noia no ano 1982, no volume O tempo no espello. No 2003, coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado a Antón Avilés de Taramancos, o Arquivo Sonoro de Galicia editou o volume 19 da colección As nosas voces, reunindo estes poemas e algunhas entrevistas concedidas por Avilés nas que reflexiona sobre a súa vida, a poesía e Galicia.”